Cidades e tumbas baixo a area do Barbanza

guidoiro.jpg
O Guidoiro Areoso.Foto: Google Earth

A area ten un engado especial para a Historia romántica e a narrativa fantástica. Fainos imaxinar reinos desaparecidos hai miles de anos, templos faraónicos, cidades de mercaderes ocultas en excelente estado de conservación, que os simúns, os ciclóns, destapan excepcionalmente por un día; só os privilexiados, os aventureiros que atravesan o deserto na busca dos misterios da Arqueoloxía, pode acadar a ver esas cidades exóticas ata que volven ser sepultadas no deserto.

No Barbanza non temos desertos, pero de area abofé que non andamos escasos. As nosas dunas tamén agachan interesantes misterios arqueolóxicos.

Pasamos a mañá do sábado nos II Encontros de Arqueoloxía do Barbanza que se celebraron, ao igual que o ano pasado, no Centro de Interpretación dos castros de Neixón. O programa matinal foi ben interesante. En primeiro lugar, José Manuel Rey rememorou unha mítica excavación dos 80 levada a cabo no illote de Guidoiro Areoso, no medio da Ría de Arousa. Como ves na foto, o Guidoiro Areoso é unha illa case paradisíaca, que combina unha área dunar e outra formada por grandes cons. Nese illote había un auténtico cemiterio megalítico. Os arqueólogos excavaran unha pequena anta totalmente expoliada que está no cumio, e despois, “por pura fortuna”, atoparon un incríbel monumento circular soterrado baixo tres metros de area, construído a finais do megalitismo e empregado ata o principio da Idade do Bronce. Ao carón do monumento, os arqueólogos atoparan ata 80 olas cerámicas de gran calidade, algunhas delas campaniformes, e algunhas pezas metálicas, xunto con ósos de bóvidos, cápridos, suídos e mesmo dunha foca monxe. “Aínda teño pesadelos”, dixo Rey, “cunha pequena estrutura do carón que podería ser un enterramento secundario”. É a frustración das campañas arqueolóxicas, cando quedas a piques de descubrir algo.

porto_baixo.jpg
O Castro de Porto Baixo. Foto: Concello de Ribeira

Tamén chamativa foi a presentación de Miguel Ángel Vidal Lojo sobre o Castro de Porto Baixo, dentro do Parque Natural de Corrubedo. Porto Baixo foi descuberto nos 70, cando un camión que extraía area topouse cunha gran muralla que emerxia da duna que pechaba esta pequena península que se mete no Atlántico. Durante moito tempo, este lugar de mouros e de alemáns (así o recolle a tradición popular) mantívose moi ben preservado. Cando os arqueólogos iniciaron a súa campaña de excavación do lugar, para saber que había embaixo da area, atopáronse con que non era unha, senón dúas murallas que separaban continente da península, de dous metros e medio de alto e separadas entre si por cinco metros. O sorprendente é o excepcional estado de conservación da muralla. Os investigadores deberon animarse moito ao ver o ben que a area preservara os restos. Pero cal sería a súa sorpresa cando comezaron a excavar no interior: non había nada. Nada de nada. A penas a marca de dúas fogueiras. Pero nada de cerámica, nada de restos de casas. Só unha gran muralla no medio da nada, nunha zona moi despoboada. Pendentes de que se realicen excavacións máis extensas no interior, “manexamos a hipótese de que este castro nunca se habitou”, afirma Vidal. “Hai algúns outros precedentes no mundo castrexo”, engadiu. Todo un misterio. A area, por certo, volve sepultar a muralla excavada a un ritmo perceptíbel mes a mes, fiel ao ciclo dos ventos.

Lembro unha tradición asociada á veciña Lagoa do Carragal e á mítica cidade de Valverde. As lendas falan de que Valverde foi afundida baixo a Lagoa de Carregal, pero eu teño escoitado a tradición de que se atopaba baixo a gran Duna de Corrubedo. Nesa mesma lenda, contábase de que o campanario de Valverde aparecía e soaba o badal nos días de moito vento, nos que a Duna se movía moito. E non podo menos que imaxinarme que, en realidade, as lendas agachaban a base real dese castro nunca habitado de Porto Baixo, que aparece e desaparece baixo a area como unha cidade da Ruta da Seda ou do deserto exipcio.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará