De aloitadores de Sabucedo e conversadores de Piloño

Ando tan liado estes días (peche de proxectos, conferencias en cursos de verán, redacción de memorias, finalización de prazos, persoal en cadro, o verán laboral é totalmente estresante) que non hai tempo nin para actualizar o blog, mesmo nin para pechalo durante o verán, que é o que vou facer no vindeiro post. Pero quero contar tres cousas estupendas que me pasaron esta semana:

1. Tapeo. Fun membro do xurado de Santiago(é)Tapas, o concurso de tapeo de Santiago de Compostela. Dúas intensas tardiñas cun estómago todoterreo, catando tapas por toda a cidade, nalgúns bares que nin sabía que existían, e iso que pensaba que estaba enterado. Un pouco de todo: clásicos e innovadores, estridentes e contidos, sabrosos e excéntricos, mediocres e excelentes. En xeral, un nivel máis que aceptábel, gañas de facer cousas e os compostelanitas, por todas partes, facendo rutas e enchendo tapasportes.

2. Subida aos montes de Sabucedo. Sábado que parece luns. O sábado comezou cun madrugoncísimo para subir aos montes de Sabucedo a coller as bestas e baixalas á vila. Bueno, a acompañar aos que o ían facer. Tras unha mañá ata enteira ata o Peón -ambientazo paisano no medio da nada, con empanadas, cervexas e moita cabalaría entre os toxos-, baixada a todo correr ata a aldea para coller o coche e…


Foto: Sole

3. Ledicia na Solaina de Piloño… facer o rally do viño tinto (é como lle chama meu pai cando vas con presa polas pistas do rural) para chegar a comer a unha hora decente á Solaina de Piloño, o centro de arte rural de Paco Lareo, convidados por Paco Penas de Dorvisou e o propio Paco Lareo para un xantar de amizade con outros blogueiros, como Martín Pawley, Dorfun, Mario Regueira ou Lorena Souto. Foi, para min, un xantar memorábel e divertido nun sitio que quero e no que me sinto cómodo, un ateneo do rural como deberan existir moitos por todo o país, cunha conversa intelixente e divertida ao redor da empanada de Vila de Cruces e o churrasco. (¡Moitas grazas polo convite, foi unha honra!)

4. No curro. Ao rematarmos, rally do viño tinto de volta para chegar a tempo a Sabucedo, a ver o espectáculo da Rapa. Sole aínda volveu e pasou todo o luns cos aloitadores. Teño pendente un texto e un vídeo do ciclo dos cabalos de Sabucedo (que dicir de novo, cando deste lugar xa escribiron tantos e tan ben!). Entrementres, aquí quedan os seus aloitadores, xente brava e valente, propietarios e promotores dun sofisticado e complexo ritual cultural de iniciación á vida e de irmandade. O luns, con dous curros xa ás costas, tabiques rotos, puntos na cabeza, costelas magoadas, pés dobrados, os aloitadores de Sabucedo, Raúl, Santy, Vicente, Roi, Michel, Henrique, Paula…e outros seguían domeñando cabalos bravos da serra como se niso fora toda a súa vida, cun orgullo cultural que pon os pelos de galiña.


Fotos: Sole

3 Comments

  1. 8 / Xullo/ 2008

    Tamén foi un pracer pola miña parte. A nosa tarde foi menos movida, visitando escritores de Gres e paseando polas ínsuas do Ulla. Aver se coincidimos noutra :-)

  2. 18 / Xullo/ 2008

    Pois a verdade é que chegástedes a Piloño inspirados. Menuda letanía, aínda a estas horas teñen que estar as esculturas da Solaina traducindo do latín.
    Se queres saber algo máis pásate polos videos de pawley.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará