Goliardo Loureiro 2006: a acidez que trae o Océano

A primeiros de maio levei unha enorme sorpresa ao probar un dos tintos do mar que fai a adega Forxa do Salnés á beira do océano. Era o Goliardo Caíño 2006: unha pequena marabilla da nosa enoloxía e a promesa dun futuro no que pode que a costa galega sexa tamén coñecida por tintos de doble cara: sorprenderán ao estranxeiro, que non coñece as elaboracións e variedades tan particulares das Rías Baixas, e activarán en nós a memoria ancestral do viño feito polos nosos avós. Do Goliardo Caíño 2006 fixéronse 1.200 botellas. Do Goliardo Loureiro 2006 fixéronse algunhas máis (2.700), pero tan mínima cantidade faino un viño difícil de conseguir e sumamente caro para a media dos tintos galegos (20 euros en tenda). Tiven a sorte de que me agasallaran cunha o outro día e así puiden satisfacer a miña curiosidade.

O Goliardo Loureiro é ben diferente do Goliardo Caíño en moitas cousas. Para empezar, ten unha cor moi concentrada, taninos escuros, ribetes violetas, un lembra eses viños que se servían en taza, tradicionais. O viño dá en boca un enorme golpe de acidez, que enche todo o padal, e despois séguenlle matices de froita vermella ou froita negra, así como determinadas notas minerais. Hai pouco posgusto: deume a impresión de que o viño non vai moi lonxe, que se define por ese golpe inicial ácido e esa festa inicial de froitas, pero non é sinxelo de beber e difícil de maridar. Sen dúbida é un viño interesante e que activa a curiosidade dos amantes do viño galego, pero na miña opinión está moi, moi pasado de prezo neses 20 euros. O Goliardo Caíño 2006 supera con diferencia a este Loureiro: é máis sofisticado, fino e estruturado.

Tan é así que, polo que me contan, o Caíño está en plena racha de moda nas cenas compostelanas, así que se o queres probar date presa que se vai acabar en menos de nada. En Santiago, os Goliardos sei que se poden atopar en Valladares.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará