As Enotecas Comunales: un modelo interesante para aplicar en Galicia

En moitos concellos de zonas vinícolas italianas, hai unhas tendas -xestionadas polo Concello ou pola asociación de viticultores- chamadas Enotecas Comunales. Están situadas no lugar máis visíbel da vila e non son estritamente un bar, senón máis ben un showroom, un expositor dos viños que se fan no concello. Atendidos por unha persoa que ten un fondo coñecemento dos viños locais, as Enotecas son un xeito rápido de aprender sobre os viños da zona, probar diferentes variedades, pasar un rato aterrizando no lugar, a prezos puramente simbólicos. Habitualmente, os viños custan un euro, pero se compras algunha botella nin sequera chos cobran. Noutros casos, as Enotecas Comunales son a porta de acceso para probar viños que, doutro xeito, che estarían vedados polo prezo. Na Enoteca Regionale di Barolo, por exemplo, por cinco euros facíaste unha idea cabal e guiada dos viños do lugar que sería imposíbel facer doutro xeito, xa que as botellas do mítico Barolo -falarei del noutro post- andan como mínimo polos trinta euros; na Enoteca Regionale, probei mesmo dos de gama máis alta, viños de sesenta ou oitenta euros, a penas por cinco. O programa, en moitas delas, pasa por probar tres viños, con diferente tempo de crianza; ou diferentes coupages e uvas…depende das características da zona.

Pareceume unha idea interesantísima para estender en Galicia, con custes moi reducidos. Facer turismo enolóxico nas denominacións de orixe galegas, por exemplo, é un parto. Dado o reducido tamaño das adegas, moitas delas carecen de recursos para ter personal na recepción de visitantes durante varias horas. Pero unha Enoteca da Denominación, ubicada en lugares emblemáticos da comarca, sería unha estupenda porta de entrada para os viños da zona e facilitaría o coñecemento do turista, moitas veces desorientado.

3 Comments

  1. dani
    10 / Setembro/ 2007

    moi boa idea

  2. 10 / Setembro/ 2007

    Manuel Gago é unha auténtica “factoria de ideas” como dixo o outro dia Antón Lezcano. Noraboa polo blog e pola idea.

  3. 10 / Setembro/ 2007

    Moitas grazas, señores.

    Henrique, máis que factoría son un factor. ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará