Astrónomos e reis no Chan da Ferradura de Amoeiro

ferradura_1.jpg

Na parroquia de Trasalba -si, a do pazo de Don Ramón, no concello de Amoeiro- atópase, mergullado nun inmenso mar de xestas, un interesante escenario da nosa prehistoria. Un escenario, coma sempre, inconcluso, aberto a múltiples hipóteses, con interrogantes de todo tipo. Moitos seguramente oístes falar do petróglifo astronómico do Chan da Ferradura, en Amoeiro, xa que apareceu en La Voz de Galicia referenciado en dúas ocasións. A orixe da hipótese está neste traballo (pdf) dos profesores da USC García Quintela e Santos Estévez.

A interpretación céntrase en que, nun abrigo chamado O Raposo, ubicado no Chan da Ferradura do concello de Amoeiro, alguén rachou e desprazou unha pedra no interior dun minúsculo abrigo rochoso, para aliñala coa saída do sol no día exacto do solsticio de inverno. Segundo García Quintela e Santos Estévez, ese petróglifo podería representar exactamente a paisaxe que se ve enfronte: o Monte de San Trocado -de gran riqueza folclórica local- e mesmo unhas voltas do río Miño. Ao mesmo tempo, a sombra do mencer provoca unha sorprendente sombra que apunta ao veciño Coto do Castro imitando a mesma forma. Fran, un lector de Capítulo 0, estivo alí o día do solsticio de inverno do ano pasado (21/12/2007) e envioume unha ligazón (¡grazas!) á súa estupenda galería fotográfica na que se pode apreciar o que alí acontece:

solsticio_1.jpg
A luz entra pola fenda do abrigo e alumea o petróglifo. Foto: Fran

solsticio_2.jpg
A sombra do abrigo, ese día, apunta exactamente cara o Coto do Castro. Foto: Fran

Nós estivemos alí onte visitando o lugar. Ao longo dese Chan da Ferradura, aparecen sortes de penedos cheos de cazoletas, por todas partes. Ao chegarmos ao Abrigo do Raposo, resulta sorprendente a proximidade entre a forma debuxada no petróglifo e a paisaxe de enfronte, co monte e o río. A Ferradura podería ser algo así coma o noso Stonehenge, o noso espazo astronómico prehistórico, pero tan só un pouco. Porque non hai nada no Raposo que resulte monumental, nin espectacular a nivel visual e iso é o que máis me fascina. A natureza tan só foi alterada de xeito mínimo para que todo se produza de xeito habitual, e o que puidera ser unha secuencia de fenómenos naturales (a luz entrando por unha fenda un día determinado, a sombra do abrigo apuntando ao castro), cobra un enigmático sentido cultural tras a acción de gravar un petroglifo, rachar a pedra e desprazala uns centímetros no interior dun abrigo. No veciño Castro da Zarra, por certo, outros investigadores atoparon un petróglifo moi parecido, tamén dentro dun abrigo, así que a cousa vólvese máis sorprendente.

O Chan da Ferradura vén a ser unha especie de tesouro arqueolóxico ao que o tempo está a devorar: cabos de alta tensión, a liña do gas natural, as xestas que inundan os vellos camiños e fincas. Próximo ao abrigo, camiñas ata unha laxe na que están gravadas ducias de pegadas, o que se chaman podomorfos. Os podomorfos, combinados con serpes e cazoletas, forman un enigmático espazo. A investigación arqueolóxica que se levou a cabo no 2006 revelou aspectos importantes sobre este petróglifo, como a existencia dun pequeno enlousado ou que en moitas fendas da pedra, e nun rebaixe artificial que se fixera nela, alguén fóra incrustando anaquiños de cuarzo. Segundo García Quintela, este tipo de pedras con pés son habituais nos centros de soberanía no mundo celta: o rei tomaba posesión/contacto/casamento coa terra en rituais que simbolizaban a alianza entre homes e terra.

podomorfos.jpg
Os podomorfos da Ferradura.

Este lugar, Trasalba, en Amoeiro, o occidente da provincia de Ourense acaba por ser unha cebola que pouco a pouco se vai destapando. Xusto cando acabamos de volver deste discreto Stonehenge, lemos un fascinante artigo no Cuaderno de Estudios Gallegos (pdf) que nos vai ter que facer volver en breve.

Como nas alcaldías do rural galego é de mal gusto poñer sinalizacións, localizar os dous petróglifos no Chan non é nada doado. No interior do post publiquei un mapa para quen queira visitalos.


Ver mapa máis grande

8 Comments

  1. 2 / Marzo/ 2008

    Son parte interesado (digamos), así que non vou dar a miña opinión aquí, pero unha visión da mesma en relación co caso de Amoeiro, coas entronizacións e demáis a tes no noso artigo aquí:
    http://www.ucm.es/info/arqueoweb/numero8_1/conjunto8_1.htm

    Magoa que se perderan as réplicas no foro, nas que se argumentaba bastante (e penso que bastante claramente) respecto ó que, iso si que o vou dicir, son falsedades, extractos interesados e omisión de datos por parte de García e Santos.

    Só unha dúbida: si o solsticio crea ese efecto agora non o creaba no momento de gravar a pedra, porque o ceo non é inmutable. Ou si o creaba entón non o debería crear agora ¿Non?

  2. 3 / Marzo/ 2008

    Gourmet, efectivamente a polémica arredor dos petroglifos é ben interesante e, en certo xeito, segue aberta. Eu teño interese en ver, nunha próxima visita, o petroglifo do Castro da Zarra, moi próximo e moi similar.

    Sobre as variacións da posición solar no Solsticio, non sei se serán relevantes nun lapso tan curto de tempo, e se non hai que mirar o que pasa co túmulo de New Grange, que é bastante anterior, supostamente, a este petróglifo:

    http://www.mythicalireland.com/ancientsites/newgrange/illumination.html

    …e se a cronoloxía proposta por García Quintela e Santos para o abrigo do Raposo é da Idade do Ferro, a variación da posición do sol no solsticio debera ser mínima e afectar escasamente ao conxunto. Os propios autores da hipótese recoñéceno, por certo, noutro artigo:

    We should also consider the phenomenon of the procession of the equinoxes, whereby current solar dates are not exactly the same as they were 2000, 2500 or 3000 years ago, in indicating the possible use of this sanctuary to measure the passage of time. This is something still pending investigation, although on examining other studies that have been carried out, it appears that in the latitudes of southern Europe, this oscillation may be limited to only a few days.

    To this are added the difficulties of defining with astronomical precision the dates of the solstices, as for several days the sun appears practically motionless, and it would have been virtually impossible to judge the equinoxes using methods available in ancient times. We should remember that the date for the winter solstice in the Julian calendar was the 25th of December, and for summer the 24th of June. This does not mean, on the contrary, that there was not an empirical awareness of the existence of these nodal points in the sun’s route and an approximate estimation, using different resources, in different cultural traditions.

    En:

    http://www.uwm.edu/Dept/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_10/garcia_quintela_6_10.html

  3. 3 / Marzo/ 2008

    Pois eu, que xa descubrín hai un tempo o artigo navegando por e-keltoi (calidonia.blogaliza.org/2007/03/01/as-pedras-falannos/), propoñería un debate entre as dúas partes no que poder aprender máis e opinar con máis fundamento sobre un achado/invención tan sorprendente coma este/a. Encontro que para os leigos na materia sería máis ilustrativo que ler os artigos impermeables dun e doutro bando.

    Por outra banda, encontran atinada o artigo correspondente da Galipedia? (http://gl.wikipedia.org/wiki/Petr%C3%B3glifos_do_Chan_da_Ferradura)

  4. 4 / Marzo/ 2008

    Calidonia, creo que no comentario do Gourmet xa se daba unha ligazón a unha carta con resposta entre as partas. Aínda así, a min paréceme que unha e máis outras son demasiado enleadas e dispersas.

    Hoxe á mañá, por certo, díxome García Quintela que, con respecto ao artigo do 2004, hai bastantes novidades sobre as representacións astronómicas do Chan da Ferradura que lle dan unha dimensión aínda máis complexa.

  5. 4 / Marzo/ 2008

    Efectivamente. Enleadas e dispersas. A cousa ven dunha discusión que naceu no desaparecido foro de Arqueoweb a partir dunha serie de “imprecisións” por parte de Santos e García respecto a un dos meus coautores.

    Partindo desa base escribimos unha carta aberta que apareceu no foro, e despois, a invitación do editor da revista sairon unha réplica de Santos/Quintela, o noso artigo e unha nova contrarréplica. Despois, cando xa o tono rozaba o insultante (e aquí falo de que cando me adxudican ideas que non defendo estractando o meu traballo me sinto insultado) a cousa volveu ó foro.

    Lamentablemente, a desaparición do foro levou consigo a perda de boa parte do debate que, recoñezámolo, por momentos se encendeu de máis. Agora ben, encantado de retomar a discusión cando faga falta.

    Respecto ó da cronoloxía, xa imaxinas que non acabo de compartir a adscrición á Idade do Ferro. Por moitas razóns. Moitas delas expostas, moi dispersamente, no artigo. Pero é que cando nun calco se obvian os motivos que nos molestan cronolóxicamente, por exemplo, eu tendo a desconfiar.

    O do cambio de orientación astronómica, aínda que lixeiramente, si que afecta ó suposto aliñamento das pirámides de Gizeh, contemporáneas (grosso modo) de Stonehenge e non demasiado anteriores (relativamente) á arte rupestre da idade do bronce inicial. De aí a dúbida.

    Fervo por ver esas novidades.

  6. 5 / Marzo/ 2008

    Como arqueólogo e fan dos Chaos de Amoeiro, paréceme modélico este post. Todo un exemplo de ollada intelixente, de ollada arqueolóxica. Leituras, diferentes fontes, e, o máis abraiante, contrastación en campo das diferentes hipóteses (interpretativas, non o esquenzamos) verquidas sobre a paisaxe da Ferradura. Maxinándome a M.G. subido á Laxe cos podomorfos, outeando a paisaxe, supoño que lle daría bastante igual as aburridas liortas do gremio arqueolóxico, Arqueoweb, o neopositivismo e demais trapalladas… O que dá sentido ao noso traballo como arqueólogos é precisamente isto: que alguén lea o publicado, teña curiosidade, se desprace, descubra paisaxes descoñecidas, e aporte, pola súa vez, a súa opinión. O demais obedece a problemas de autoafirmación e complexos de inferioridade tan propios dos arqueólogos, que somos os seres máis cansinos do mundo.

  7. felisindo
    13 / Marzo/ 2008

    Pode ser unha tontería, pero eu sempre vin unha serpe enroscada sobre sí mesma, o xeito do “Uroboros”, representado por exipcios e fenicios e símbolo do ciclo da vida. En Exipto tense representado este Uroboros con dous leóns, que representan os montes do Leste e do Oeste. No caso de Amoeiro, a serpe que dorme agardando o raio de sol do solsticio de inverno, que anuncia o despertar da primavera, representaría co seu corpo as siluetas dos montes cercanos (O Castro e O Santrocado). De ser así, poderíamos consideralo como unha interpretación “libre” do Uroboros por parte do gravador do petroglifo. Interpretacións aparte, paréceme maravilloso que poidamos disfrutar dun fenómeno tan maravilloso, que nos deixa entreve os segredos dos nosos ancestros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará