VI Xantanza: unha homenaxe á variedade treixadura en Viña Costeira


Argimiro Levoso durante a cata varietal na sala de Viña Costeira. Fotos: Sole


Sinalando os viñedos dos que proceden as Treixaduras de Costeira. Foto: César R. Carril


A cata do Tostado do Ribeiro.


Servindo un espumante de vinte anos. Fotos: Gourmet de Provincias e Sole.

A Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, xa chamada Viña Costeira, ocupa o 50% da produción total de viño da Denominación de Orixe. É unha adega enorme, posiblemente das máis grandes de Galicia, e a súa sala -mellor dicir nave- de depósitos impresiona. Na zona superior, Argimiro Levoso, o xerente da cooperativa, estaba agardando cunha cata monográfica da variedade Treixadura. Xunto coa marca de máis produción -Pazo Ribeiro-, Argimiro está a reivindicar que a Cooperativa pode facer viños de calidade e prestixio, tentando gañar un segmento do mercado cada vez máis relevante para as adegas, especialmente no contexto actual da caída do consumo do viño de calidade máis baixa.

Pero é que, ademáis, Argimiro é, posiblemente, o primeiro executivo dunha adega galega en prestarlle unha atención moi grande á desenvolver unha política de comunicación en Internet e ao fenómeno dos blogs en Galicia. E vaia se nos prestou atención: en Viña Costeira agardábanos un percorrido polas diferentes elaboracións da adega vinculadas á treixadura, desde o Viña Costeira 07 (treixadura con achegas das outras variedades do branco do Ribeiro, o lado, o torrontés, o loureiro ou o albariño) ata os monovarietais de treixadura da Colección Costeira (incluíndo un barrica 06). En xeral, as treixaduras de Viña Costeira son moi recoñecíbeis: concilian determinados apuntes de modernidade cun final máis propio do Ribeiro clásico, supoño que buscando un equilibrio para un consumidor máis esixente pero que mantén na memoria ese Ribeiro que sempre coñeceu. A xoia da adega é o impresionante Tostado do Ribeiro, co que se recuperou un viño naturalmente doce moi custoso de elaborar. O Tostado é unha desas xoias que habería que meter nas guías turísticas como gastronomía imprescindíbel.


Vinte anos de espumante. Foto: César R. Carril

Argimiro sorprendeunos cunha traca final: debeu escavar nos subterráneos da adega de Viña Costeira para recuperar unha elaboración especial: un espumante de 19 anos que degüellou para abaixo, como se debe facer cos espumantes vellos, que valeu para un fin de festa máis rápido do que nós desexariamos e que estaba francamente bo. Desde aquí, quero agradecer a súa disposición e o seu esforzo por buscar que nos sentiramos en Viña Costeira cómodos e poder coñecer tan a fondo a súa produción.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará