Unha conversa frustrada coa Pedra que Fala

pedra_fala_1.jpg

pedra_fala_2.jpg

Non é coña, tradicionalmente chámanlle así. A Pedra que Fala. Está en San Xoán de Fecha, preto da aldea de Vilar do Rei e o Castro Maior. Trátase dun penedo enorme que cae sobre unha chaira. Está inzado de petroglifos, pías cavadas na rocha e sucos comunicándoas. Un deses lugares que as novas tendencias arqueolóxicas poderían identificar con santuarios ao ar libre con prolongado uso no tempo. En Vilar do Rei preguntámoslle a unha petrucia de mil anos por que se chamaba así.

-Porque fala. Ti dislle “Aiiiieiiiiiii” e ela di “Aiiiiuuuooouuuuuuuu”.

Do que se deduce que non só fala, senón que tamén sabe contestar. Unha marabilla de pedra, vaia. Cando quixemos establecer o diálogo granítico -supoño que facendo rebotar as voces contra ela-, comezaron a voar disparos ao carón. Uns eucaliptos pareceron sacudidos por un calafrío alí enfronte, e a vexetación, no espasmo, vomitou un enorme porco bravo que buliu da espesura como unha centella, e tras el, ao pouco, unha recua de pequenos cans. Pasou o chan enfronte da Pedra; ao xabarín botárano das ladeiras do Castro Maior e na súa fuxida ía atravesando o antigo territorio mítico do castro, se cadra buscando inutilmente refuxio na espesura da Ponte Albar.

-¡Que vos van mataaaar! -berrou un vello con escopeta, aparecendo cun chaleque reflectante. Fuximos canda el coma se foramos na tanqueta da ONU polo corredor de Saraxevo.

A Pedra que Fala en Capítulo 0 Mapas

One Comment

  1. Félix
    23 / Xuño/ 2009

    Manuel: Gracias por tu informacion sobre Castromaior, y doble o tripre gracias, por el hemoso relato ºda pedra que falaº, espero visitarla en cuanto disponga de tiempo, pues considero, que a la vistade las imagenes que de ella me remitistes, es un lugar magico que debo conocer. Gracias
    Félix

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará