Uncastellum Tinto Barrica 2005: unha densa e fresca estrutura

A viticultura ecolóxica vai prosperando lentamente e está dando lugar a estupendos caldos, como este Uncastellum Tinto Barrica 2005, que trouxo Sole de Uncastillo, unha localidade da comarca zaragozana das Cinco Villas. Resumindo o tema da viticultura ecolóxica: trátase de non botarlle química á viña nin á posterior elaboración do viño, aínda que se permite o uso dalgúns compoñentes, coma o xofre, en momentos determinados e en pequenas cantidades. Obviamente, en Galicia é moito máis difícil manter un viño ecolóxico, xa que pola humidade as cepas poden padecer moitas máis pragas. Non así nos viñedos da Ribera del Duero ou, neste caso que nos ocupa, en Aragón, baixo o amparo dos viños da Tierra del Gállego y Cinco Villas.

O caso é que o Uncastellum Tinto Barrica, da adega do mesmo nome, é un tremendo viño, xente! E é destes nos que xa te das de conta de inmediato. Sorprende a súa sólida estrutura, espesa, que sen embargo, o punto de acidez final consegue suavizar e facer un viño moi gorentoso, case larpeiro. Froita negra nese corpo, e aromas especiados que, conforme avanza a noite, ván dado mesmo cafés ou coiros; aínda que supoño que moitas destas notas veñen das barricas novas de carballo, que aportan este tipo de toques ao viño, moito tamén debe proceder do coupage ecléctico do viñedo: garnacha, merlot, tempranillo, cabernet-sauvignon. En suma, un viño moi moderno, excepcionalmente rico, e como para repetir moitas veces.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará