Enganchado a Studio 60, unha serie sobre como facer comedia televisiva na era Bush

enganchado.jpg

Non sei se onte viches a Buenafuente no seu debut en La Sexta. O showman catalán, que estaba realmente nervioso, como é normal, comezou o espectáculo noturno cachondeándose da súa saída de Antena 3 e montando un sketch sobre o tema dos dereitos de imaxe, xa que supostamente La Sexta só tiña a metade dos dereitos sobre o programa e, polo tanto, o programa ocupaba só a metade da pantalla.

Pois ben, esa estratexia do cómico de rirse da súa etapa previa para comezar a seguinte é case o punto de partida da trama de Studio 60, unha serie que me ten totalmente atrapado. Studio 60 foi creada por Aaron Sorkin, o alma mater de O Lado Oeste da Casa Branca, e transporta a trama coral, os guións rápidos e intelixentes, a presenza da política e os corredores de oficina a un novo escenario: o estudio de gravación dun dos programas cómicos máis veteranos dos Estados Unidos, Studio 60 on the Sunset Strip. A serie só sobreviviu unha tempada nas esixentes marés da televisión, e vendo os capítulos compréndese: tes que estar completamente pendente dunha trama con diálogos brillantes, multitude de referencias culturais e argumentos cruzados, e non é doado aínda que si moi gratificante; ademais, a serie embiste en plan humor continuamente contra o fundamentalismo, determinadas actitudes pseudopatrióticas e a Administración Bush. Ver como se montan os guións, como lidian executivos da cadea cos artistas e produtores e como a serie disecciona as miserias e grandezas da televisión actual é pura pólvora guionada.

Se tes oportunidade, faite con ela, porque non poderás despegarte. Un só botón de mostra do primeiro capítulo: a intervención do indignado realizador -en directo- que desencadea toda a historia, e que resume ben a tralla de Studio 60.

3 Comments

  1. 18 / Setembro/ 2007

    Si señor!! un bó chute de autocrítica.

  2. 19 / Setembro/ 2007

    Un detalliño, Manolo, o que se mete na pantalla non é o realizador, senón o director do programa (e coido que era tamén xefe de guionistas).
    O realizador continuou en Studio 60 no resto da serie.

    Unha mágoa que a cancelaran. A min encantoume a primeira tempada, e segundo os críticos televisivos os problemas que tivo foron de programación (ou sexa, que non situaron ben a serie na grella) de xeito que non captou á súa audiencia obxectiva. Coido que a serie está á altura de Sports Night ou West Wing, pero no na deixaron madurar :(

  3. 19 / Setembro/ 2007

    Si, seino, pero empreguei realizador para evitar redundancia co “directo” que viña xusto despois, aínda sabendo que non era de todo exacto. No ámbito do cine, “Realizador” pódese empregar indistintamente que “director”; na TV, en efecto, non son exactamente sinónimos. En TV, realizador é o que coordina a edición, a selección de cámaras e todo iso.

    En fin, cousas da redacción rápida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará