Viños do primeiro outono

Resúltame difícil darlle aos tintos durante o verán, nos días de calor. O outro día cometín o erro de abrir un Finca Sandoval 2004, 15º declarados da Manchuela no proxecto persoal do crítico Víctor de la Serna. Era un auténtico licor, máis que viño, como se á syrah a cabrearan no viñedo uns días antes da vendima; o Sandoval sería recomendábel para tomar no Ártico despois de perseguir morsas, pero non nunha agradábel e melancólica noite do último verán, no que perturbaba os sentidos todos cunha nube vaporosa.

A min pásame como ao resto dos veciños desta Marca Occidental cando vivimos veráns secos e calurosos -non este, precisamente. Cando chegan os últimos días de agosto, xa botamos en falta un pouquiño de orballo para humidecer as rúas… Cos viños pasa igual. Dos brancos da última colleita, ou da inmediatamente anterior, polos que debecemos mentres comemos peixe á prancha e polbo á sombra dun parral, pasamos ao cambio do gusto, que é tan fiel e metabólico que nos fai sentirnos un calendario biolóxico. Segundo avanza agosto e as noites refrescan, un xa agradece algún branco contundente, pasado por barrica -se cadra un Palacio de Bornos, de Rueda- ou un godello de sabor forte e definido, ben de Valdeorras ou tamén do Bierzo. E, por suposto, chegan os primeiros tintos, que acompañan xantares que aínda son lixeiros, aínda que no horizonte xa vexamos a cociña escura, pardal, atávica e voluptuosa do outono.

Os tintos do primeiro outono, do tempo da colleita, prestan lixeiros, máis adolescentes que maduros; serían ideais se con fortuna atoparamos neles esa agulla que tanto gustaba a Cunqueiro, e se os bebemos en cunca nas últimas festas das vilas. Se cadra podería ser algún tinto do Ribeiro, un mencía da Ribeira Sacra, de Monterrei ou do Bierzo, algún Douro ou Bairrada 2007, ou un Rioja de maceración carbónica e factura caseira. Viños para saudar ao verán que marcha e ao outono que chega, con bebedores convenientemente vestidos para a ocasión cos cambios, case metabólicos, do noso gusto. Os tempos escuros requiren viños escuros.

One Comment

  1. 23 / Setembro/ 2008

    Finca Sandoval, Manchuela, excelente vino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará