La Búsqueda 2 – El diario secreto (atención, spoiler)

E dirás: “¿pero que demos se te perdía vendo La Búsqueda 2 – El Diario Secreto“? Nada, obviamente, pero digamos que tiven unha semana moi estresante e apetecíame desconectar vendo unha chorrada destas. O calificativo máis benevolente que se lle pode outorgar ao filme é infame. É un remedo das narrativas de enigmas históricos que estiveron tan de moda os dous últimos anos (xa van decaendo), cun argumento delirante, a carencia total de ritmo e insuflado dun banal patriotismo norteamericano que serve para ligar con inconsistencia toda a inconsistencia deste filme protagonizado por Nicolas Cage.

Agora ben, non falaría aquí de National Treasure 2 – The Book of Secrets (o despropósito do filme é tan grande que na tradución oficial do título do filme ao español falan dun Diario Secreto que na película en realidade é un libro, non un diario), non falaría aquí desta bazofia, digo, se non fora polo seu final. Os actores buscan a cidade secreta de ouro dos indíxenas mesoamericanos, esa que varias expedicións de todo pelaxe procuraron ao longo de Sudamérica durante os últimos cinco séculos sen éxito. Pois ben, a Cidade de Ouro -que é un recinto subterráneo con inscricións olmecas e pirámides maias-, estaba debaixo do Monte Rushmore en Dakota do Sur, a moitos miles de quilómetros das culturas mesoamericanas! Para quen non lle soe polo nome, o Monte Rushmore é este:

…e a súa localización está aquí.

Non lle pido a unha simple película de acción máis que pura acción e pouca complicación. Pero o que si me irrita é a ideoloxía que hai detrás: a finais do ano 2008, os guionistas de majors globais como Disney seguen a perpetuar este terríbel sustrato ideolóxico destinado ás clases medias e baixas norteamericanas que porfía en reorganizar a Historia para outorgarlle aos Estados Unidos o papel de centro do mundo. É só unha película, pero todos sabemos que, como boa parte dos filmes, as películas se fan co barro das ideoloxías, das culturas e dos prexuízos.

3 Comments

  1. Unha semana estresante?!! ( agarde vostede un momentiño namentras éste conde xermánico indica ó seu fidel e mal pago mordomo Günthell que intente atopar a definición dese vocablo no dicionário aristocrático… MEIN GOTT!!… iso era?? )… pois moi ben… e se daquela pra a vindeira ocasión botara man vostede dos grandes clásicos silentes?? ( obras mestras que abranguen tódolos estados de ánimo inimaxinábeis, dende Herr Chaplin até Herr Protazanov ) … non se pode imaxinar vostede os grandes beneficios pra a saúde física e mesmo mental que outorgan eses maravillosos filmes dos seus tataravós, en troques desas paifocadas modernistas tan, desafortunadamente… acesíveis.

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

  2. 28 / Xuño/ 2008

    Conde, sabe quen ten un dos blogs máis orixinais que hai por estas redes?

  3. 28 / Xuño/ 2008

    MEIN GOTT!!!!!

    Con ese comentário melenudo seu ( obviamente ésta é unha esaxeración aristocrático-retórica, pois ó seu autorretrato se remite éste seu Herr Von… ) mesmo conseguíu sacar as cores nas pálidas meixelas deste dilettante teutón… por iso mesmo e coma tampouco fan falla moitas excusas pra que un conde xermánico bote man dun exquisito caldo do Rhin ou mesmo de terras exóticas, brindaráse na vindeira soirée na súa honra e cun dos seus viños recomendados no seu diário moderno e que tantas satisfaccións e estados etílicos ( isto por mor da falta de ponderación das clases altas… ) proporcionan a éste seu Herr Von.

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará