Melloras técnicas importantes en Capítulo 0

Non se ven na portada, pero eran dúas melloras importantísimas e básicas a nivel técnico:

1. Post optimizados para impresión. Imprimir un post de Capítulo 0 era mortal. Como te despistaras saían sete follas inútiles da impresora. Está solucionado. Pincha no interior do post e, ao final, antes da publicidade, verás a icona dunha impresora. Aparecerá só o que figura no post e nos comentarios. Empreguei o plugin WP-Print.

2. Aínda máis importante. O buscador. O buscador nativo de WordPress, que fai buscas simples en MySQL a través dunha miserábel consulta LIKE, non se axeitaba aos procesos de busca en Capítulo 0, porque o blog xa ten miles de entradas e un corpus de termos considerábel. Cambiei, xa que logo, ao Google Site Search: simplemente lamentábel (Google, quen te viu e quen te ve!). Examinando os rexistros das buscas que fan os usuarios de Capítulo 0, descubrín que, en gran medida, practican algo así como “memoria evocativa” sobre as súas lecturas. É dicir, empregan o buscador para recuperar “aquelo do que falou Gago aquela vez“. Tamén chegan unha chea de buscas externas. Para facervos unha idea, en total, internas e externas, 3.500 buscas nos últimos 8 días, unha barbaridade. Capítulo 0 precisaba un sistema que permitise recuperar buscas vagas ou cun alto grao de ambigüidade. O plugin Search Unleashed que estou a empregar é espectacular. Fai buscas a texto completo, permite empregar operadores lóxicos, como as aspas (exemplo “fraga da casa do gado”) e busca mesmo nos comentarios. Ademáis, é moi rápido e destaca visualmente moi ben os resultados. Unha bomba, vaia. Por certo, traducín as partes públicas do plugin ao galego. Quen estea interesado, que escriba e pásolle o ficheiro PO.

4 Comments

  1. 21 / Novembro/ 2008

    A blogaliza.org interésalle, pode apostar niso.

  2. 21 / Novembro/ 2008

    bip, bip, bit…. aranha de blogaliza tomando nota
    :)

  3. 21 / Novembro/ 2008

    ¡Ai, canta razón! O buscador de Google para páxinas web leva un tempo funcionando fatal. En moitas webs resulta totalmente inútil, pois deixa fóra dos resultados de busca moitos contidos (o que non acabo de entender, pois a súa araña semella ser exhaustiva).
    O curioso é que creo lembrar que hai cousa dun ano a cousa funcionaba moito mellor. ¿Estará descoidando Google o seu principal negocio (as buscas)?

  4. 21 / Novembro/ 2008

    Unha boa pregunta, efectivamente. Eu xa estou usando, de xeito moi habitual, Yahoo! Vai moito mellor en xeral e non tanto en conta a lingua, por exemplo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará