Casa Ramallo en Rois: un Ben de Interese Gastronómico

Non hai sitio igual na contorna de Santiago, se buscas retroceder no tempo e volver aos platos de lume manso, baseados en salsas, guisos e moito tempo e coidado. Este é un sitio para levar a amigos, non fallar, sorprender, e amosarlles un escaparate do que era a comida dos pazos, ou dos domingos con tempo, pota fumegante, chuvia nas fiestras e brañas enchoupadas.

Casa Ramallo, en Rois, é un dos nosos grandes descubrimentos da tempada, descubrimento puramente persoal, xa que é ben coñecido polos amantes da boa mesa desde hai anos: cen, concretamente. Está na estrada que leva de Rois a Padrón, beireando polo norte o val do Sar entre pazos e casas nobles. Por este local pasaron o poder, a cultura e a farándula deste país, que sempre se encontra a gusto xunta nas táboas de xantar. A sala, atendida pola señora Milagros Ramallo, descendente dos fundadores, está sempre ateigada dun público que chega atraído pola sona deste lugar ou que lle é leal coma un sabueso. A min da Casa Ramallo gústanme os pratos de culler, os guisos, os preves espesados; acaban sendo absolutamente inolvidábeis no patrimonio gustativo que se nos vai quedando co tempo. A última vez que estivemos foi absolutamente xenial. Un guiso de cariocas para comezar, seguido de lamprea con patacas e chícharos (a mellor lamprea que comín na miña vida) e capón da casa cun estupendo preve de améndoas e ovos. Iso é o que probamos, pero en Ramallo nunca se sabe: a tempada, o mercado, a caza (lembro un faisán marabilloso). Para rematar, proba a pedir o seu mítico milfollas, se aínda lle queda, porque sempre hai unha competición entre os clientes por levarse o último anaco. Toda unha fotografía da cociña acomodada galega, co corpo que tomou desde mediados do século XIX.

Aquí Álvaro Cunqueiro e o seu inseparábel compadre José María Castroviejo aplicábanse na arte do xantar. Imaxínome a conversa mollada en tinto país:

-José María -diría Cunqueiro mentres limpaba un osiño cos seus reboludos dedos- estas perdices están tan tenras por seren arroladas a diario polas badaladas das campás de Bastavales, que están tan cerca.

Propoño que Casa Ramallo sexa declarada BIG (Ben de Interese Gastronómico) -antes haberá que facer a lei, pero ese é asunto que seguro que consigue consensos-. O restaurante é case o último representante dunha comida cariñosa, ilustrada e caseira que queda nas inmediacións da capital do país e que pouco a pouco se vai extinguindo mentres os ritmos do século XXI nos arrebatan o tempo e, o que é peor, a paciencia. Aquí, nestes fogóns de Rois, está o patrimonio de moitas horas de potas e chuvia de Galicia.

Sobre 25 euros se non pides lamprea ou mariscos. Telf. 981 804 180. Reserva as fins de semana, que está a rebentar. Ver localización no interior do post


Ver mapa máis grande

2 Comments

  1. 17 / Marzo/ 2008

    En casa Ramallo comín eu, fai anos xa, a miña primeira lamprea (á bordolesa) , e estaba realmente espectacular. Pero lembro ese aroma dos guisos dos que falas …

  2. Juan
    27 / Febreiro/ 2012

    Eu levei a uns amigo de Valladolid e degustamos guisiño de xoubiñas con patacas, fideos con ameixas, empanada de zamburiñas e unha botella de mencia, exquisito!!!!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará