Capítulo – Cero : Anos – Catro. Estamos de aniversario!

Tal día coma hoxe, aparecía na rede galega hai catro anos este blog. Parece que foi onte, que din as vellas. A rede cambiou bastante nestes catro anos, pero o blog, como formato, segue sendo moi útil e apaixoante como lugar para comunicarse e centralizar moito da túa vida dixital. Así que Longa Vida a Capítulo 0!

Quixen compilar algúns datos que te poden facer gracia se es un usuario habitual.


A produción:

  • É un dos catro/cinco blogs máis vellos en galego. (non quero reportaxe da TVG con música de Milladoiro)
  • Levo escritos 3.500 posts (e aínda estou vivo)
  • Pago 20 euros a maiores ao mes por pasarme de consumo do ancho de banda contratado. (e si, sei que hai outros máis baratos, pero aínda non tiven tempo a cambialo)
  • Capítulo 0 leva publicadas 1846 imaxes (así se explica o punto anterior)

O público:

  • Unhas 650 persoas len diariamente Capítulo 0 en web, segundo StatCounter. Curiosamente, segundo o plugin FeedStats instalado na miña versión de WordPress, hai un número máis ou menos similar de usuarios que len a semente RSS: 634. Aínda que moitos non teñen estatísticas públicas, Capítulo 0 debe de ser un dos dous ou tres blogs máis lidos en galego.
  • As superentusiastas estatísticas de Dinastats -as internas do meu servizo de hosting- falan de 3000 usuarios diarios entre web e RSS. Tecnicamente é unha cifra demasiado elevada.
  • No que levamos de 2007, Capítulo 0 leva unhas 211.000 páxinas vistas e máis de 138.000 lectores.
  • A maior parte da xente le Capítulo 0 polo serán, aínda que hai un significativo número de visitas procedentes de empresas e institucións pola mañá.
  • É terceiro no ranking de blogs de Blogaliza; cuarto no ranking de galego en Alianzo; ten unha Authority de 87 en Technorati; e ocupa o posto 79.365 no ranking mundial do mesmo servizo


Curiosidades:

  • A palabra que, curiosamente, se reitera noutros blogs, webs, foros públicos ou publicacións en papel para definir Capítulo 0 é “interesante“. Un podería pensar que “interesante” sería o equivalente cibernético de “riquiño”, non? Pero creo que ese “interesante” é sincero. Sempre se lle antepoñen matices, con todo: “moi”,”sempre” e tamén se lle pospoñen: “aprendo moito”, “fervenza de ideas”, etc.
  • Dedícolle ao blog unha media dunha hora longa ao día. Adoita ser sobre entre as oito e as doce da noite, e cando teño máis tempo fago unha primeira actualización despois de xantar ou antes das 18h. Moitos dos posts do serán fanse cunha Estrella Galicia -sen vaso- ou unha copa de bo tinto.
  • Grazas ao blog, paráronse un par de microcatástrofes á galega, pero non che vou contar cales. E iso é unha cousa que me enorgullece ben.
  • Desde o 30 de setembro, Capítulo 0 edítase en galego e castelán.
  • Capítulo 0 leva tres redeseños gráficos.
  • A frase Outra vaca no blogomillo naceu cando María Yáñez posteou en Todo Nada sobre Capítulo 0
  • Capítulo Cero non é un blog moi conversacional. Supoño que niso inciden moitos factores, como o feito de que atende a áreas moi diferentes entre si, que se publica moito contido diariamente, que, ao estar concebido como un blog de “descubertas”, fala de cousas que non son compartidas por moitos usuarios , etc. ¿Debería facelo máis conversacional?

O certo é que foron catro anos de escritura e creación moi divertida, que foi un gusto pasar convosco. Moitas grazas por serdes tantos e por pasar tanto por aquí. Ás veces, cando algún de vós corre o telón, se atreve a mandar un correo e che convida un café, dá vertixe saber canto te teñen lido e atendido. Creo que iso é o que fai diferente a un blog doutro formato de comunicación. Acaba creando unha complicidade máis ou menos expresa. O autor é un tipo ao que coñeces bastante, aínda que el non che coñeza a ti.

Moitas grazas por estar aí.

30 Comments

  1. burelao
    14 / Decembro/ 2007

    Ola!
    son Eloy e compráceme ser o primeiro en felicitarte polo aniversario, aínda que despois de levar toda a tarde “folleando” o teu blog (supoño que a expresión é válida) sinto que lle estou quitando este dereito a algún deses visitantes que te seguen fielmente.
    Prometo que tentarei estar á altura.

    Felicidades de novo, mestre.

  2. 14 / Decembro/ 2007

    O teu blogo é o máis interesante dos que coñezo en galego. É variado e ameno e cheo de descubertas.
    Alédome de visitalo cada día.
    Mereces un camión de Estrella Galicia.
    Un saúdo.

  3. burelao
    14 / Decembro/ 2007

    por certo, a miña resposta é non. Non creo que o debas facer máis convencional.

  4. 14 / Decembro/ 2007

    Pois noraboa por ises catro aniños, e a seguir sorprendendo ós visitantes…

  5. eula
    14 / Decembro/ 2007

    Parabens! E moitas gracias por seguir escribindo cousas tan apaixoantes durante todo este tempo. Quedome con este último adxetivo para describir o blogue.
    E como din os vellos… !de aquí nun ano!!
    (por certo… xa teño eu ganas de correlo telón…:)

  6. 14 / Decembro/ 2007

    Parabéns polo aniversario do blog, aínda que o máis axeitado sería dicir grazas.
    Grazas por seguir aí, escribindo con periodicidade durante tanto tempo, servindo de exemplo para os que pensan que as bitácoras de Internet poden ser algo máis que un fenómeno pasaxeiro.

  7. 14 / Decembro/ 2007

    Moito traballo, moitas ideas, moitos temas.
    Encantado pola túa biodiversidade e xenerosidade.
    O Capítulo Cero forma parte xa da túa existencia.
    Que dure outros catro anos máis!, e que nos vexamos.

  8. arume dos piñeiros
    15 / Decembro/ 2007

    O máis completo, sen dúbida. Noraboa.

  9. arume dos piñeiros
    15 / Decembro/ 2007

    E xa que o dis: si, eu creo que debería ser máis conversacional. Recoñezo que leva máis tempo, que cansa, pero quizáis os que vimos aquí tantas veces sentiríamosnos máis atendidos.

  10. 15 / Decembro/ 2007

    jejeje, noraboa!!
    (e perdon por non respostar a peticion de hoxe as 8:30 da manha… malas horas para a numeroloxia)
    …e que sexan moitas estrelas e moitos vinhos, e moitas veces catro os anos que nos guies polas corredoiras da descuberta do que somos, na escala dunha ollada(!)

  11. carlinhos
    15 / Decembro/ 2007

    Manda carafio… xa catro anos! Sempre me preguntei de onde car**** sacas o tempo para actualizar tanto Capítulo 0. Non só eres mestre de mestres no mundo do blogomillo, senón que tamén deberías impartir un curso de como xestionar o tempo diario para facer todo o que te propós ;) Pois iso, grazas por Capítulo 0 Manolo!

  12. 15 / Decembro/ 2007

    A criatura xa fixo catro aniños, noraboa ao orgulloso pai!!

  13. 15 / Decembro/ 2007

    Beizóns, Mestre. Dende hai tres anos e medio estou enganchado as túas descubertas. Está moi ben iso “dunha hora longa” que ven ser o mesmo “dunha hora ben medida”. Longa vida e moito pulo. Abrazos de Manolo

  14. xurxo
    15 / Decembro/ 2007

    Parabéns Manolo! E, como din outros lectores, grazas por todo o que nos contas no teu estupendo blog.
    Como poñía naquela pintada no pub Atlántico: “hai que ser sublime sen interrupción”.
    Veña, cañita.

  15. 15 / Decembro/ 2007

    …pooois moitas grazas a vós por lerdes o blog. Soa tópico, pero que divertido é escribir cando outros che din que o pasan ben con esa escritura. É como facer unha tortilla magnífica e recibir as louvanzas. A quen lle presta mal un doce dese calibre?

    Xurxo: estou lembrando unha reflexión un tanto zozobrante de hai un tempo, nese bar. Os wc do pub Atlántico son coma aquel código de adivinación chinesa. Cada vez que entras, sempre atopas unha frase nova que encana de marabilla co que un precisa.

  16. 15 / Decembro/ 2007

    Parabéns! Realmente, o teu é un gran traballo, onde non é difícil atopar cousas interesantes…

  17. Diego Sarmiento
    15 / Decembro/ 2007

    PARABENS
    con maiuscula, que ben o mereces. Leo con atención todo o que escribes, non digo que todo me interese, pero respeto moito o teu traballo, o teu punto de vista.
    Na explicación das estatísticas perdinme un pouco. Está claro que Statcounter e FeedStats non poden estar ben, eso implicaría que case ninguén te localiza por Google, e iso iría contra todo o establecido :-)
    E porque dis que Dinastats é superentusiasta?

  18. 15 / Decembro/ 2007

    Moraiminha, que emoción, a primeira muller (cre0) que aparece nestes comentarios!

    Diego, nas de StatCounter inclúense as chegadas desde Google e outros buscadores. Podería filtralas coa conta de Google Analytics, pero eternizábame na redacción do post.

    Eu creo que o Dinastats é superentusiasta porque 3.000 usuarios únicos diarios paréceme moitísimo, en comparación con medios de comunicación galegos e outros blogs que teñen as estatísticas públicas.

    Se sumamos usuarios de web e de feeds RSS, pode que Capítulo 0 ande nos 1.000 e algo usuarios únicos diarios. Tampouco é especialmente relevante, pero é un dato que a todos nos gusta saber dos nosos blogs.

  19. 15 / Decembro/ 2007

    Hey! que yo siempre te leo, tu blog es muy interesante. Caí aquí a través del blog de Sole y me quedé prendida de él.

    Feliz aniversario blogueril!!!

  20. 15 / Decembro/ 2007

    Hey! otra chica que te lee, tu blog es muy interesante. Caí aquí a través del blog de Sole y me quedé prendida de él.

    Feliz aniversario blogueril!!!

    Ah! y otra cosa: tu apellido me hace mucha gracia, en mi país (Venezuela) un gago es un tartamudo.

  21. 15 / Decembro/ 2007

    Parabéns polo bo facer, e polo éxito tamén, claro.
    E si, ás veces agradeceríase que fose algo máis conversacional, pero iso xa é poñéndonos exquisitos, aínda que, ben pensado, vostede tamén é moi apreciador das exquisiteces.
    Saúdos.
    PD: Eu son das que se apunta ao de “interesante”.

  22. raro
    16 / Decembro/ 2007

    Noraboa. Eres unha referencia en Galicia. Sigoche desde hai ano e medio e estou enganchado as descubertas que ofreces a cada tanto. Que cumpras moitos máis.

  23. 16 / Decembro/ 2007

    Grazas!

    Efectivamente, Gago debeu ser orixinalmente un alcume que se lle puña á xente de dicción non moi clara tanto en España como en Portugal. En Galicia, é un apelido moi costeiro, moi das Rías Baixas.

  24. 16 / Decembro/ 2007

    Leo o teu blogue desde hai un par de anos e desde entón descubrín moitas cousas interesantes e ‘fora da miña ruta habitual’ no teu blogue.
    Grazas por iso e parabéns pola calidade do teu estilo e os teus contidos.

  25. REFLEXF4
    16 / Decembro/ 2007

    MANTESME TAN ILUSIONADO COMA O PRIMER DIA QUE CAIN PO LO BLOG..
    NORABOA E A SEGUIR

  26. aportela
    16 / Decembro/ 2007

    Parabens e grazas por un comentario que non sei se merecia. A verdade é que che sigo desde aquel curso de cata. Ademáis do viño, claro, interesanme todos os temas polos que viaxas, pero sobre todos comparto esa pasión montañeira.

  27. 17 / Decembro/ 2007

    A rutina é unha realidade vista cun ollar despectivo, unha causa-efecto de separacións e desencontros… Pola contra, non fai falla ser un sociólogo do Collège de France para decatarse de que a reprodución sistemática de xestos e rituais, a mecánica da rutina é o que constrúe o cotián, o cercano, a vida real. Dende hai tempo, premer Capítulo 0 é para min un ritual diario (pasada a mañanciña, dígoo por iso das estatísticas), unha fiestra aberta ao mundo complexo dunha persoa que amosa as súas frustracións, os seus anceios, as súas angueiras, as súas ensoñacións e os seus desexos. Algo que coñeces dos teus amigos, sábelo dun personaxe sen nick recreado nun blog, co que compartes opinións, do que disintes, co que te ris, do que te ris, ao que maxinas perfectamente coa súa copa de Burdeos (ese toque snob simpático e sincero) diante do ordenador, mollando a palabra (como din os vellos) creando esta páxina da súa historia, da nosa historia.

  28. 17 / Decembro/ 2007

    Simplemente darte la enhorabuena, por esos 4 años de trabajo intenso.
    En mi opinión, no es necesario que sean mas conversacionales, ya que son informativos en un 100%.
    Cuando queramos preguntarte algo, ya lo haremos.
    Yo no cambiaría nada, lo encuentro estupendo, tal y como está.
    Muchas felicidades y a seguir así.-
    Un saludo:
    Elena

  29. 17 / Decembro/ 2007

    Noraboa e grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará