Viaxes dun chef, de Anthony Bourdain: unha consistente textura literaria

tony_2.jpg

O escritor e cociñeiro Anthony Bourdain obtivo un notábel éxito co seu primeiro libro gastronómico, Confesións dun chef do que xa falamos por aquí. Co diñeiro e sona que gañou, Anthony decidiu emprender o soño da súa vida: unha enorme viaxe gastronómica arredor do mundo centrada na exploración das cociñas e dos sabores alén dos Estados Unidos. Bourdain volveu ser bendecido polo éxito: Viaxes dun chef arrasou, e tamén a súa versión para televisión, A Cook’s Tour, continuada hoxe en día por outra serie de viaxes gastronómicas: No Reservations.

O libro de Bourdain é unha das máis espléndidas crónicas de viaxes modernas que se poden ler. Ten un estilo desbordante, colorista e terribelmente sincero; continúa mantendo a capacidade de marabillarse, e toda viaxe remata por ser unha interesante combinación de retrospección e fascinación, na que non faltan as drogas se é preciso. Ao ler Viaxes dun chef, souben que aí estaba unha brillante narración sobre a comida, non baseada en excesivos artificios técnicos, senón xurdida do interior das relacións humanas que Bourdain parece tecer e a súa mirada allea pero perspicaz sobre o supostamente exótico. O libro comeza coa súa asistencia, no Norte de Portugal, á matanza do porco; noutro hilarante capítulo come nunha sociedade gastronómica vasca, ou viaxa co seu irmán á costa francesa para rememorar a súa infancia en Aquitania. Bourdain sabe dar xogo mediático: a concesión directa para os seus telespectadores é a inxesta de collóns de año, cobras ou ovos de serpe, aínda que confesa que o máis horríbel que comeu foi “un McNugget de polo“. Pero o show non debería esconder o estupendo escritor que é Bourdain. Para quen non o coñeza, este é un exemplo moi divertido de No Reservations, no que conta as súas aventuras en Bollywood, en Bombai:

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará