A Viña de Xavi: novo local e tenda de viños en Santiago


Escribindo o primeiro taboleiro de viños por copa. Fotos: Sole

Os afeccionados ao viño temos unha nova tenda en Santiago para explorar denominacións e produtores de calidade. A Viña de Xavi, a viñoteca que ata agora estaba moi próxima á Praza Roxa, en San Pedro de Mezonzo, acábase de mudar para Fernando III o Santo, 4 (onde antes estaba Las Añadas del Siglo). O novo local ten dúas plantas e moito espazo: arriba está a barra e as mesas de picoteo e abaixo, o amplo soto divídese en comedor, por unha banda, e tenda de viños pola outra, que arrinca a vender este mesmo luns. Na tenda, ademáis, haberá unha programación de catas. Aire. Quen tivera comido no local anterior, sabe de que estamos falando: a paixón enófila de Xavi, o propietario, provocaba a pintoresca escena do atiborre total de caixas de viños ata na porta dos baños. No espacioso local novo, terá osíxeno por uns meses…


A tenda

Nesta nova etapa, a enciclopédica adega de viños da Viña de Xabi -que é un ávido enogeek- arrinca nas 800 referencias que se ampliarán, e hai unha novidade que non é habitual en Santiago, o descorche. En realidade, a tenda é a carta de viños do restaurante. Ti vas á tenda, mercas o viño a prezo de tenda, e despois se queres cear no restaurante ou subir ao bar e picar alí mesmo con ese viño que escolliches, eles simplemente cobran o descorche, co cal o viño sae bastante máis barato que nun restaurante convencional e tes a posibilidade de botar un ollo con calma ás botellas antes de escoller (estou convencido de que o factor visual é clave na elección dun viño).

Por sorte, carta e local manteñen as principais características que fan que pete de xente todos os seráns: os prezos das botellas moi razoábeis para o cliente que animan a explorar con curiosidade estas referencias e as tapas que sirven cos viños son abundantes e ben saborosas. A todo isto, a Xavi só o coñezo de cruzar frases como cliente, nada máis, pero me alegro moito de que prospere e tire para diante, porque é unha boa noticia para todos os amantes do viño en Compostela.

O teléfono da Viña de Xavi: 981940071

5 Comments

  1. 5 / Setembro/ 2008

    ¿Como se poderá dicir, por certo, descorche en galego? ¿Algunha idea?

  2. 5 / Setembro/ 2008

    Ola Gago. Moi boa idea esta da Viña de Xabi. En Galicia hai un cambio xeracional que vai remexando o concepto da hostalaría e procura un nivel de calidade e innovación excelente. Non é un traballo fácil cando hai quen lamenta o peche de tanto furancho, non obstante, da proliferación de tanto chiringuito ilegal (en Pontevedra moitos) habería que preguntarse canto de culpa teñen os que se aferraron a un tipo de negocio legal pero moi pouco profesional, e que tanto os asemella aos furanchos. Ideas como estas son como abrir unha fiestra para airear unha habitación pechada.

    En canto a palabra descorche en galego lembro escoitar unha vez a un amigo bodegueiro en Arbo, falar de destampullar. Non che sei se a expresión é de todo correcta ou ata que punto improvisouna sobre a marcha. A mín de boas a primeiras saeme “destape”. O destape da botella, o sea, que me sae algo así como se a muller de Aznar fixese un despelote.

    Un saúdo.

    PD. En Pontevedra costounos bastante atopar o descorche. Faise a 6€ no Remesal de Tui. E tampouco teño máis trato co propietario deste fermoso restaurante-bodega que o de comer alí un par de veces.

    http://turismodepontevedra.blogspot.com/2008/02/descorche-en-el-remesal-de-tui.html

  3. 7 / Setembro/ 2008

    Quedan anotadas esas propostas de “descorche”. Xa vira hai tempo o texto que escribirades sobre ese restaurante de Tui: xa quedou fichado para cando nos acheguemos por alí.

  4. 8 / Setembro/ 2008

    Para “descorche” eu propoño “encete” . Segundo o Diccionario da Real Academia Galega “encetar” é empezar a cortar ou a gastar dunha cousa que estaba enteira e, curiosamente, pon como exemplo “encetou a botella”. Segundo o Diccionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega, tirarrollas, sacarrollas e quitarrollas son neoloxismos. Tradicionalmente o que tapa unha botella é un “tapón”, así que tamén podería valer “destaponado”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará