Unha ‘calçotada’ enxebre en Arzúa

calcots_4.jpg
Os calçots, braseados, sobre a tella. Fotos: Sole

A verdade, é que un nunca acaba de atopar sorpresas gastronómicas neste país. En Patiñobre, unha aldea próxima a Arzúa, Isidro Canals e Assumpta Navarro manteñen desde hai bastantes anos unha casa de turismo rural, a Casa Assumpta. Eran xoieiros cataláns, que emigraron nos 80 para Arzúa por motivos persoais e aquí acabaron por rehabilitar a típica casa rural. Pero desde hai sete anos, a familia tamén monta calçotadas típicas catalanas no patio da casa, entre os verdes prados vacunos de Arzúa, no tempada do produto. É xenial, basicamente.

Os calçots son a quintaesencia do xantar amistoso do inverno en Catalunya: uns ceboliños chamados Blanca Tardana, que pasan pola grella con terra e todo, déixanse sobre unha tella, e cómense ao porco stilo. Tras quitarlle as primeiras capas queimadas, queda un corazón filamentoso, tenro e doce, que enchoupas nun preve de tomate e allo e comes pendurándoo sobre a túa cabeza, co cebolo goteando perigosamente por todas partes. Para non estragar a roupa, teste que poñer un infantil babeiro co que protexerte do caótico derrame de braxas, preve e cava que escorrega cara abaixo. Si, cava.: mentres pelas os calçots, acompañas o traballo coas artísticas parábolas dun porrón cheo de viño espumante catalán! O Isidro exerce de maître de cerimonias traendo máis e máis calçots da grella ata a carpa do xardín no que se degustan.

-Pódeme traer algo de viño? -di algunha recelosa dese cava chispón e da puntería co porrón.
-¡Non!

calcots_2.jpg
Manchetas con butifarra e escalivada. Fotos: Sole

Pasada a iniciación dos calçots, chega a segunda parte do ritual. Tras lavar as mans, pasas para o comedor da casa, onde se ofrece unha gran comida tradicional catalana. Na túa mesa agárdache pan tomaca, e unha fresca escalivada, feita a partir de olivas, berenxena á braxa e pementos afumados. Tras a benvida, seguen unhas monchetas con butifarra, excelentes, e logo un año que tamén pasou pola grella ao que xa resulta chegar de pura satisfacción. O xantar remata cunha crema catalana, e a xente se vai animando a cantar cancións da Roda percusionando cos novelos nas mesas.

A tempada dos calçots en Casa Assumpta remata en abril, e as xornadas gastronómicas só son a fin de semana. É mellor reservar, porque o comedor énchese sábados e domingos de grupos que veñen a enzoufar os dedos na borra e na terra das raiceiras dos calçots. A historia sae por 35 euros, viño, cafés, licores incluídos.

11 Comments

  1. 10 / Febreiro/ 2008

    Gracias pola información, non perderei de pasar por alí, lembro un “calçots a la romesco” en Huesca que me deixaron marabillado.
    Menos mal , hai chineses , indios , xaponeses, etc en Galicia, pero non temos cataláns ou andaluces por exemplo.
    Refírome a restaurantes que anda a cousa moi mal…

  2. 10 / Febreiro/ 2008

    É certo, en Galicia temos un enorme déficit de restaurantes de cociña foránea, e sempre parece que están na corda frouxa…

    Por iso gústame especialmente que se poida facer isto nunha casa de turismo rural, que a xente busque novas fórmulas!

  3. 11 / Febreiro/ 2008

    Gustaríame saber se vas a estos sitios por iniciativa propia ou hai unha forza sobrenatural que te leva a forza a estes recunchos.
    Eu hoxe non sei que veño buscar o teu blog. Tamén é verdade que sempre hai novas tecnolóxicas, menos mal… e digo esto porque acaban de poñerme seis implantes o sabado pola mañan. Xa podes imaxinar da fame que padezo :-)
    Apertas e graciñas por compartir tantas e tan boas novas.

  4. 11 / Febreiro/ 2008

    Hola magago.
    Necesito da tua colaboración, si e que queres, non e unha obriga.
    Estou facendo un traballo,sobre o tema que plantexo no meu derradeiro post.
    Trátase de atopar un resultado ao problema.
    ¿queres participar, dandome tua opinión?
    Moitas gracias
    Elena

  5. 12 / Febreiro/ 2008

    Paco, moitas grazas!

    A túa pregunta: a resposta é a da forza sobrenatural. :-)

  6. 12 / Febreiro/ 2008

    …e ánimo con esa recuperación!

  7. 12 / Febreiro/ 2008

    Elena, estes días estou que boto fume con todas as cousas nas que ando. En canto teña un momento, contra finais da semana que vén, xa te comento.

  8. 12 / Febreiro/ 2008

    Alegroume atopar este post no seu sitio, tiven ocasión de ir alí a unha calçotada o ano pasado e foi unha experiencia divertida e riquísima. Saúdos.

  9. 24 / Febreiro/ 2008

    Ola, Manuel…

    Chego agora mesmo de alá, de disfrutar da calçotada… a verdade e que a túa recomendación foi estupenda… os calçots, que xprobara antes en Cataluña, magníficos, e o resto da comida, estupenda, todo ben presentado e estupendamente cociñado. A xente, máis que amable e estupenda… sen dúbida, unha magnífica recomendación…

    Ademáis, tivemos ocasión de falar largo co cociñeiro, un rapaz moi novo, coido que fillo dos donos, que nos explicou todo o proceso de rehabilitación da casa, e puidemos ver fotos do antes e despois… o traballo foi incrible; agora quedáronme ganas de ir durmur por alá unha noite…

    Unha aperta e moitas grazas…

  10. 24 / Febreiro/ 2008

    Alégrome, Eugenio, a verdade é que o sitio paga ben a pena. Aínda me quedan gañas de repetir!

  11. 12 / Outubro/ 2009

    Descoñecíamos o da calçotada… e somos de Arzúa!!! Haberá que probala!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará