Impresionante continuación da campaña de Louis Vuitton sobre viaxes


Steffi Graft e Manhattan, no web de Louis Vuitton

Co título de Countless Journeys, Countless Emotions, a compañía de luxo Louis Vuitton elaborou unha impresionante experiencia multimedia no seu web, prolongando a campaña que iniciara co preciosista anuncio publicitario Unha viaxe xa vista en Capítulo 0. Countless Journeys propón a visita a catro cidades, que son descritas con voz en off por catro persoeiros famosos, sobre todo en termos emocionais e británicos. O matrimonio Steffie Graft – Andrea Agassi fala sobre como perciben Nova York; Catherine Deneuve explica o seu París; Mijaíl Gorbachov conta Moscú, e proximamente Keith Richards falará doutra cidade (¿Londres?). As visitas artéllanse a través de slideshows con audio, no que se mestura o off dos protagonistas con numerosos efectos sonoros obtidos nas rúas que lle outorgan unha gran dimensión ambiental e unha hipnótica banda sonora. As fotografías, case casuais, con encadres pouco habituais, constrúen a experiencia. E, cada unha das cidades, está dividida en capítulos aos que se accede por un mosaico fotográfico que permite previsualizar o contido do slide, e que me recordou moito ao Whale Hunt de Jonathan Harris.

O resultado é unha experiencia marabillosa; por criticarlle algo, diría que non acabo de entender o casual das fotos. Boto en falta unhas mellores fotografías, xa que as que se presentan para min son frías en exceso, e se cadra algo máis traballado o guión do off dos persoeiros, que ás veces pode ser moi distante do propio ambiente íntimo que tenta transmitir a experiencia. Non sei, gustaríame que o viras e que despois me deras a túa opinión nos comentarios. Segundo os publicistas de Vuitton, esta é unha campaña de imaxe a longo prazo, que aspira a manter os valores máis constantes dunha marca con independencia de accións publicitarias concretas. Consígueo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará