Mar e manteiga na gastronomía bretona

Last updated on 17 / Agosto/ 2008


Dándolle aos mexilóns no adro de Saint Tuguen. Fotos: Sole

A identidade pública da gastronomía bretona pasa polo seu rico mar, a pesca, o marisqueo e a acuicultura. Aínda que unha boa parte do país segue sendo agrícola, o certo é que o peso do mar é tan grande na cociña diaria que abraia. Da rica gandeiría sobrancea a marabillosa manteiga, que outorga un intenso e distintivo sabor a doces, postres, biscoitos e galettes. Quedáronme gañas e faltoume tempo para investigar a cociña do interior: teño localizado un dos mellores sitios para tomar o potée, o pote bretón, un cocido ao xeito do galego, e será para outra vez.

Entrementres recreámonos con esas partes da cociña bretona que se ofrecen a prezos económicos aos turistas: pratos lixeiros, de produto mariño, pensados para seguir adiante rapidamente coas excursións. Por toda a costa e mesmo o interior, o clásico son os mexilóns con patacas fritidas, (moules + frites), que se ofrecen por todas partes ao redor dos 10 euros. Os moules bretóns sérvense, se non hai outra indicación, cun preve mariñeiro a base de cebola. Nalgúns casos, as casas de comidas ofrecen outros preves (créme), para quen queira xogar. Estes moules son, por norma, bastante máis pequenos dos que sacan as bateas galegas. Onte, sen ir máis lonxe, ceamos uns magníficos que cultiva un dos mellores bateeiros da Arousa, o Ferreiro, de tamaño xigante… A pequenez debe explicarse polos peculiares criadeiros do mexilón -estacas cravadas na area-, xa que as rías bretonas non teñen calado abondo para as bateas.

Absolutamente recomendábeis son as ostras (huitres), que se ofrecen como primeiro en moitos menús de 11 ou 12 euros. As ostras bretonas, puro sabor a mar que fan as delicias dos océano-larpeiros, clasifícanse por números do 1 ao 5, e o seu tamaño vai nesta orde descendente. Deste xeito, as do 1 son moito máis grandes que as do número 5. Todas elas tamén son de cultivo, e sustentan boa parte da economía local das comunidades mariñeiras: á mediodía, en Cancale, os tratores suben da ría as grandes barcazas cos mozos que se dedican, no verán, ao seu coidado e recolección. É coma unha procesión de barcos pola estrada, con todos os mariñeiros aínda subidos ás planeadoras. Ademáis, na Bretaña, adoran comer toda canta coquillage (moluscada) e froitos de mar que se atopan nestas costas: caramuxos, caracoliñas, lapas. De feito, as mariscadas bretonas inclúen na fonte, xunto con centolas, bois, nécoras, ostras, mexilóns, tamén todo ese molusco menor. Imaxínome a escena se nun restaurante galego te inclúen lapas e caramuxos! Algúns pensarán que os estarán timando!

O gran plato popular da Bretaña son as crêpes, as filloas. Todas as vilas teñen algunha e, ademáis, teñen un horario máis á galega, servindo xantares ata bastante tarde. Estas creperies están sempre cheas de familia, porque estes menús divertidos funcionan moi ben con nenos. En realidade, hai dous tipos de filloas: as crêpes, máis finas, que se serven habitualme te como postre, e as galettes, feitas con fariña sarracena, ou de trigo negro (blé noir – canto trigo se cultiva na Bretaña!) máis consistentes e coas que se sirven pratos máis consistentes…e, a partir de aquí, a imaxinación: moitas galettes tradicionais levan ovos, touciño, xamón, queixo…outras se serven con vexetais. En Douarnenez, unha vila mariñeira do norte da Bretaña que todos os amantes do mar deberan visitar, probei unha marabillosa con lombos de sardiña, que é a que toman os mariñeiros de alí…Sidra máis galettes adoitan custar sobre uns sete ou oito euros, e é un xeito rápido e económico de tirar para diante.


Pastando diante do Mont Saint Michel. Foto: Wikipedia

Algo que me alucinou, e que só tiven ocasión de probar unha vez porque o buscamos deliberadamente, foi o año pre-salé. Cómese, sobre todo, no esteiro de Saint-Michel e é algo máxico. Eses años aliméntanse dos pastos que están ao carón desas enormes mareas que fan baleirarse e encherse toda a extensión do esteiro. Herba mergullada polo mar, que acaba por dar á carne de año un curioso sabor salgado. É absolutamente exquisito e, se tedes ocasión, non deixes de probalo.

Mención aparte, para min, son os kouign amann, postre estrela da Bretaña. Como pasa con todos os postres domésticos, hai cincuenta mil versións e variantes. Basicamente, pódese resumir nunha bomba de manteiga, azucre e fariña á que, nalgúns casos, lle engadiron apetitosa froita de estación. É unha larpeirada máxima só para devotos.

5 Comments

  1. 18 / Agosto/ 2008

    Alégrome de que foras e probaras o año de Saint Michel , unha rareza deliciosa. Fuches por Dol de Bretagne ou St Malo?

  2. 18 / Agosto/ 2008

    Si, estiven por Saint Malo. Xa contarei un día destes. :-)

  3. Maria
    30 / Xullo/ 2017

    Ola! Estamos de viaxe pola Bretaña e agradecemos se nos “filtras” onde comer o pote bretón. Prometemos fotos! Apertas,
    María

  4. 30 / Xullo/ 2017

    Que ben! Pero lamentablemente non teño ningún sitio para meterlle o dente ao potée bretón. Non me deu tempo a todo. :( Se atopades algún sitio interesante, contade, eh?

  5. Maria
    2 / Agosto/ 2017

    Grazas pola resposta
    Seguimos na procura ?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará