VI Xantanza de Blogastrónomos: percorrendo as adegas do Ribeiro


Viñedos en Viña Mein (Leiro), parada noturna da VI Xantanza. Foto: Sole

Pois a vindeira Xantanza dos Blogastrónomos galegos será, como alguén oportunamente apuntou, unha “bebenza”. Daremos un pequeno xiro ao tradicional xantar estacional que facemos moitos blogs enogastronómicos e afeccionados á boa mesa de Galicia e botarémonos ao camiño para descubrir o Ribeiro. Era algo que xa falaramos uns cantos nas últimas xantanzas; cando Sole e máis eu o propuxemos nesta última foi moi ben acollido e, como pasa sempre que propós algo, tócache organizalo. :-)

Creo que vai ser unha xuntanza moi instrutiva, que permitirá coñecer a realidade do Ribeiro e difundila, porque a terra meréceo. O Ribeiro é, posiblemente, a denominación de orixe galega na que o viño está máis aí dentro, cravado na cultura e na Historia e, sen dúbida, cunhas potencialidades turísticas moi pouco coñecidas. Será unha ocasión para vérmonos, aprender e compartir unha auténtica experiencia enogastronómica.

A ver que vos parece o programa que deseñamos Sole e un servidor. Eu creo que non está nada mal. ;-)

VI XANTANZA
ROTEIRO ENOGASTRONÓMICO POLO RIBEIRO

Sábado, 31 de maio de 2008

POÑÉNDONOS EN SITUACIÓN

Castelo de Ribadavia
Xuntanza do grupo e entrega de documentación: materiais e guías enograstronómicas e de viaxes xentileza da Consellería de Medio Rural e de Turgalicia.

Viñas e Viñedos do Ribeiro.
Da man de Ovidio Veloso, xefe de servizo da Consellería de Medio Rural, coñeceremos no terreo as peculiaridades do cultivo de viño no Ribeiro, as diferencias entre os cultivos tradicionais e os novos, as variedades autóctonas, os solos…


AS ADEGAS E OS VIÑOS

A visita está deseñada para coñecer tres modelos diferentes de elaboración do viño no Ribeiro: a adega de mediano tamaño, o colleiteiro tradicional e a gran adega.

Adega Coto de Gomariz
Subimos ao alto do val de Leiro para visitar a aldea de Gomariz. Ademáis da súa adega medieval única, en Gomariz atópase unha das adegas máis interesantes dos novos viños do Ribeiro: Coto de Gomariz. Cun gran investimento tecnolóxico e un forte espírito experimental, Coto de Gomariz está a producir algúns dos viños máis interesantes da denominación que coñeceremos da man de Ricardo Barreiro.

Adega Valdavia.
Un colleiteiro tradicional en Cuñas (Cenlle) que se está a distinguir por viños de gran calidade coma o excelente branco Cuñas Davia Barrica, de produción reducidísima (900 botellas).

Viña Costeira.
Do colleiteiro tradicional pasaremos a outra dimensión da xestión do viño na cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, a maior da denominación. Con Argimiro Levoso subiremos a un dos viñedos máis espectaculares da Cooperativa e despois cataremos algúns dos viños máis especiais da adega, coma o seu famoso Tostado do Ribeiro.

MANDUCA
Xantar en Casal de Armán
Ubicado nunha vella casa de labranza, ao carón do futuro Museo do Viño do Ribeiro, o Casal de Armán é outra das adegas que fan un novo Ribeiro moi destacado.

MOMENTO CULTURETA
Xudeus e cristiáns en Ribadavia.
Despois do xantar, volvemos ao Castelo de Ribadavia para dar un paseo cultural e coñecer a vila, antiga capital medieval do Reino de Galicia.

LATE SHOW & GIN-SESSION
Viña Mein
Descanso na Adega Viña Mein, outra das mellores adegas do Ribeiro. Baixaremos a cear a Leiro e volveremos á Adega para manter unha Gin-Session ata onde o corpo aguante.

7 Comments

  1. 27 / Maio/ 2008

    Bernardo… ¿e se vas de conductor do autobús? (porque esta xentiña non sei a quén van convencer / pagar para que os leve de volta… :P )

  2. 27 / Maio/ 2008

    No vou dicir nada que non dixera antes en privado, pero para que conste:

    Un programa difícil de superar e realmente apetecible.

    Xa me está a tardar.

  3. 27 / Maio/ 2008

    Bernardo, mágoa que sempre contemos con prazas tan limitadas para poder facer que sexa manexábel…

    Eu, procuraremos manter a dignidade en todo momento, aínda que somos unha tropa que dá medo cando chegamos a algures (aínda non nos viches sacando todos cámaras de todo tipo). Desta, ao mellor tamén me animo coa cámara de vídeo. :-P

  4. 27 / Maio/ 2008

    Daremos medo cando chegamos, pero penso que desta máis medo vamos dar ó sair :-)

  5. 28 / Maio/ 2008

    Todo fai pensar que vai ser unha xornada do máis gratificante. Gracias por ocuparvos de todo!

  6. 28 / Maio/ 2008

    Entre as miñas escasa habilidades non se atopa a de chofer de autocar, mais, no caso de que á volta vexades trocado o verde das marabillosas vides do ribeiro polo do uniforme da Guardia Civil, cousa improbable tratándose de xente prudente, na miña condición de letrado, quedades convidados á asistencia xurídica, e tamén a un G&T. Ou dous. Disfrutade da xornada, que ben paga a pena. E xa nos contaredes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará