Bos viños na recámara do gusto

Aquí van catro viños chulos que probei nesta tempada:

Chateau Le Coteau 2000. Un cru bourgeois espectacular dunha das miñas zonas preferidas de Burdeos, Margaux. Sedoso, fino e moi ben estruturado, estes oito anos déronlle a Le Coteau unha enorme amplitude que o converte nunha gran aposta por un gran viño da zona a un prezo moderado.

Senso Vadio 2007. Este Senso Vadio (non teño nin idea do que significa o nome) é un feliz descubrimento que me atopei en Valladares -a tenda en Santiago. O colleiteiro Emilio Docampo fai 3.300 botellas deste tinto a base de sousón, ferrón e mencía. Un viño moi rico, moi asentado na terra -ese sousón destácase de xeito moi equilibrado, pero o coupage consegue moderalo-, e cunha gradación ben amábel (12º), que o fai óptimo para servir a un público heteroxéneo. Próbenno se queren disfrutar dun tinto do Ribeiro goloso, afrutado, elegante e moi saboroso, algo que non sempre se pode dicir dos tintos desa denominación -ás veces demasiado ásperos-. Vale 6 euros.

Madai 2006. Un médico fai no seu tempo libre, en Cacabelos (Bierzo), este sofisticado godello, fermentado sobre lías. É un viño moi complexo, moi seductor, con notable nariz a anís e unha boca na que se van sucedendo notas de fiuncho ou pera, e unha acidez controlada que permite o seu disfrute ben longo. Léveo a unha cea íntima con entendidos/as e disfrutarás do lindo. Non é doado de conseguir, pero en Santiago está en Valladares e na Viña de Xabi, cando menos (que agora acaba de abrir tenda de viños, pero diso xa falamos outro día).

Juan Gil 2005. A Galicia non chegan moitos Jumillas, pero este Juan Gil pode ser un interesante punto de partida para coñecer a uva monastrell, que é a base sobre a que se están a erguer os viños de calidade da denominación. Aínda que, no primeiro momento, o seu elevado grado alcólico (14,5% en etiqueta) provoca bastante sorpresa, en canto o viño respira e o noso padal se asenta a monastrell comeza a contarnos todo o que sabe, que é moito e ben profundo. Sobre 10 euros.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará