Revelando petroglifos na noite de Muros

Last updated on 23 / Setembro/ 2008

Hai dous xeitos de ver petroglifos. O primeiro é o típico: un paseo polo monte, se cadra ao serán, para apreciar máis ou menos ben os sucos lañados na pedra hai catro mil anos.

O segundo aprendímolo nesta semana da man de Manuel, alcumado Muros, precisamente nos montes do seu Muros; Manuel dirixe un proxecto para poñer en valor a Cova da Bruxa, un espectacular acocho de petroglifos por riba da fermosa vila medieval. Coa compaña dalgúns membros do equipo, subimos de noite ata o monte no que se atopa este conxunto de gravados. Eles xa levan algúns días traballando á luz dos focosa ata altas horas da noite, facendo un detallado calco de toda a laxe, tirando fotos que logo publican no web da Cova da Bruxa, se cadra un dos mellores sitios oficiais (por sinxelo e claro) dos xacementos arqueolóxicos galegos. Subimos medio quilómetro por un monte cheo de sombras de xestas, coas luces do porto muradano ás nosas costas. Ao chegarmos ao conxunto de laxes, de súpeto alguén encende unha lanterna. E comeza o espectáculo.


Fotos: Sole

Os cervos corren polo monte, enganchando entre eles as cornas, perdéndose en misteriosos labirintos punteados, ouveando á lúa. Formas de fábula, coma ese estraño animal composto por unha retícula con patas, vencéllanse a ese cervo urrador; máis alá, unha nota tenra. Un guerreiro -escudo e arma-, amósase mentres un can enrrabecha o rabo.

E pura curiosidade: alguén move unha pedriña e a laxe onde cae ilumínase polo raio despistado dunha lanterna: de súpeto aparece un mar de ondas concéntricas que parecen xurdir da pedra que caeu nese estanque de granito.

Imos pola noite e prendemos lanternas porque os gravados prehistóricos collen unha nova dimensión e hai unha razón moi práctica e técnica para isto. As sombras que fai a luz aproxímannos a percibir o conxunto como o concebiu orixinalmente o artista, sacándolle o alento aos sucos máis gastados e erosionados que coa iluminación diurna xa son difíciles de percibir. Os petroglifos, deste xeito, cobran unha nova vida, intensísima. Muros ensínanos a retratalos. O procedemento é ben simpático, como se obtiveramos negativos das pedras. Sostida nun trípode, a cámara fica co obturador aberto durante quince ou trinta segundos, depende da figura. Un de nós, cunha lanterniña de luz azul -son as mellores para isto, asegura-, proxecta luz rasante e lateral sobre os gravados; os sucos quedan cheos de sombras, e mentres o obturador da cámara segue aberto, movémonos ao redor das figuras, enchendo de luz todos os ángulos, revelando os ocos escuros, como pintando a noite de luz.

Cruzamos a aldea de Serres, de grandes casas labregas e hórreos enormes con pés megalíticos,e seguimos ata a Laxe das Rodas.

O artista que gravou estas pedras hai miles de anos foi dos máis delicados do megalitismo galego. Hai quen intepreta nestes sucos e nestas cazoletas un calendario lunar. Non sei. Pero cando vaian, busquen, ao pé do suposto calendario, un xenete cabalgando. Do antigo mito que, se cadra, inspirou esa figura, xa non queda nada. Só a noite, e o seu engado, para velo continuar cabalgando.

Un sendeiro comunicará a Cova da Bruxa coa Laxe das Rodas, se cadra para o ano que vén. Cando o rematen, percorrerémolo pola noite para revelar, outra volta, a maxia antiga dos petroglifos de Muros.

8 Comments

  1. xurxo
    23 / Setembro/ 2008

    Que marabilla! Petroglifos, petroglifos, petroglifos…

  2. REFLEXF4
    23 / Setembro/ 2008

    Impactanme moito mais, esta forma de velos, e imaxinome que tivo que ser a leche observalos nesas condicions..”.Ole ” po los de Muros, xa se sabe , non ai coma ir a o ” extranxeiro”

  3. 23 / Setembro/ 2008

    Estupendas fotos dunha das estacións máis polémicas de Galicia (o reticulado, o cérvido…)

    Efectivamente, descubrir os petroglifos dese xeito é outro mundo.

  4. 23 / Setembro/ 2008

    Agora estamos aprendendo a técnica un pouco máis para retratar outros. O tema é conseguir alumealos de mellor xeito, movéndose máis por puntos. Aquí publicaremos os rsultados. Eu véxolle moitas posibilidades visuais.

  5. 26 / Setembro/ 2008

    Qué pasada, son unha chulada, a verdade é que impresionan moitísimo. E efectivamente a complexidade e detalle das figuras son chamativos.
    Unha aperta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará