Nómades do viño: viñas e futuros na Ribeira Sacra

Last updated on 27 / Marzo/ 2008

carballocovo.jpg

Son as nove e media da mañá, aínda estamos en marzo e aquí vai unha calor de coidado, co sol petando cunha intensidade para deixar ata chosco. Estamos no Carballocovo, a media aba do Canón do Río Sil, na estreita e intensa estrada que baixa de Doade ata o embarcadoiro. Esta é a zona máis quente de viñedo na denominación de orixe, e o Carballocovo a finca principal da Adega Algueira, unha das referencias máis sólidas da rexión. Durante centos de anos, homes cargados con capachos de 45 kilos subían estas pendentes do tropecentos% para descargar con rapidez a uva nas adegas e volver. Un traballo de escravos. Ou heroico. Marchamos a unha intensa sesión de traballo do Segundo Congreso Internacional sobre viticultura de montaña e en forte pendente, que organizou a Consellería de Medio Rural e o Cervim entre o 13 e o 15 de marzo para coñecer a viticultura da zona. O intenso programa comezou co agradábel e melodioso son do espertador ás seis e media da mañá.

A temperatura que estamos a recibir a esta hora é por si soa toda unha tese de doutoramento: explica por que a Ribeira Sacra foi un dos principais territorios históricos do cultivo do viño no país. Esta calor dá ata para documentar mesmo os monumentais mosteiros da área. Os viñedos da ladeira norte, a luguesa son unha auténtica antena parabólica de captación de raios de sol. Reciben moitas horas de insolación e almacenan calor ata o punto de alterar, durante uns centos de metros, a referencia climática circundante e transportarnos a latitudes máis secas ou mesetarias, cheirar os laranxos ou as plantas aromáticas mediterráneas que medran entre os viñedos. Gabear ata estas ladeiras ferventes é entrar nunha cámara de alteración climática. E no verán, contra finais de xullo, supoño que será a comporta do inferno. Unha trampa xeolóxica para a humidade galaica. E unha beizón para o tinto local: as variedades tintas agradecen a pouca chuvia e a calor.

Esta zona fronteiriza entre Lugo e Ourense viviu durante o século XX a masacre agrícola da emigración. Pouco a pouco os viñedos foron desaparecendo. Cando, desde finais dos 80, varios emprendedores comezaron a impulsar o cultivo comercial do viño, foron escollendo as zonas máis insoladas e máis rendíbeis, como este Carballocovo, e outras voltas do río nos que o sol se detén algo máis de tempo que no resto do mundo. Hoxe, esta paisaxe é bígama. Da ribeira luguesa, están os viñedos en socalcos. Da ribeira ourensá, máis húmida, medra o bosque atlántico, espeso, húmido, e con barbas de carrizo. Vese ben na foto de enriba, e na de embaixo. Iso, hoxe, porque antes non era así.

O viñedo enchía as dúas ribeiras. Esta paisaxe parecíase moito máis, por exemplo, ao Douro portugués. Baixo o bosque atlántico do lado ourensán, seguen os antigos socalcos, de cando o viñedo da Ribeira Sacra explotábase intensivamente, a ambas as dúas beiras do río. Puros séculos XIX e XX. Para quen teña vista, é algo emocionante. Os socalcos seguen aí. O bosque trepa entre terrazas agachadas. Agardando. Fixádevos ben na foto seguinte:

carballocovo_2.jpg

¿Chegará a súa hora? ¿Volverán cruzar a ponte os viticultores? Creo que si, que volverán facelo, pero non polos mesmos motivos polos que estes viñedos se plantaron hai un, dous ou tres séculos. Hai un ano, cando visitei a Denominación de Orixe de Monterrei, decateime de que os viticultores eran os primeiros na trincheira do cambio climático. Un ano despois, este é o principal concepto, debate, o principal creador de incerteza. Se queren saber en que influirá o cambio climático na nosa natureza, pregúntenlle a un viticultor informado.

-As prantas viven aquí cun enorme stress hídrico -explica Fernando González, o viticultor de Algueira. No Carballocovo, a mencía medra directamente sobre o xisto case como algo miragreiro. Esa pizarra pasa directamente desde a vide ata o viño, e se recoñece perfectamente nos viños de Fernando como un auténtico sinal de identidade terreira. “Cada vez máis”, explica Fernando, “temos unhas sequías máis brutais”. A vide sobrevive no verán gardando o mínimo resto de humidade. Na adega están buscando xeitos de aliviar algo ese stress fatal: achegan a pranta máis á terra, para que a auga non deba percorrer tanto camiño. Pero Fernando está xa pensando no futuro. Na banda ourensá. A que hoxe ten bosque atlántico e húmido. O futuro pode estar na emigración. Pero de vides. Colonizar de novo esa ladeira e resucitar os socalcos centenarios. Buscar o frescor. Os Algueira están xa abrindo o bosque. ¿Serán os primeiros colonos dun novo movemento na Ribeira Sacra? ¿En que afectará o cambio climático aos viños de aquí?

Se Algueira é a expresión do terroir, do viño de pago, dunha produción moi limitada que sae ao mercado por non menos de dez euros botella, a Reitoral de Amandi é a máxima expresión local do viño popular. Non sei canto se parece o viño da Reitoral aos míticos Amandi aos que cataron os petrucios da Xeración Nós, pero Amandi coloca no mercado un concepto e un sabor de viño por menos de cinco euros. O viño da Reitoral responde á idea popular do mencía galego, asociado no país a xolda, polbo, churrasco e banquete colectivo: moi importante, iso é un patrimonio cultural para unha marca de primeira orde. Coma co clima, o propio recinto da adega é unha expresión da evolución histórica da denominación de orixe nos últimos vinte anos. Do pequeno almacén inicial, ubicado ao carón do edificio da reitoral, foron medrando engadido tras engadido ata o enorme espacio actual. No exterior, Amandi cae espectacularmente contra o río.

Pola tarde achegámonos ata a Adega Algueira a mercar algunhas botellas e a curiosear. Pasar por Doade é sempre unha caixa de sorpresas, porque Fernando anda sempre a fedellar en novos conceptos, novas variedades e coupages. Probamos o Brandán, que é un branco impresionante ao que lle dedicarei un post por si só, o novo Algueira Barrica branco, con grandes toques afumados e unha longa persistencia en boca. O que máis me sorprende, con todo, son as probas. O Fernando está ensaiando en pequeno o que será a prantación da nova colonia do sur, enfronte de Carballocovo. Variedades autóctonas para as que non atopa toda a documentación que precisa. Probamos un merenzao, ¡merenzao só! É unha variedade que sempre se agregou aos viños para darlles matices. Fernando sácalle polo de agora, unha sorprendentemente intensa estrutura tánica e unha gran nariz. E, sobre todo, un viño diferenciado.

A clave da Ribeira Sacra consistirá, teño a impresión, en conseguir chegar a isto. A imbricar viño e variedades ata o punto de facer unha marca única. E de combinar ese viño popular -o Amandi-, co terreo da exploración de pequenos nómades do viño, como Fernando ou outros viticultores, extraendo todo o que dá de si a beizón do río, buscando as zonas máis axeitadas de xeito dinámico, prevendo, investigando, sabendo comunicalo e vivindo con paixón. Estas ladeiras son un bo motivo para apaixoarse co viño, desde logo.

2 Comments

  1. 27 / Marzo/ 2008

    Hai duas semanas estabas aturando esa calor e a esas horas da mañan e estos dias pasados seguro que algunha neve caeu, ese é o sino das estacions co chamado cambio climático, mira por onde hoxe colgo unha pequena síntese das suas influencias na viticultura.
    O da vertente ourensá nunca o pensara, xa é unha constante noutras zonas a busqueda das zonas umbrias e máis ultimamente das alturas para entre outras cousas alongar a maduración dos bagos, e seguramente porque co tempo outras situacions impedirian a práctica da viticultura: Malaga, Alpujarras, e destas cara a meseta en practicamente todas as zonas que teñen esa posibilidade, tamén no Alentejo alguns seguen ese camiño ou migración, no Douro, que tan ben moldearon eses miles de viticultores galegos hai xa tres séculos, e tan semellante a nos en pequenos e grandes detalles, como por exemplo o poderen xogar coa orientación dos viñedos, a elección das vertentes que miran ó norte e a determinada altura realizase máis ben polo corte de viño que ese elaborador busca, se busca frescura, máis acidez, elegancia, complexidade, máis equilibrio e outra evolución no tempo, buscará esas terriñas.
    Non imaxinaba que eiqui deramos chegado a esa fase, quedabanme outra ou outras no camiño, pero disfruto ademais de cos seus viños con ese espirito e con ese bulir de seu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará