Hergé: crónicas dun burócrata dos cómics


Hergé e o seu biógrafo Pierre Assouline

Leo Hergé, a biografía do debuxante belga que realizou o xornalista Jean Pierre Assouline -autor, posíbelmente, dun dos mellores blogs literarios europeos, La république des livres, en Le Monde. O memorial que escribe Assouline detense na zona escura da vida de Hergé: a súa implicación e pertenza máis que directa á dereita católica belga promotora do xornal Le XXème Siècle que colaborou co nazismo trala invasión de Bélxica. Hergé, segundo Assouline, mantívose sempre nunha segunda liña, evitando de xeito cauto unha implicación expresa coas desviacións máis fascistas coma o partido de Léon Degrelle; en realidade, evitando calquera produción demasiado explícita en apoio destas causas ideolóxicas alén dos seus dous primeiros álbumes. As conexións colaboracionistas de Hergé non se coñeceron en detalle ata que Assouline deu este paso, aínda que, por suposto, eran segredo a voces no mundo cultural belga e francés, e no submundo dos tintinófilos, que o hai.

A sensación final na lectura desta revelación é de aburrimento. Non me acusen de frivolismo. O Hergé que se desprende da lectura da súa correspondencia e declaracións ten máis que ver cun burócrata exacerbado, cun comerciante infatigábel e workalholic ou cun asalariado de gris perspectiva e monótona existencia que co creador da saga xuvenil máis relevante do século, porque tendemos imaxinar aos creadores de fecundas historias unha vida á altura das súas creacións; o Hergé de Assouline fala da supervivencia do creador ao que non lle parece importar demasiado o mundo que lle circunda -aínda que si o seu círculo social. Por suposto, iso nos plantea dúbidas incómodas aos lectores de Tintín: eu creo que a literatura está, moitas veces, alén de estritos corsés ideolóxicos, pero ¿pódense ler igual estes álbumes sabendo da indiferencia do seu autor? Assouline, bo coñecedor do mundo editorial, agarra a biografía polo seu aspecto aparentemente máis polémico. Pero a personaxe Hergé é somnífera. Non quero dicir que as biografías teñan que ser crónica rosa e social. Refírome a que Assouline é un gran profesional e buscou onde debía buscar para aguantar esa publicación sen recorrer ao álbum das curiosidades que figuran nos segundos planos das viñetas do Cetro de Ottokar ou do Tesouro de Rackham o Roxo.

En Hergé, a personaxe creada é mil veces máis interesante e fecunda que o persoeiro creador, un alter ego que a Hergé, se cadra, lle abondase para encher as partes de vida que non quería satisfacer. Se cadra sexa un requisito, o pasaporte, para crear universos imaxinarios. Pensen na rutinaria vida de Tolkien ou do seu amigo C.S. Lewis en Oxford, e as cousas que pasaban no momento no que se puñan a escribir. Eu durminme enriba das páxinas hergianas de Assouline. O escándalo, no 2008, xa non é tal. E sigo sen coñecer, demasiado, a este burócrata Hergé.

3 Comments

  1. 29 / Agosto/ 2008

    me sorprendió lo que cuentas del autor, pero pensando más despacio es algo que se repite en muchos creadores, nada en su vida les da algo parecido a lo que componen…me da cierta pena que la satisfacción sólo sea virtual.

  2. 29 / Agosto/ 2008

    Eu lina hai anos e gustoume o detalle con que explica eses anos escuros. Porque, se efectivamente Hergé tiña esas calidades grises (aínda que na súa biografía non faltan elementos de interese, como a perda da fe, os remordimentos por namorarse doutra persoa fóra do matrimonio ou as súas aspiracións frustradas na arte contemporánea), polo xeral a xente é ou branco ou negro: cantas veces escoitamos despachar o asunto cun “era medio nazi”… e se engadimos as polémicas de álbumes como o do Congo, temos un retrato que só se pode desfacer con lecturas coma esta. E logo hai outra cuestión: diferenciar obra de autor, para o bo e para o malo.
    (Se a biografía che resultou aburrida, podes probar coa versión en cómic: As aventuras de Hergé, de Bocquet, Fromental e Stanislas; moi ameno). Saúdos!

  3. 31 / Agosto/ 2008

    Si, o de diferenciar biografía de obra é un vello debate das letras e que, supoño, provén en moitas ocasións dos valores que nós inferimos que debe ter o escritor dun texto. Agora ben, coñecer a biografía enriquece a perspectiva sobre a obra, e non o neguemos, unha biografía negativa por forza acaba por influír na percepción dunha obra literaria. Non sempre é doada a separación. Pero coincido en que é preciso facela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará