De tertulia no Salón das Denominacións de Orixe e Delicatessen de Vigo

Mañá participo nunha macrotertulia gastronómica no Salón das Denominacións de Orixe e Delicatessen de Vigo sobre Tendencias de actualidade na Gastronomía. Durante unha hora falaremos a escritora Carmen Parada,os xornalistas gastronómicos Cristino Álvarez, Guillermo Campos, Cristóbal Ramírez, o xornalista e blogueiro Miguel Vila, o blogueiro Jorge Guitián e os cociñeiros Xosé Cannas e Pepe Solla, ademáis de quen escribe isto. Supoño que cadaquén disporá de moi pouquiño tempo, pero eu preparei algunhas ideas para o debate que previamente publico xa aquí.

1. Consumidores cada vez máis curiosos, preparados e esixentes.
O mito do cliente monocor, devorador de chuletóns e marisco, segue a ser real, pero só en parte. En Galicia, nos últimos anos, hai unha gran fame de gastronomía. En eventos e actos que propoñen ampliar as visións ou ofrecer novas perspectivas sobre produtos e elaboracións, cada vez hai máis asistentes, o nivel de idade baixa; a moita xente preocúpalle a alimentación. Os novos consumidores non só comen: len, falan, consultan blogs, seguen revistas, fórmanse, son críticos. E quen aspire a comunicar con eles, nun mundo tan intoxicado pola promoción encuberta en revistas, canles temáticas e artigos de prensa, debe asumir a transparencia como norma básica.

2. Consumidores cada vez máis conscientes
O século XXI é o século da conciencia sostíbel. Mentres o peor da globalización, os mercados ávidos do primeiro mundo, determinados novos usos dos cereais e unha poboación mundial crecente poden levar a unha crise alimentaria, tamén non é menos relevante a importante actividade de reaccion. Xenéranse movementos de reacción global e local, coma o slow food, a reivindicación de variedades agrícolas e gandeiras en perigo de desaparición, a creación de cooperativas de merca ecolóxica, o establecemento de reservas naturais mariñas, a fusión -outra vez- entre restauración e produción alimentaria. Como sinala Daniel Innenarity, comer como acto político, como unha conspiración global.

3. Non hai unha gastronomía galega. Hai moitas gastronomías. Cada vez máis.
Mesmo nun país pequeno como Galicia estamos a vivir, cada vez máis, a presenza de colectivos de emigrantes que se están a convertir nos nosos novos cidadáns. A gastronomía galega tradicional creouse baixo o signo da mestizaxe; no século XXI esa tendencia incrementarase e derivará en múltiples cociñas que combinarán os países de acollida e de partida. E iso é xenial.

4. Executivos de tenedor
As novas xeracións de profesionais hosteleiros galegos deron un salto cualitativo enorme se a comparamos con xeracións precedentes; non se pode comparar a restauración galega dos 80 coa desta primeira década. A visibilidade exterior dos nosos profesionais incrementarase no futuro. Outra cousa é ata onde. Galicia ten un límite periférico para case todo. Desde fóra mírasenos con condescencia. Carecemos de estruturas profesionalizadas potentes para introducir aos cociñeiros en cadeas globais de sentido gastronómico. Temos cabaleiros solitarios. As estruturas de promoción, por exemplo, das Denominacións de Orixe vinícolas, son arcaicas e, moitas veces dun paletismo atroz, e fracasan notoriamente. Miren o Ribeiro: moitos viticultores están a protagonizar unha pequena gran revolución dos viños que ninguén coñece no exterior; neste país de viticultores, carecemos de nomes emblemáticos que comuniquen ao mundo (Emilio Rojo é emblemático, pero non asume ese papel). Precisamos saber que imaxe da nova gastronomía queremos difundir. Somos tímidos.

5. Paraísos gastronómicos
Nos últimos anos, o país estase a encher de pequenos paraísos gastronómicos. Vinculados a casas de turismo rural, pequenos establecementos vilegos que fan unha cociña de enorme altura e de intensas sensacións emocionais. Son cociñas non só da memoria, senón que parecen deseñadas para o recordo do que as proba. Aquelas casas de turismo rural que son un paraíso do bo xantar sempre están cheas. Hai un futuro no paraíso.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará