Jonathan Strange e o señor Norrell, de Susanna Clarke: o gusto polos bos libros de maxia

clarke.jpg
A escritora Susanna Clarke. Foto: Mark Pringle

¿Como se che queda o corpo despois de lerte un libro de máis de oitocentas páxinas? Desde logo, ultimamente non é unha sensación que un viva con frecuencia. Trala adolescencia, xa só lle concedes indulxencia plenaria de tempo e lectura a un escritor de confianza, case da casa. Non é cousa de entregarlle partes da túa vida a un estraño sen garantías previas, por suposto. En todo caso, fíxome moita graza a sensación despois de machacarme as oitocentas e pico páxinas de Jonathan Strange e o señor Norrell, de Susanna Clarke. É como pasar horas mirando as follas e, ao rematar, levantas a cabeza, miras o mar e atópalo misteriosamente maino, coma un prato, tal e como queda nas rías xusto antes do solpor. Durante dous días, o que predomina é unha sensación de empacho lector. ¿E agora con que me meto?

Hai quen definiu Jonathan Strange e o señor Norrell coma un Harry Potter para adultos. Non sei se lle presta tal definición, pero Susanna Clarke escribe unha obra mestra do xénero fantástico. A historia está ambientada a primeiros do século XIX, na época das guerras entre o Imperio Británico e Napoleón. Pero aínda que o escenario é histórico, a novela conta un pasado diferente de Inglaterra, no que ata o século XVI se fai maxia, maxia inglesa, e pervive o mito do Rei Corvo que, durante centos de anos, reinou sobre o reino de Inglaterra do Norte e que foi o verdadeiro fundador desta maxia nacional. Dous magos conseguen recuperar algúns destes poderes para servizo do país durante o conflito bélico co Francés; o discípulo do mago Norell, Jonathan Strange, pelexará xunto a Wellington na Península Ibérica, coñecerá a Byron na Gran Viaxe por Europa, volverá a abrir os camiños máxicos que comunicaban Inglaterra co outro mundo. Absorbente. Sorprende que alguén, no século XXI, aínda aposte polas grandes tramas e sexa quen de construír pacientemente unha trama ben elaborada e consistente no que ás veces un mesmo se atopa figuras do noso imaxinario máxico.

Se che gusta este tipo de literatura, deberías abrirte as venas e ofrécerlle unhas semanas da túa vida (isto sería parte dun conxuro) a Jonathan Strange e o Señor Norrel.

2 Comments

  1. Manoel Foucellas
    21 / Setembro/ 2007

    Fantásticas as digresións, as extensas notas ao pé, as microhistorias, dando conta cun abraiante “rigor histórico” das fazañas de John Uskglass, Martin Pale ou Ralph Stokesey, como se foran Garibaldi, Carlomagno ou Cleopatra.

  2. 21 / Setembro/ 2007

    Siii, a verdade é que as notas a pé son un fantástico discurso en paralelo. A verdade é que é un dos motivos que fan que para ler este libro teñas que preparar o corpo para unha lectura “hipertextual” á que xa non estás habituado no libro impreso.

    (recoñezo que enganchado á historia principal ás veces salteime algunha nota a pé)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará