Trinta e dous dentes, de Xabier López: picaresca sobre Kafka e Dickens

xabier_lopez.jpg Con moito interese collín o novo libro do betanceiro Xabier López, Trinta e dous dentes. Hai tempo xa me gustara moito a súa espléndida novela anterior, A vida que nos mata. En Trinta e dous dentes, López repite o seu peculiar estilo narrativo, cun personaxe central, solitario, maduro que conduce de forma significativa toda a historia. Nesta novela, o protagonista, Paulo Barreiro, é un director teatral a piques de estrear unha obra que, unha mañá, de súpeto, aparece convertido nun neno de dez anos, sen ningunha explicación; irreversibelmente, comeza a andar unha nova vida con corpo de neno e toda a súa bagaxe de corenta e cinco anos. Tan estraña condición permítelle interpretar as súas andainas turbias de infante sen familia cunha estraña ollada. Ao mesmo tempo, o Paulo Barreiro director teatral segue vivindo, ou cando menos a súa obra: éxito, premios…baixo a abraiada mirada do neno que é e na súa ausencia do mundo das artes.

A novela, polo tanto, ten un humor moi divertido, de moita inspiración picaresca, nun estrañísimo e orixinal cruce entre Kafka, Dickens e o Lazarillo de Tormes, e se le de xeito tan rápido que non se pode abandonar. Outra cousa son algúns pequenos fallos, coma os topicazos inxenuos sobre as clases altas ou o final, moi por debaixo das expectativas que un vai levando na narración. López confírmase, con todo, como un dos grandes valores da nosa literatura contemporánea. Se cadra precise unha obra que o consagre para o gran público. Chegará, segurísimo. Haberá que seguirlle os pasos con avidez.

2 Comments

  1. 12 / Setembro/ 2007

    Téñoo á espera no andel de libros sen ler. Alégrome de ver unha crítica positiva porque nunca lle lin nada e unha xa non sabe que esperar.

  2. 13 / Setembro/ 2007

    Peke, recoméndoche mesmo máis a súa anterior, A vida que nos mata, aínda que esta tamén ten moito interese (e recoñézoo, ten a sana virtude de enganchar).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará