Un paseo acuático por Venecia

venecia_san_marco.jpg
Praza de San Marcos desde o mar

Nas miñas anteriores visitas a Venecia, sempre chegara a esta cidade -que parece estar de puntiñas sobre a lagoa-, desde o continente. Pero a Venecia hai que chegar e marchar por mar, porque foi concebida e planificada para marabillar a embaixadores e dignatarios que chegaban e sobrecoller aos mercadores e mariñeiros que retornaban exhaustos da tenebrosa e eterna Ruta da Seda. Entramos en Venecia desde o Lido e pouco despois -o xusto para poder entrar na Basílica de San Marcos e no Palazzo Ducale antes das marés de turistas-, e logo volvemos a coller o vaporetto -sae moi barato- para remontarmos a cidade polo Gran Canal ata a estación do tren. Despois xa todo é perderse e explorar os labirintos de rúas, canles e barrios, zigzagueando de oeste a leste; para xa retornar á Praza de San Marcos cando xa marcharon os exércitos de Canon e Nikon e as orquestinas de música clásica e jazz comezan a tocar nas terrazas dos cafés do XVIII.

Quería contala en vídeo, quería amosar coa cámara –que pequeno campo de visión teñen!, a revolución de verdade serán as cámaras de vídeo estereoscópicas– unha visión de Venecia desde a auga: a chegada e o paseo pola Gran Canle, a arteria central da cidade, o fogar de moitos dos grandes palazzos, seguindo este trazado:

venecia_enriba.jpg
Percorrido por Venecia que facemos no vídeo

Só é un vídeo de catro minutos, pero é unha das cidades máis fermosas do mundo. Aquí o tes.

Notas técnicas: Con frecuencia grandes sabios da web dan consellos sobre como facer vídeo de éxito en Internet. Rápido. Intenso. Coma o do hamster ese, vamos. É unha imprudente equivocación, ao confundir éxito cun valor estritamente numérico. Nun soporte horizontal como a web o éxito é unha variábel máis complexa. O éxito sempre se xulga desde a expectativa do editor. Por iso, a miña expectativa de editor é, esencialmente, achegarme a formatos que non sairían na tele ou na portada de Youtube. Como isto: cinco minutos sen acción humana, aínda que moita información. Aquí, o factor éxito, é que alguén se emocione coma nos emocionamos nós. Ou se faga unha idea máis precisas de dimensións, arquitecturas, distancias.

One Comment

  1. 4 / Setembro/ 2007

    Venecia….que sorte…a miña compañeira non gosta nada de viaxar…se é por min teño medio mundo recorrido…como de mozo recorrin españa ( a economia limitaba un chisco) Saudos amigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará