Tres grandes viños que probei nestes días

Last updated on 10 / Xuño/ 2008

Un pequeno repaso a tres grandes viños que probei ultimamente.

Libalis 2006. Un Rosal da Rioxa.
Castillo de Maetierra é unha das poucas adegas rioxanas especializadas en viños brancos, de producións curtas e nos que combina tres variedades: moscatel de gran miúdo, viura e malvasía, e a adega está inscrita dentro da denominación Viños da Terra Valles de Sadacia. O Libalis 06, desde logo, está moi por riba do que teño probado habitualmente nos brancos rioxanos e, desde logo, moi diferente, e dun corte moi moderno. Afrutado, de longo posgusto, parece que debeu ser fermentado sobre lías para obter un corte aromático máis complexo e glicérico. Un branco para neófitos do viño, ou para xente que lle apetece disfrutar dun viño rico, sabroso e de matices doados. Se eu fixera un curso de cata, eu arrincaría con este viño para enganchar aos alumnos.

Nottola 04.
Un Nobile de Montepulciano a prezo de vasalo.
Máis alá do Chianti, na Toscana, a zona máis potente para a elaboración de tintos é a viliña de Montepulciano, que comezou a facer un viño con máis corpo e presenza a finais do XIX. Alí, a familia Giomarelli posúe a Azienda Nottola na que elabora o seu Vino Nobile de Montepulciano. Atopei na Feira da Toscana do Corte Inglés este Nottola por 11 euros (e é unha ganga, señora!): os bos Montepulcianos non baixan dos 25 euros. Sen ser un deses supertoscanos que entroniza a Wine Spectator, o Nottola é un magnífico presentador deses grandes descoñecidos que son os viños italianos por aquí: denso, sabroso, con moita froita madura e grandes notas especiadas que proveñen, se cadra, do envellecemento de dous anos en barricas non novas. Un viño cautivador.

Chateau Ksara 2004 Reserve du Couvent. Oriente próximo tamén está nos viños.
Cando quedamos a cear en casa os sábados pola noite gosto de recrearme na selección do viño co que maridar a cea. Busco con tranquilidade na adega algunha botella interesante sobre a que teña curiosidade; este sábado, tras algunhas vacilacións, lembrei de súpeto que iamos ver Caramel, a prima opera da realizadora libanesa Nadine Labaki. Xa non había máis que decidir. Rescatei esta botella da veterana adega libanesa Chateau Ksara, que está emprazada no val da Bekaa, un curioso emprazamento no que se fai viño desde hai 6000 anos pero que os xesuitas franceses recuperaron para a causa no século XIX. O Reserve du Couvent é unha elaboración especial que se caracteriza por envolventes e complexos aromas iniciais e unha explosión de froitas suaves, regaliz e un especiado moi oriental nos primeiros pasos, e un posgusto lixeiro e corto, ao principio. Cando evolucionou deu lugar a un viño complexo e de trago máis longo que nos acompañou pracenteiramente ao longo de toda a peli, que tamén paga a pena: conta a historia de tres mozas cristiás e musulmanas que traballan nun salón de beleza en Beirut. Tres historias cruzadas sobre mulleres a piques de iniciar ou consolidar relacións. Un marabilloso suspiro de aire fresco e tolerancia que nos chega desde o lugar necesario: Oriente Próximo. Brindamos pola sorte do Líbano con este Ksara. E aquí vai un trailer desta película estupenda que é Caramel:

One Comment

  1. 10 / Xuño/ 2008

    É certo, xa teño feito eso de abrir algun curso con este viño. Afrutado, aromático e un punto goloso, matices doados polo tanto didácticos. Aqui a viura vese acompañada do moscatel de bago miudo e da malvasia, as variedades máis aromáticas e terpénicas, o moscatel ate ten destos compostos na pulpa. Por certo teñenno comparado co máis comercial Viña Esmeralda de Torres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará