Entre profesionais

Ando estes días enleado en varias conferencias, que teñen en común o tipo de audiencia: profesionais de ámbitos non cibernéticos pero que queren entrar nel, e procuran modelos e referencias cos que compararse. Onte estiven na Estrada, nas V Xornadas AGADER sobre Emprendemento no Rural, cun público integrado por gandeiros, labregos e xente de casas de turismo rural, que teñen claro para que lles valía Internet: superar barreiras, intermediarios e filtros e buscar novos potenciais consumidores a través do comercio electrónico. Hoxe en Santiago impartín unha sesión no programa Vía Cultura 08 de formación de técnicos de cultura; a maior parte do participativo auditorio estaba integrado por técnicos de concellos municipais con gañas de coñecer máis o medio, aproveitalo, e mellorar as canles de comunicación. Mañán estarei en Allariz con técnicos tamén da zona.

Este tipo de conferencias supón un esforzo bastante grande para un conferenciante: debes ir ao concreto, a esas preguntas que todo profesional que asiste a unhas xornadas precisa responder con rapidez relativas a como a rede e a comunicación por Internet pode mellorar o seu traballo; ao mesmo tempo, non se debe renunciar a unha visión de conxunto que te pode proporcionar a reflexión e a investigación, porque iso é o que diferencia unha sesión dunha xuntanza de traballo. Eu creo, ademáis, que o practicismo e as receitas concretas comezan por unha visión de análise global; as sesións breves deben, sobre todo, estimular, motivar e outorgar referencias.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará