“Algo” que substituirá o papel por “outra cousa”: o paradóxico problema da industria editorial

caras_libro.jpg
Francisco Castro, Rosa Aneiros, Manuel Gago, María Yáñez e Óscar Sánchez. Foto: Gustavo A. Garrido

O outro día, no transcurso da mesa redonda Os libros de mañá, organizada pola Editorial Galaxia en Vigo, decateime da enorme paradoxa que vive o sector editorial coa presenza cada vez máis crecente da dixitalización. Unha paradoxa que o mantén nunha posición máis feble e estática que outros sectores da industria cultural ante os cambios derivados da chegada da rede. Todos os que alí falabamos dabamos por asumido que virá algo que acabará por substituír o libro papel por outra cousa, pero ninguén se atrevía a ir máis alá: todos os dispositivos e soportes da lectura dixital fracasaron na súa popularización, novas propostas coma o Amazon Kindle, acompañadas de algarada mediática, parecen ir no mesmo lento camiño, e a cada vez mellor interfaz de lectura de Google Libros non consegue superar os límites da consulta puntual de académicos e usuarios en busca dunha fonte documental. O hardware para lectura, na nova efervescencia dos gadgets e dos dispositivos móbiles, segue sendo campo case exclusivo de entusiastas tecnolóxicos.

Visto o visto, a situación debe ser bastante estresante para a industria editorial; non é doado facer plans de investimento a medio prazo contra a zona escura da incerteza no modelo de produto final, tanto no libro de lecer coma o de referencia. Ao non coñecermos un modelo de produto universal, dun dispositivo que permita a lectura liñal de narracións concebidas para un soporte de papel, todo está no aire a nivel económico. A pregunta é, ¿poderá habelo? ¿poderemos valorar á industria editorial do mesmo xeito que o facemos á discográfica ou cinematográfica?

Na raiceira da cuestión, polo de agora, non: é imposíbel de comparar porque o proceso de dixitalización da cultura conlevou, en primeira instancia, a creación dun obxecto dixital: o mp3 cun tema musical, o avi cunha película. Algo transportábel, intercambiábel, descargábel, copiábel, vendíbel, comprensíbel e dúcias de bel máis. No sector editorial, tamén temos un obxecto, o ficheiro de texto, en tecnoloxías como PDF, un obxecto moi preciso e efectivo para a transmisión de información, pero que non soluciona a raíz do problema: os hábitos físicos asociados á lectura de entretemento. Se non hai un obxecto definido, ¿podemos construír unha estrutura comercial, de venda de produto, asociada a un documento de texto, podemos ir máis alá das posibilidades de difusión e visibilización que nos ofrece Internet?

Velaí o cerne da cuestión. Se miramos o que aconteceu noutros sectores da industria cultural, apreciamos xa o que será o camiño dos vindeiros anos. Tras anos de vacilacións e nerviosismo, na música e no audiovisual están a nacer novos modelos de negocio: venda electrónica, de complementariedade entre soportes, etc. Na música, Galicia é un exemplo: non se pode comprender o actual despegue e efervescencia da música galega sen a existencia de Internet. No caso do audiovisual, moitas empresas comezan a explorar a distribución de series e películas a través da rede empregando o tradicional sistema do patrocinio publicitario. O propio libro en papel vive unha certa boa saúde na rede, cos enormes e crecentes catálogos de librarías electrónicas como Amazon.

A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel.

Así, cando chegue ese xinete do Apocalipse en forma de gadget que remate con cincocentos anos de libro, se cadra xa non sexa relevante.

3 Comments

  1. 8 / Febreiro/ 2008

    Concordo. Acho que a frase chave é: “Unha paradoxa que o mantén nunha posición máis feble e estática que outros sectores da industria cultural ante os cambios derivados da chegada da rede”.

  2. 8 / Febreiro/ 2008

    Descoñezo os intríngulis do sector editorial, pero semella un diagnóstico moi atinado.
    Respecto do Amazon Kindle, coido que aínda é algo cedo para xulgar se vai seguir o mesmo camiño doutras tentativas de ebook. Cando menos aquí seguen fora de stock dende o seu lanzamento. Ben certo é que Amazon deu cifras dos cuantiosos beneficios alcanzados nos primeiros meses mais non do número de Kindles cos que saíron ao mercado (se cadra número limitado por prudencia comercial). Así e todo, os Kindles parecen estar tendo moi boa acollida nos EEUU. Até onde sei, os usuarios que coñezo louban a boa conectividade a rede (seica non vai por wifi), a multiplicidade de funcións, a calidade da pantalla e a comodidade do formato (é moi lixeiro). Se cadra o seu xuízo tamén é froito da algarada inicial, pero supoño que iso só o tempo o dirá. Do que non hai dúbida é dos brutais beneficios que saca Amazon por cada libro dixital descargado e da grande tentación dos usuarios a mercar/descarregar máis libros dos que van ler (e pagar por eles).

  3. 8 / Febreiro/ 2008

    Sen dúbida, creo que non se coñecen aínda cifras oficiais de vendas do Kindle, e a falta de stock de Amazon pode querer dicir moitas cousas…En todo caso, obviamente, de predicións incumpridas sobre o hardware está a historia recente chea!

    Iso si, a xogada de Amazon está clara: eliminar paulatinamente o elevado custe que supón a loxísitca de almacenamento e distribución nunha tenda electrónica. Non se lle pode negar a intelixencia.

    Outra cousa é que non saiba ben para que sirva o aparello (eu non o mercaría, desde logo), ou a que segmento de mercado exactamente aspiran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará