The Wine Codex, unha guía independente dos viños da Península

Ben, pois ese é o título do meu novo proxecto, The Wine Codex. Trátase dunha pequena guía persoal aos viños da Península Ibérica destinada a un público internacional. Está redactada en inglés e o que pretende é compartir o coñecemento sobre bos viños da Península Ibérica. Nos últimos anos teño catado moito viño francés e italiano, os dous países máis prestixiados en termos vinícolas; ao facelo, decateime da enorme altura de moitos viños do Estado español e Portugal, unha calidade que choca con enorme descoñecemento da diversidade e riqueza vinícola deste suroeste de Europa. Case todas as guías de viño son de pagamento, e os internautas non peninsulares que queiran saber sobre viños da España e Portugal con rapidez na rede deberían pagar, por forza, a subscrición ao sitio de Robert Parker. Debera haber outros camiños, ¿non?

Notas de cata como nubes de tags

Observei que, na rutina diaria, a cata dos viños dá moitas veces pequenas notas que non acadan entidade para saíren como posts en Capítulo 0; pola contra, acumuladas, etiquetadas e recuperadas podían ser, con tempo, unha información moi valiosa. Así que decidín converter o meu caderno de notas persoal nunha base de datos orientada a consumidores e afeccionados ao viño coma min. Por exemplo, en The Wine Codex, as notas de cata son, en realidade, nubes de tags. Nada de complexas, longas e supostamente asépticas e obxectivas descricións de viños que só expresan percepcións moi, moi persoais. Prefería definir as características máis destacadas e sobresaíntes dos viños, e facilitar a creación dun corpus de sensacións e gustos (¿gústanche os viños concentrados?¿con forte presenza de froita vermella?¿con acidez elevada?) que permitira navegar a base de datos ao teu gusto, combinado con outras características de consumo do viño nos países anglosaxóns. Por exemplo, o feito de escoller moitas veces o viño pola variedade de uva, e non pola denominación.

The Wine Codex nace como un caderno persoal, que a tecnoloxía permite sistematizar para converter nalgo máis complexo e aproveitábel. Os criterios da cata e da valoración exprésanse no Tastelogue, pero parten dunha base: non podemos facer obxectivo o que, por forza, superados certos niveis de calidade, é subxectivo. E iso acontece co viño. Pola contra, si podemos amosar a nosa independencia. En The Wine Codex non vendemos viño, non somos asesores de comunicación de ningunha adega, non organizamos ningún congreso ou feira vinícola. En The Wine Codex catamos os viños nas barras dos bares, nas mesas postas no xardín na primavera, vendo unha boa peli na casa un fin de semana da invernada; non é cata aséptica, é a cata dun consumidor para outro consumidor.

Notas técnicas
A nivel tecnolóxico, paseino coma un enano desenvolvendo a beta que agora podes ver. Tratábase de exprimir WordPress ao máximo a través da súa característica de campos personalizados para convertelo nun banco de datos con capacidade de xestión, personalizando a maqueta externa, os formularios internos, cargando plugins. Detrás de The Wine Codex hai un bo lote de horas e un feixe de coñecementos que aprendín. E os que lle quedan!

The Wine Codex irá evolucionando e incorporando viños continuamente; aínda que agora haxa poucos, ao cabo duns meses converterase nunha publicación interesante na que poder consultar marcas, obter datos básicos sobre o seu sabor e olfato, así como a súa calidade. Agradezo calquera comentario ou suxestión para melloralo.

17 Comments

  1. 14 / Novembro/ 2008

    Parabéns polo projecto e muita sorte (minha naicinha, quantas horas devestes botar com o WP!!)

  2. 14 / Novembro/ 2008

    Gustame a organización, parece que vai ser moi rápida e eficaz, escapando de formulas moi engorrosas e díficiles de ordear, e finalmente de manexar e navegar. Haberá que ver qué pasa cando vaias ampliando a base de datos, iso será moi interesante. Poñereino en favoritos para que me facilite as eleccións difíciles.
    Unha pregunta dun ignorante da enoloxía, cómo chegas a facer unha puntuación? refírome cómo é o reparto de puntos, qué partes se puntuan ata acadar a puntuación total?

  3. 14 / Novembro/ 2008

    Parabéns polo novo proxecto. Paréceme unha ideal xenial o de poñer notas nada complexas que expresan a virtudes ou defectos de un viño

    Solo unha queixa a vez que unha súplica, esta guía deber de ter unha versión en galego

  4. tocajuevos
    14 / Novembro/ 2008

    Parabens!!!
    Esto é bo, pode chegar a ser grandioso.
    Como vas alimentalo?
    E quedaría mi ben poñer as etiquetas/botellas , moitas veces lembras o viño pola imaxe.

  5. 14 / Novembro/ 2008

    Congratulations! Good job!

  6. Xabres da Teixeira
    14 / Novembro/ 2008

    ¡Xa me dirás!
    Dicho alguén que vive,mais ou menos, de vender viño. Sobre todo viño galego.

  7. 14 / Novembro/ 2008

    Moitas grazas a todos!

    Rodrigo, pois dígocho doado. O tempo libre (que non é moito) durante un par de semanas, cando decidín executar o que levaba madurando algún tempo. Iso si, as posibilidades de WP como CMS son enormes e aínda están moi pouco experimentadas. Algunhas ideas que teño escrito en Capítulo 0 sobre iso:

    http://www.manuelgago.org/blog/?s=wordpress+como+cms

    Xurxo, efectivamente, veremos como a maqueta se comporta con grandes masas de datos. A miña idea é limitar a táboa de portada “Recent Tastings” a unhas 35 entradas e nas categorías interiores tirar con tranquilidade ata 200 ou así. Se a táboa é “sortable”, a localización, complementada co buscador e cos tags non debera ser complexa. Veremos.

    Con respecto a como se establece unha puntuación, dou algúns datos no Tastelogue:

    http://www.manuelgago.org/thewinecodex/index.php/tastelogue/

    Unha puntuación é unha ponderación de factores: cor, presenza visual, olfato, ataque en boca, posgusto…, que, para min, se mesturan con factores relativos á denominación de orixe, ao historial de produción desa adega -cando a coñezo-, etc. A memoria gustativa e olfativa é fundamental -non a teño todo a exercitada que quixera, pero vou aprendendo con calma. En todo caso, como sinalo neste texto, as puntuacións deben ser tomadas de xeito “orientativo” ou “relativo”, e non como absolutos. O factor subxectivo tanto do puntuador como do consumidor potencial moitas veces fai que non coincidan. O mellor xeito de moverse no Wine Codex é combinando Scorings con Tasting Notes.

  8. 14 / Novembro/ 2008

    César, ai os idiomas! The Wine Codex está pensado para orientar a un público que, maioritariamente, non coñece os nosos viños. Sen dúbida, tamén o consumidor galego ou español podería estar interesado. Encantaríame ter unha versión en galego e en castelán, pero esta vida tola faime ter o tempo moi medido cando quero arrincar algo novo se quero garantir que sexa viable.

    A ver se no futuro hai posibilidades.

  9. 14 / Novembro/ 2008

    tocajuevos, pois non me penso agobiar, aínda que efectivamente asusta. A provisión de contido está garantizada, toda vez que consumo con regularidade viño e asisto a catas e degustacións profesionais. É un proxecto que comezará a ser funcional para os usuarios cando haxa, cando menos, unhas cincocentas e seiscentas referencias de calidade, tampouco debera chegar máis alá. Non sei canto tardarei en chegar a iso, pero non me penso agobiar, eu ao meu ritmo. :-)

  10. 14 / Novembro/ 2008

    Parabens!
    O seu deseño facilita ter unha idea clara de por onde vai cada viño e o que valoras de el, non coma alguns que parecemos tentar todo o contrario.
    Mañan falamos

  11. roberto gago
    15 / Novembro/ 2008

    saludos manuelgago, he navegado en todas las ventanas que pusites para nos los internautasblogeros en este TEMA, no se si es el termino adecuado!!!; por la fecha de la data se ve que tienes una planificacion estrategica y tactica,como en el lenguaje gerencial y castrense.Me acuerdo que realice una sugerencia a blog CAPITULO O ,acoguida en +; la cual veo plasmada en el enlace en la page principal de descripcion de vinos ; y el uso adecuado y sencillo de los maps de google ,con anadidura tuya ,para una informacion con detalles comprimidos!!!!BRAVO!!! DE ACUERDO CON LAS HERRAMIENTAS UTILIZADAS
    WORDPRESS Y CMS ; CONSIDERAS QUE NO HS TOCADO FONDO DEN SU UTILIZACION ,VEREMOS EN LE TEMPO POR VENIR TUS EXITOS !!!! LOS CELEBRAREMOS CONTIGO , A LA DISTANCIA!!!Y CONOCEREMOS LAS DENOMINACIONES , CARACTERISTICAS Y CALIDADES DE LOS VINOS GALEGOS!!!! SALUDOS Y BUEN VIENTO GALICIA!!!!!!!!!!!!!!

  12. xurxomar
    15 / Novembro/ 2008

    Parabéns campeón! Un proxecto estupendo; creo que serán moi interesantes todas as utilidades que metas pensadas para móbiles. Na miña experiencia eu boto de menos estas cousas cando estou sentado no restaurante, ou dando voltas pola tenda de viños.
    Unha crítica: o inglés, que non soa fluído… aínda que ao mellor así transmites o “acento” indíxena que da fe da denominación de orixen.

    pois eso, parabén again

  13. 15 / Novembro/ 2008

    Sei que a única coincidencia é o viño, pero ao primeiro lembroume a unha rede social que naceu non hai moito en Portugal chamada Adegga que quizais xa coñecedes…
    Parabéns pola iniciativa e mota sorte co proxecto :)

  14. PabloV
    18 / Novembro/ 2008

    Parabéns pola iniciativa manolo, lembra manterte imparcial cando empeces a recibir botellas da peña :-P

    comentario técnico: a ordenación por precio non a fai correctamente, da a sensación que tratas os números como se foran caracteres

  15. 19 / Novembro/ 2008

    Grazas, Pablo. Efectivamente, hai un problema cos caracteres. Pero aféctalle unicamente cando tes 100, e daranse poucos casos. :-)

  16. danielo
    19 / Novembro/ 2008

    Parabens Manuel!!
    E si, o WP como CMS é potentísimo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará