Mirarlle á cara a un xudeu en Cabanelas

Segue estas fotos:

xudeus_0.jpg

xudeus_1.jpg

xudeus_2.jpg

xudeus_2b.jpg

xudeus_3.jpg

¿Que sabemos dos xudeus galegos? As sombras que quedaron nos pergameos dos aristócratas. O medo instalado no rural galego durante séculos pola Inquisición. Apelidos de frutais. Pero non nos quedaron nin anacos da súa voz, a diferencia doutros lugares; non se salvaron escritos nos que desenvolveran cábala, matemáticas, economía, se cadra algún papel administrativo, algun contrato, algún pleito. E nada máis, nada que nos levara ata a súa vida cotiá. Non pensaba eu que teriamos o privilexio de ver as súas caras, a súa expresión. Ata onte. Ata onte mesmo, e guiounos David e a xente da aldea ata elas. Puidemos mirarlle á cara pétrea dun xudeu galego, que debeu traballar nese rural ao servizo administrativo dalgún terratenente do viño do Ribeiro. Estas ruínas, estas silveiras bravas, son, de verdade, un lugar excepcional e único. En ningún outro sitio de Galicia podes ver o retrato dun matrimonio sefardita. En ningún outro lugar, a súa memoria recuperada son ollos, narices, boca, sombreiros, flores pétreas.

Esta familia tiña unha destacada casa no alto do lugar de Quintela, en Cabanelas. Desde o dintel da entrada a parella mira para os visitantes que atravesan esta porta. Hoxe, cinconcentos anos, son eu o que me meto neste dintel, con silveiras prendidas ata nas orellas, e miro para vós coma un parvo. ¿Como vos chamariades? Baruch e Mariam, se cadra? ¿Colleriades a mula en 1492, correndo atropeladamente ata a fronteira portuguesa, sen mirardes atrás? Fuxiriades coas riquezas nas sacas, nenos da man, por enésima vez na Historia, á noite? Que vos dirían os labregos, ao saber que marchabades ás caladas e escuras por esa estreita e húmida ruela de escadas de pedra, mentres cáseque se escoitaban os cabalos dos lacaios bufando polo camiño de Ribadavia? Calarían eles? Cuspirían ao voso paso en vinganza polo teu traballo pouco grato e innóbel? Daríanvos refuxio na casa de familiares das montañas?

Ou, trala expulsión, os habitantes da casa ¿seríades vós mesmos, ou os vosos fillos, cristianados? Con prudencia, os propietarios construíron un avance por diante deste perigoso dintel, pero a Historia desvélanos un detalle íntimo. Non esborrallaron, non tocaron a antiga estrela da fe davídica, nin os retratos dos fundadores. Quedaron gardando esa casa de Sefarad. E esa tamén debeu ser unha historia digna de ser contada. Agora xa non. Agora xa todo esmorece, coma sempre, diante nosa, nun labirinto de casas ruinosas e unha aldea agónica.

Localización exacta da Casa no interior do post.


Visualizar o mapa ampliado

15 Comments

  1. 7 / Febreiro/ 2008

    A cantidade de sitios interesantes que descoñecía da miña terra natal!!
    Imaxino que xa terás pasado por Ribadavia, o seu barrio xudeo é fermoso, e en Agosto celébranse unhas xornadas de teatro do máis amenas no seu anfiteatro.

  2. Silenciario
    7 / Febreiro/ 2008

    O dos xudeos é cousa extraña. Parece que nunca viviran en Galicia. A Igrexa fixo ben o seu traballo.
    En calquer lugar do mundo unha creación como a Biblia Kennicott sería motivo de orgullo, e sen embargo hai moi pouca xente que saiba que foi feita na Coruña, por mans xudeas.

  3. Silenciario
    7 / Febreiro/ 2008

    E xa de paso, como te enteraste de que existía esta maravilla? Tes unha guía secreta? foi casualidade? :-)

  4. 7 / Febreiro/ 2008

    Non tiña ni idea que oubera restos de xudíos na nosa terra, e sorpréndeme moito ver as suas caras na porta da casa. Coma o simbolo xudío.
    Supoño que a igrexa non lles deixou moita elección e tiveron que fuxir o tal vez morreron antes de fuxir, ou incluso os mataron por erexes, non sei.
    A verdade, e que descoñezco gran parte da nosa terra e teus post, son una boa fonte informativa.
    ¿como te decataches de que se atopaban alí?

  5. 7 / Febreiro/ 2008

    Silenciario, neste caso foi David, que veu connosco e el coñecera alí ao propietario do pazo que nolo ensinara… neste caso, e en todos, sempre é unha combinación de boca a boca, rede, libros, andar atento… :-)

  6. 7 / Febreiro/ 2008

    Elena, os xudeus foron expulsados dos reinos da Coroa de Castela e Aragón en 1492 polos Reis Católicos. O Ribeiro tiña unha das maiores concentracións de xudeus de Galicia, xa que se trataba dunha zona moi rica e de gran actividade económica.

  7. 8 / Febreiro/ 2008

    Flipante!

  8. Canalejas
    10 / Febreiro/ 2008

    Estou seguro que cando marcharon os xudeus de Ribadavia, algúns en vez de coller e marchar lonxe, internáronse na Galicia máis montaraz. Os lugares de Pazos de Arenteiro e zonas próximas, -como esta da estrela e cabezas- son uns dos lugares. Algunha outra aldea da serra do Suído tamén. Dito falou non hai moito Suso de toro nun artigo non sei onde.

  9. 10 / Febreiro/ 2008

    Un interesante artigo titulado ¨ Xudeos e xudaizantes na historia de Galicia, séculos X-XXI¨de Carlos Barros sobre os Xudeos en Galicia dí o seguinte: ¨Sabendo que, no século XV e inicios do século XVI, había aproximadamente en Ribadavia uns 500 veciños, poucos máis podían existir a finais do século XIV. Por outra banda, os xudeus raramente superan o 10-15 % dos veciños nas cidades medievais da Coroa de Castela, porcentaxe máxima coa que podemos xogar en Galicia, onde as xuderías son cativas, de acordo coa información das listas de impostos que os xudeus lle pagaban a El-Rei. Na Ribadavia de 1386 podía haber, logo, non moito máis de 50 xudeus, unha ducía de familias na súa maior parte vivindo nas casas da rúa de xudería, logo Merelles Caula, que, sen lugar a dúbida, tiñan unha influencia económica na vila do Ribeiro moi superior ó seu número, como se decataron os asaltantes ingleses¨.
    Podes velo en: http://www.cbarros.com/

  10. 1 / Abril/ 2008

    En 1994 o Dpto. de Educación do Concello de Santiago organizou unha exposición chamada “Raíces Xudeas” aproveitando o paso da exposición Xudeos en Sefarad.

    Tiven a sorte de participar nesa exposición e facer as traduccións da mesma. O mellor foi poder ter nas miñas mans o facsimil da Biblia Kennicott . Para mín, noutros tempos estudante de hebreo foi un achago enorme disfrutar dela sin a presión de ninguén. Pasar follas o meu desexo. E xuro que foi algo que nunca esquencerei.
    Mágoa que o exemplar que a Xunta mercou no 87 non estea aberto ó público.

  11. jeff blaney
    12 / Abril/ 2008

    No soy capaz de commentar en el idoma local, pero espero que nos entederemos.

    Desfruto much este sitio, dado que he pasado much tiempo buscando raizes hebreus en espana.

    El abuelo de mi esposa fue asturiano, de apellido Guardado, y tenia un commercio grande el la habana, cuba, durante los anos 1920. El volvio a espana para visitar a su familia en ese tiemp0, y fue asesinado en una forma brutal. Antes de partir de la isla, puso todos sus finanzas en orden, indicando que quizas sabia lo que le esperaba.

    Lo de arriba es lo unico que sabemos del fin de el. Agradeceriamos qualquiera informacion o comentario sobre este caso, dado que hasta ahora, para mi esposa, todo es un misterio.

    jb

  12. lapatianco
    30 / Outubro/ 2008

    Boas Magago:
    Inda que esta entrada túa é de hai xa bastantes meses, non é ate hoxe que che poño unha nota que xa hai tempo tiña ganas.

    Coñezo esta fermosísima ruta por tela feito xa un par de veces, e inda penso facela outra vez pronto, e de paso visitar tamén, nesa fin de semana a impresionante Pena Corneira (á que Otero Pedrayo na súa xeografía comparaba cun “dragón” ou dinosaurio durmido e petrificado).

    Pois un pouquiño máis arriba da vila de Pazos de Arenteiro, haiche unha aldeiña chamada Salón. Está na aba dun deses montes cheos de socalcos cheos de viñas (e por desgracia agora tamén cheos de mimosas e acacias), polo que as pendentes son moi pronunciadas. Tamén aquí teño visto algunha estrela nalnguha casa, pero neste caso, se non lembro mal, de cinco puntas, o que nos levaría quizais a outro tipo de tradicións. Quen sabe.

    http://petroglifosdegalicia.blogspot.com/2008/10/estrella-de-cinco-puntas-en.html

    E para min, xa o propio nome da aldea “Salón” (¿quizais do saudo de benvida xudeu “saloon” ou como se escriba?) nos leva a reminiscencias xudeas. Concordo con Canalejas na apreciación de que moitos xudeus, en vez de fuxir polo decreto dos Reis Católicos do 1492, optaron por internarse a vivir e refuxiarse en lugares máis inaccesibles onde puideran escapar da man da xusticia e a Inquisición (quizais agardando que chegaran tempos mellores para eles). ¿Pode ser esta aldea un deses lugares?.

  13. Anónimo
    27 / Setembro/ 2009

    unas muy interesantes paginas,nos podria dar mas informacion de las ruinas de Cabanelas.un abrazo desde Sabadell-Barcelona.

  14. Anónimo
    27 / Setembro/ 2009

    nos podria dar mas datos y proyectos de la casa en Cabanelas..un abrazo desde Sabadell-Barcelona

  15. Pardo TEIJEIRO,Alexandre
    25 / Agosto/ 2015

    Tenemos un entronque con la casa llamada de los oro,o ouros
    En Pazos de Arrenteiro. ME da la sensación de tener un origen
    Xudeos.¿ Sabéis si está casa o otras de este núcleo ,son de
    Ese origen?gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará