Madam Ragú: discreto exotismo de inspiración colonial

A primeira vez que fun cear a Madam Ragú (Avenida de Ferrol, 17, 881976741, Compostela), no Nadal do ano pasado, había moi pouquiño que abriran. Esa noite o restaurante estaba cheo e, practicamente, a metade das prazas estaban ocupadas por unha cea típica de compañeiros de traballo que debeu colapsar a cociña; algo tería que ver ese stress, os múltiples e malditos contratempos que sempre xorden nos días de apertura do restaurante, pero a comida pareceunos moi pouco afortunada. Decidín non escribir nada ata unha vindeira ocasión, cando se dera o momento. Non adoito relatar experiencias negativas en gastronomía no blog: hai que medir demasiado ben as palabras, e para ser honesto, cumpriría cando menos darlle outra visita corroboratoria ao local, visita que moitas veces non estou disposto a pagar habendo tanta oferta coa que podemos pasalo moito mellor (Por certo, esa é a diferencia fundamental entre contar experiencias gastronómicas aquí e a crítica profesional). En todo caso, teño clara unha ensinanza básica: hai que agardar para visitar os locais novos cando menos un par de meses despois de abriren e curtírense na batalla diaria de proveedores, cacharros e clientes.

Conxo, un polo gastronómico diferente en Santiago

O certo é que o outro día volvimos ao Madam Ragú, despois dos comentarios duns cantos amigos, e a cousa xa cambiara notábelmente, amosándonos un local moito máis consolidado. O Madam Ragú está moi próximo ao Restaurante Mediterráneo, na Avenida de Ferrol, e resulta curioso, pero xunto coa Colleita -entre o Mediterráneo e el-, o Barrigola (especializado en digna comida caseira, tamén na Avenida de Ferrol), e algo máis lonxe, o De Carmen, converten ao compostelán Barrio de Conxo nun dos máis interesantes polos gastronómicos da cidade, cunha oferta moi diferenciada e atractiva.

Francia e Asia nas receitas

O Madam Ragú tenta sobresaír na oferta desta cidade, tan renuente ata agora a admitir propostas doutras cociñas a un nivel superior ao kebab universitario. A combinación é, cando menos, exótica para o que estamos acostumados aquí: receitas de inspiración francesa e asiática, que se propoñen en pratos ou para compartir, con uso valente de especies, arroces, legumes, soia, algúns chamativos preves ou carís. Para un curioso da gastronomía, os nomes dos pratos son suxestivos e evocadores, e propoñen preves, elaboracións, especias e cereais pouco habituais en Compostela. Eu tomei un apetitoso polo ao caril de Madrás con arroz paue e Sole unhas carrilleiras ao mencia e vainilla, arroz e setas, precedidas dunha ensalada morna de chipiróns e cebolas confitadas.- Pratos resultóns, correctos, cun interesante toque de sofisticación, nun bonito comedor de discreta inspiración colonial. Tamén dispoñen dun pequeno menú degustación, pero creo que é mellor aventurarse a compartir platos e comer á carta.

O Madam Ragú conta cunha suxerente adega que leva o director do restaurante, Adrián Pardavila, un profesional moi preocupado por ter un servizo de viño impecábel. Xunto coa oferta de D.O. españolas, atopamos Napa Valleys, Sudafricanos ou franceses que son unha invitación á aventura enolóxica. Se se queren deixar levar, consúltenlle a el e non quedarán defraudados. A nós recomendounos un Altún Selección do 98, un rioxa que tivera unha dinámica de envellecemento lenta e agradábel que realzaba no viño valores frutais e compotados, e mantiña a raia contida a madeira, ás veces tan temíbel nos reservas rioxanos. O servicio, ademáis, é impecábel, aínda que as mesas multitudinarias parecen seguir rompendo o ritmo da cociña.

Con viño, o Madam Ragú sae arredor duns 45 euros por persoa, o que o coloca -quizais demasiado arriscadamente- na gama alta de prezos da cidade. Un lugar interesante para ir un fin de semana cos amigos a probar cousas novas.

One Comment

  1. PabloV
    11 / Abril/ 2009

    Onte probamos o restaurante por primeira vez. Decantámonos polo menú degustación sen mirar demasiado a carta ao escoitar algo dun salmón semisalvaxe con mel que viña incluido

    O mellor foi deixarnos levar para escoller o viño, un monovarietal de uva shiraz australiano do 2002 do que non lembro o nome. Pasámolo pipa discutindo os matices que xordía do viño e os ingredientes dos pratos do menú. Mencionar que durante as case 3 horas de xantar que permanecimos no local tivemos toda a atención de Adriá xa que so outra mesa estivo ocupada cuns comesais que non daban moita conversación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará