Nocilla Dream, de Agustín Fernández Mallo: un hipertexto atrapado no papel

Last updated on 9 / Xaneiro/ 2008

mallo_f.jpg
O escritor coruñés Agustín Fernández Mallo

De Nocilla Dream, a primeira novela de Agustín Fernández Mallo, estase falando moito. Mallo, físico de formación, propón unha novela ambientada en diferentes lugares do mundo: Nevada, Albacete ou Copenhague. É unha novela fragmentaria, na que se van sucedendo varias historias interseccionadas con fragmentos de textos, teorías. Ficción e real mestúranse con facilidade, e un ten a sensación de que non é preciso seguir un camiño liñal para a novela, que se pode entrar nela por onde se queira. O resultado final paréceme deslocalizado, a verdade. Quero dicir, unha cousa é escribir Rayuela cando non había ordenadores e outra cousa é facelo cando xa existe a escrita hipertextual en medios electrónicos. Teño a sensación de que o libro de Mallo tería moito máis sentido como web que como libro, e que ao deixalo así como libro ese hipertexto, esa fluidez de ideas da súa obra, queda coutado, restrinxido e conxelado.

Non sei. Polo demáis, se cadra parte da fascinación de moitos lectores pola obra proveña da introdución dunha cultura científica nesa narrativa. Creámolo ou non, a literatura segue sendo no 2007 unha pura cousa de letras máis que de ciencias e Mallo, pola contra, introduce a matemática e física con facilidade na textura desta obra. O resultado sabe a certa experimentación formal -pero a unha experimentación que xa foi practicada a eito noutras literaturas nas tres ou catro últimas décadas- pero deixa bastante frío no que para min é o cerne dunha novela: a narración de historias.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará