Un mal espertar

Last updated on 8 / Setembro/ 2008


Web de Toñi Vicente

Vaia espertar, hoxe á mañá, ao cargar a portada da edición electrónica de La Voz de Galicia!

Detida a cociñeira Toñi Vicente por mercar vieiras contaminadas

A gravidade real é a presunta existencia dunha rede de comercialización de vieira afectada pola toxina e que se distribúe a moitos restaurantes, pero o xornal soubo titular polo aspecto máis controvertido e polémico: Toñi Vicente, quen presuntamente mercou vieiras afectadas e que tivo que pasar a deshonra de pernoctar nos cabozos da Policía. Está claro o por que: a cociñeira viguesa non é unicamente a propietaria dun restaurante, senón moito máis. Toñi Vicente é a iniciadora dun estilo de nova cociña no país e a mantedora dun gran e afamado restaurante de prestixio internacional. Haberá quen queira crear un segundo episodio do caso Santamaría, versión galega. E se non, xa verás a partir de mañá.

¿Chegarán os caníbales?

Con independencia dos resultados da investigación e da sentencia xudicial, preparémonos para os que encabezarán o linchamento público -en anónimo xa apareceron (ver comentarios en ECG), pero leremos a uns cantos indocumentados con nome e apelidos que escribirán nos xornais a partir de mañá, collendo información de aquí e de alá e conectándoo co affaire Adriá-Santamaría. Tamén veremos nestes días, en público ou en privado, bastantes axustes de contas: haberá quen queira aproveitar para meter no mesmo saco da sospeita a moitos cociñeiros deste país non implicados na operación pero que loitan a diario por ofrecer unha cociña de esforzo, moderna, de alto nivel e máxima calidade. Que haxa novas xeracións que estean a crear un nome novo para a nosa gastronomía, polo que vin nos últimos dous anos, é algo que non lle gusta nada a uns cantos. Así que non confundamos cú e témporas.

De principio, nestas noticias o que hai que ter é moita prudencia, calma e serenidade. Oxalá que sexa así. A min, de principio, non me verán no amarelismo, nin en acusar a ninguén sen que todo fique esclarecido e limpo previamente. Iso si, por agora, con independencia da presunción de inocencia, do que non queda dúbida é que é unha moi mala noticia para a gastronomía galega. Hoxe aínda non rebasara as fronteiras dos medios electrónicos galegos, pero non sei que acontecerá mañá en El País, El Mundo, etc…

Actualización: Colineta faise unha serie de interesantes preguntas sobre a operación policial. Un par delas, son a cuestión clave polo momento nisto: “¿Por que so se coñece o nome de Toñi Vicente se houbo oito detencións? ¿Quen o filtrou e con que obxectivo?”.

2 Comments

  1. 8 / Setembro/ 2008

    Que mágoa de noticia. Espero que todo se resolva satisfactoriamente para os implicados, se así o merecen. O problema e que a dúbida xa está sementada, e que con independencia do resultado da instrucción xudicial, o mal para a nosa gastronomía xa está feito. Á parte de depurar as presuntas responsabilidades dos implicados, compre esixilas tamén aos medios que titulan do xeito que xa vimos. Non todo vale para vender un periódico. (Felicidades a Colineta polas súas acertadas reflexións).

  2. 8 / Setembro/ 2008

    Unha lastima pero se vía vir. Demasiado relax nas autoridades, non para chamar a atención e meter lumes de artificio con cousas coma esta senón para vixiar efectivamente e con sentido e xeito as costas na persecución do furtivismo.

    Demasiada atención da Conselleria o efecto nos medios, demasiado xornalista peseteiro e pouca atención no día a día o chollo e o control real da costa. Unha lástima por Toñi, pola cociña galega e polo producto do mar galego…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará