Os Tudor: como engancharte a unha historia que xa coñeces

A apertura de cada episodio arrinca así: “Cres coñecer unha historia, pero só sabes como remata. Para chegar ao núcleo da Historia, tes que volver ao principio”. E resulta toda unha declaración de intencións dunha serie fenomenal, Os Tudor, que nas súas primeira e segunda tempada recrea o proceso de divorcio de Henrique VIII de Inglaterra da súa muller Catalina de Aragón en favor de Ana Bolena, e o conseguinte cisma na Igrexa Católica, a separación de Inglaterra desa confesión relixiosa e a creación da Igrexa Anglicana no medio das turbulencias do Protestantismo. A cuestión é: ¿pode enganchar, pode ter atractivo unha serie da que xa coñeces de antemán todos os seus episodios principais, os seus clímax?

Michael Hirst xa demostrou previamente a súa mestría na confección de ambientes Tudor. Pódese. A serie ten unha atractiva e popular combinación de ingredientes: acción rápida, dúas ou tres tramas paralelas por episodio, ambición, traición, sexo e erotismo, costumismo bravo. Presenta a un guapo Henrique VIII –que na realidade non era tanto-, interpretado por Jonathan Rhys Meyers, na cimeira da súa mocidade e das súas paixóns hedonistas. É unha serie sensual e envolvente que o que provoca é que a vexas, co portátil ao carón consultando a Wikipedia e consultando a vida dos protagonistas. Sobre a historia, Hirst constrúe un argumento xenialmente aditivo que privilexia os nós sobre os desenlaces. E provoca que a Historia pareza un relato novo e actual, demostrando que a arte dos guionistas está, sobre todo, nos nós da historia, máis que nos finais. Un luxazo. Míraa se podes. Aquí vai a apertura da primeira tempada.

5 Comments

  1. Xoán Galego
    28 / Outubro/ 2008

    Debe ser a primeira crítica boa que leo desta serie.

  2. 29 / Outubro/ 2008

    Pois nos xa rematamos a primeira tempada… e agardamos impacientes a segunda.

    Non lin ningunha crítica dela ata agora, só vin un cartel en Praha en Xaneiro… e dende que a tiven nas miñas mans non nos durou nadiña…

  3. 7 / Novembro/ 2008

    Eu ando a lle dar voltas a unha cousa… e é que no 3º ou 4º capítulo da primeira tempada, que aínda non rematei de ver, Henrique VIII promete á súa filla María, filla tamén de Catarina de Aragón, co seu sobriño Carlos I de España e V de Alemaña, mais… a realidade non foi que María Tudor casou con Filipe II, fillo de Carlos I?

  4. 7 / Novembro/ 2008

    Xa me contesto eu mesmo, no capítulo 5 esta a resposta, e non digo máis! XD

  5. 7 / Novembro/ 2008

    hehehe! Exactamente. Hai que evitar o spoilereamento!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará