Lansbrica: a cidade a flor de terra

san_cibran_1.jpg
Urbanismo no barrio Leste

san_cibran_2.jpg
Corpo de garda na muralla superior, porta Leste

san_cibran_3.jpg
Posíbel zona cerimonial, base dunha estatua, en plan “cruceiro”

Calquera que visita San Cibrán de Lás , entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, percibe ao momento de que se atopa ante un castro diferente aos habituais. En Galicia non estamos afeitos a que os castros se perdan na vista, sexan enormes, cidades de antes das cidades. San Cibrán é un lugar sobrecolledor para quen queira prestarlle atención, cunha organización urbana sorprendente, propia dunha cultura mestiza entre indíxenas e romanos -aparentemente. O voo americano, unha secuencia de fotografías aéreas tomada a mediados dos 50 sobre a superficie española, amosaba con claridade a estrutura deste castro.

san_cibran_4.jpg
Fotografía aérea de Lansbrica.

Da acrópole do centro -hoxe comezamos a saber que esa gran superficie central era un espazo sagrado, unha especie de santuario- saían rúas, de xeito radial, ao redor das cales se distribuían áreas e barrios, e o acceso con escadas impedía o acceo aos carros, a diferencia de toda a anteacrópole que envolvía este recinto. Na Galicia do momento debeu ser maxestuoso, e o nome orixinal desta cidade parece dar testemuña: Lansbrica. En lingua celta, Lans Brica é a Cidade Central, a Cidade do Chan, a Cidade do Medio, ou sexa, un lugar importante. As excavacións están amosando este urbanismo perfeccionado, e complexo, aínda que canto máis excavan máis datos nos faltan por comprender. Algunhas das residencias, compostas por varias vivendas e edificacións, xa parecen imitar modelos romanos, ou teñen toques de monumentalidade. En Galicia non estamos afeitos a ver estas cidades indíxenas, estas cidades de antes das cidades, de dimensións tan grandes á media dos castros. A nosa historiografía tentou explicarnos a nosa evolución a partir da fundamental achega romana, pero o certo é que esta enorme cidade, que se abandonou ao século IV, parecía ter catro séculos despois da conquista máis de castrexo que de romano.

Lansbrica é unha cidade a flor de terra. As ovellas e os coidados sobre o recinto permiten ver onde están as vindeiras fronteiras, as casas que están sepultadas. Ao solpor, aprécianse perfectamente todo o que está agardando para ser excavado baixo a superficie. A flor de terra, non sabemos aínda que sorpresas nos dará Lansbrica.

2 Comments

  1. felisindo
    13 / Marzo/ 2008

    Comparto as opinións verquidas sobre o Castro da Cidade, coñecido coma de San Cibrao de Lás, anque a maior parte da súa extensión perteñeza á parroquia de Ourantes (Punxín). Sen embargo, debo advertir que o nome de Lansbrica ainda non é definitivo. Procede da lectura da ara adicada a Bandua, a “Bandua Lambricae”. Hai que le “Bandua Lanobricae” ou “Bandua Lansbricae”. Esta última paréceme a máis incorrecta de todas. En canto á grandeza do castro, só poderemos comprendela se insertámolo castro no medio dun grande territorio, centrado polo emblemático Santrocado e rodeado de pequenos castros e aldeas. Unha delas é a desaparecida aldea mineira entre Laias e Barbantes, que, coma outras que poidan aparecer, sería a responsable do engrandecemento de Lambrica, a verdadeira capital da comarca nos tempos da romanización.

  2. RvG
    21 / Maio/ 2012

    Lambrica(m) es nombre bien distinto a Lansbricae. Una es costera (Rías Bajas) y la otra en el interior (Las, San Amaro O Carballiño).

    Según las fuentes y la epigrafía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará