Cepa 21 2006: o viño do famoseo responde máis que ben

Que o mundo do viño está cambiando a toda velocidade, é algo evidente; un dos maiores signos de cambio era a entrada de novos investidores no negocio. O caso máis espectacular en España, sen dúbida, era o desembarco de famosos madrileños no mundo do viño. Deste xeito, xente como Imanol Arias, ou algúns futbolistas como Ronaldo xuntáronse para gastar 12 millóns de euros, en Cepa 21. Trátase dun proxecto enoturístico, que se concentra nunha adega de arquitectura espectacular en Ribera del Duero e unha campaña promocional bastante intensa na que o actor Imanol Arias se comprometeu de cheo. Daba como para pensar mal, agás por unha cousa: detrás da adega estaba a familia Moro, que é un exemplo de solvencia vinícola na Ribera e nalgunha outra denominación. E, efectivamente, cando o vino saiu colleitou críticas sorprendentemente positivas.

Ata onte non tivera a oportunidade de probar o seu Cepa 21, polo de agora o único viño que se produce nestas cincuenta hectáreas. O certo é que o Cepa 21 supera as expectivas. É un Ribera del Duero bastante diferente, con certas concesións a un mercado de novos consumidores, pero aos que se lles ofrece un produto de calidade e moi resultón. Con 15º declarados, está claro que non é un viño para tomar no aperitivo: precisa dun xantar dunha certa contundencia ao que acompaña con gracia. A partir de aí, o viño dá moito de si. De capa media, intensos sabores a vainilla provocados pola barrica nova -aí a gran concesión ao gusto de moda no viño- razoábelmente integrados nun caldo denso e tánico no que sobrancea a froita vermella. Un viño moi saboroso e identificábel que se disfruta con moito, moito gusto. Si, señor. A Imanol saiulle ben a xogada de imaxe. En tenda anda sobre os 21-22 euros.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará