VI Xantanza: Koshers e Sefarditas na Tafona da Herminia en Ribadavia


Herminia, a súa tafona e unha das súas pastas con sementes de papoula. Fotos: Sole

-Si, eu era panadeira, siii, pero unha señora xudea tróuxome un recetario sefardita. E alí aprendín. Por aquí veñen moitos xudeus, e se emocionan moito, e mándanme recetarios moi vellos.

A Herminia encántalle contar a súa historia. De como á súa Tafona, nunha esquina próxima ao barrio xudeu de Ribadavia -o forno de leña ao carón do mostrador, as vellas lendo revistas, o gato negro como Azrael, as súas delicadas pastas kosher e sefarditas no mostrador, os ovos e as cazolas na traseira, delicados encaixes femininos recollendo os andeis- chegan rabinos hebreos que levan agachados os tirabuzóns detrás das orellas, e de como o embaixador de Israel lle procurou os primeiros distribuidores de materia prima, e como chegan os xudeus que fan os Camiños de Sefarad a ver e non dar crédito.

Non dan crédito porque a Tafona da Herminia é un estupendo exemplo de tradición reinventada: parece que leva toda a vida aí, coma o esconxuro da queimada, pero é algo recente, vinculado á creación da imaxe turística xudea de Ribadavia. Sen embargo, ao escoitar a Herminia, ao probar os doces nese forno de muller, parece como se unha comunidade sefardita que sobrevivira á expulsión continuara agachada, nos patios interiores de Ribadavia, cociñando como hai cincocentos anos. O recetario de Herminia é fundamentalmente kosher, baséase nos ingredientes dos xudeos centroeuropeos, pero as dez ou doce variedades de pastas que fai a señora son a cada cal máis saborosas e ata coherentes co fermoso casco histórico. Os xudeus deixan viños kosher, postais, fotografías, menorahs (os candelabros de sete brazos), estrelas de David prateadas, imaxinería que vai convertendo o lugar nun pequeno santuario cultural.

-Si. Paseade, rapaces, si. Sabede que estades na capital do Vello Reino de Galicia.Si.

Si, Ribadavia foi capital do Reino hai moito tempo. Os xudeus de Herminia aínda non foran expulsados de aquela.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará