A procesión das mortaxas

Last updated on 22 / Setembro/ 2008


Unha ofrecida agarda o inicio da procesión. Reportaxe gráfica: Sole.

A unha vila de orixe mariñeira como é a Pobra do Caramiñal as multitudes colápsana: as rúas non están feitas para tránsitos de miles de almas. Pero o Nazareno sempre é igual: unha especie de hiperpoboación que, por unhas horas, colapsa a vida e fai que todo xire cara unha procesión que ten as súas orixes históricas no século XV pero as culturais sen dúbida moito máis atrás. É unha manifestación masiva non só de relixiosidade, senón das relacións entre relixión, festa, familia e mesmo o poder local e comarcal.

Procesión a baioneta calada

Vivimos tempos difíciles, e as nosas autoridades así o saben. Por primeira vez -que eu lembre, nas veces que vin esta procesión-, a figura do Nazareno ía escoltada por militares armados. Con paso marcial, cara á fronte, baioneta calada, rodean a imaxe do Divino: eles saberán de que a protexen e porque nos exhiben baionetas nun acto esencialmente relixioso, e de encontro social. Cos uniformes que lles pagamos os traballadores deste Estado aconfesional, estes soldadiños e os seus xefes escenifican, sen rubor ningún, o tradicional vínculo entre Igrexa e Exército, permitíndonos gozar outra volta, tras trinta anos de democracia, da unión entre as forzas vivas como debe ser. Ai, que ben está recuperar as tradicións dos anos 40!

Tralos hábitos do Nazareno, transitan as autoridades da comarca, e pegado ao alcalde, vai Núñez Feijoo. O líder da oposición camiña impecábel entre o cura, algúns alcaldes da comarca, o cabo ou coronel da Garda Civil e uns lanzais capitáns de fragata; segurísimo que está entre as autoridades pola súa condición de deputado autonómico. He! Inmerso en misión electoral, o candidato popular segue unha divertida estratexia de candidato. Busca, mentres camiña co paso lento da procesión trala imaxe do Nazareno, ollos cos que cruzarse. Cando te localiza e te enfoca, en plan Robocop, se el percibe unha resposta facial amigábel en ti, saúda superformal, transmitindo confianza á par que decisión. Este non é mal sitio para sacar votos e non está de máis lembrar do lado de quen está el e o partido, camiñando baixo a sombra morada do Divino Nazareno. Un almirante de Ferrol e un comandante de Marín pasean afoutos ao seu carón. Non estaría de máis que o Delegado do Goberno nos explicara como é iso da participación do Exército nas procesións católicas e a que partida orzamentaria van os gastos de desprazamento e manutención destes gardamariñas.

Desde as sete e media da mañá, os curas poñen os altofalantes externos na igrexa de Santiago do Deán. Nos seus sermóns, que todos escoitamos, dan mostras dunha sutil e refinada teoloxía coa que amenizan aos crentes, como esta pérola de aguda intelixencia que un sacerdote proclamou todo solemne ás doce da mañá:

-O outro día estaba dando a misa no Santo Hadrián de Malpica. E eu dixen: “San Adrián, criado de Dios”. Pero claro, agora estou no Nazareno, e non podo dicir “Nazareno, criado de Dios”, porque o Nazareno é o fillo de Deus, ¡e os fillos non son criados dos pais!

O Nazareno: para os que somos da vila é, obviamente, a festa grande. Con independencia dese tufo cavernario co que o poder se apropia desta celebración popular, esta é unha festa de encontros e de esperanzas, e iso é o que me gusta. Ségueme conmovendo pasear entre as filas de devotos vestidos de morado, dos que ás veces coñezo a intrahistoria familiar e outras moitas, ignoro por completo. Ségueme atraendo a fe coa que confían nos miragres, nas intercesións divinas.

Permítanme que respecte a súa fe, e que non a cuestione nin critique. Nunca lles direi que o que agardan non ocorrerá. Toda esta xente é moi cabal: veñen aquí despois de sufrir a derrota da ciencia actual, despois de esgotar posibilidades, consultas, de viaxar detrás da sanación médica. Non llo penso dicir a esas señoras maiores que pasean, cos seus fillos síndrome de Down, agardando que se abran os céos e solucionen esa preocupación que lles esombrece a vellez. Non, non criticarei a esas mulleres que toman a decisión de amosar as penas en público, tras fracasar a Medicina, a pública e a privada, poñendo aos neniños tras de cadaleitos brancos. Por iso esta procesión, da dor, da fe, pero tamén da exhibición das vaidades humanas, ségueme atraendo, conmovendo, e está moi por riba de baionetas, militares, poderes e candidatos electorais. Esta é unha festa dos reencontros, nos que unha cultura dialoga, sen demasiado temor, coa súa propia morte, nun esforzo por solucionar vidas íntimas e futuros. Aquí pódela ver nesta reportaxe gráfica.

7 Comments

  1. roberto gago
    22 / Setembro/ 2008

    saludo manuelgago, por esta orilla atlantica de america del sur tenemos iguales manifestaciones religiosas y con uno que otro personaje politico, militar y del pueblo , que pone su fervor religioso en estos eventos y busca salidas espirituales y milagrosas a lo que la ciencia del hombre no consige remedios!!!! ACOMPANADO TODO ESTO CON LA DEGUSTACION DE PLATOS TIPICOS DE LAS COMUNIDADES INVOLUCRADAS. NOS DIRIAMOS” QUE SI ASI LLUEVE QUE NUNCA ESCAMPE” O “A DIOS ROGANDO Y CON EL MASO DANDO” QUE VIVAN LOS PUEBLOS Y SUS MANIFESTACIONES MATERIALES Y ESPIRITUALES. VALE!!!!!

  2. REFLEXF4
    23 / Setembro/ 2008

    Que razon ten o crego, non son criados de seus pais, senon criados por seus pais……E non sempre.
    Bendita inspiración

  3. danielo
    24 / Setembro/ 2008

    que boa a foto dos pes da ofrecida.
    non sabeía dicirche o motivo pero a hoxe chegeui 4 veces por casualidade ao teu blog.
    e esta última delas buscando fotos da procesión do nazareno para lle explicar a unha amiga antropóloga como é a festa grande da miña vila.
    gardamo no delicious

  4. 24 / Setembro/ 2008

    Grazas, Danielo, pois pasa por aquí cando querias. Xa ves que as casualidades son todo un convite!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará