Alén do lambrusco: visitamos Chianti

Si, eu de aquela non sabía. Pero precisaba saber.

Estabamos no restaurante italiano da rúa do Franco, en Santiago. Despois de repasar por arriba e por abaixo a carta, díxenme que esa tiña que ser a derradeira vez.

-E miren -pregunteille ao dono do restaurante cando veu tomar nota- ¿e logo o único viño italiano que teñen é este lambrusco?

Eu non sei ti, pero a min o lambrusco, e as súas burbulliñas, e o seu aspecto dozón, mátame. Empalágame. Antes de que chegue a comida, ese subviño párteme as forzas, súbeme os coloretes e déixame o estómago sensíbel coma unha cara recén lixada.

-¿A que se refire? -preguntoume estrañado.
-A que se teñen algún viño tinto…sen burbullas. Algo así como un Ribera del Duero, ou un Rioja.
-Aaahh, si hai algúns -o italiano levou os dedos á boca sinalando o excelso da súa evocación-, pero carísimos (quería dicir, caros para ti). Os Barolos.

Despois souben que para nada tiña razón o maître: hai miles de viños italianos sen burbullas e de todos os prezos, nunha sorprendente, rica, inabranguíbel diversidade. A explicación de que todos os restaurantes italianos de miras básicas da nosa xeografía só dispoñan dun perigoso arsenal de lambruscos de dubidosa calidade era máis pragmática, un problema de distribución e custes. E, se cadra, de falta de gusto dos propietarios.

Por suposto, tamén hai moitas burbullas na oferta enolóxica italiana. Os que teñen algunhas (nivel auga con gas) chámanselle frizzantes. Os achampañados son como en portugués, spumantes. E os viños sen burbullas son os fermos (pechados). É importante telo bastante claro, porque hai unha certa tendencia nalgunhas zonas nas que teñen instalado por defecto o frizzante no sistema operativo e…ben, tenche que gustar ese carbónico xogando aos coches de choque nas túas foxas nasais.

Pero a min interésanme os viños tintos sen burbullas. E para iso, nada mellor que comezar un periplo enolóxico pola zona do Chianti, no corazón da Toscana.

chianti.jpg
Viñedos en San Gimignano

Miles de viños diferentes entre eles, feitos con castes e variedades das que nunca oíches falar, e con técnicas lixeiramente diferentes. Italia é un paraíso enolóxico, de feito, cunha tradición disparada no tempo, e unha enorme difusión internacional que a penas é coñecida no noso país e que non tivo, no mundo, os aspectos de colonización metódica da francesa. A todos nos soan as variedades Cabernet, Merlot, Syrah pero, ¿cantos poderían identificar a sangiovese, ou a nebbiolo, que viño dá a urtugo, é doce a malvasía…? Antes de viaxar a Italia, prepareime algo neste tema. Lin referencias en guías especializadas, capítulos de libros, rastreei blogs, crin identificar prioridades. Inútil. Ao chegar ao país, enfrontarse a un estante é descubrir centos de datos aos que non sabes como amarrarte. O único xeito de solucionalo, conversando. E aos italianos gústalles falar do seu viño.

A primeira rexión vinícola que exploramos foi a famosa Chianti, que é o viño por antonomasia da Toscana e o máis internacionalmente estendido. O Chianti Classico faise no corazón desta zona, a de maior produción de Italia. Tirando un pouco contra o sur da rexión están dúas afamadas áreas de viño entendido como de máis calidade, Montepulciano e Montalcino. En Montepulciano fan o vino nobile de Montepulciano, e en Montalcino elaboran o Brunello. Con estes dous últimos elabóranse reservas de calidade de prezo contido, nos Nobiles e de importes disparatados nos Brunellos. Todas estas zonas de produción teñen á uva sangiovese como eixo central dos coupage dos viños, e a partir de aí xa hai bastante de ideoloxía e espírito comercial. A Sangiovese, ou “sangue de Xúpiter”, que así o indica a etimoloxía, é unha uva moi versátil, de grandes sabores a froitas vermellas, tolerante coa madeira, de cor non demasiado forte; ás veces manifesta notas de coiro, minerais, arrecendos a sotobosque.

En xeral, aqueles produtores italianos que aspiran a saír nas listas de Wine Spectator e, xa que logo, entrar no mercado americano, elaboran viños mesturando a uva patria cos sabores internacionais da Cabernet Sauvignon ou Merlot, coma os aristócratas de Antinori. Os puristas exploran o sinfín de variedades autóctonas ou fan monovarietais de sangiovese. Tamén está outra nova variedade de viticultor, o adegueiro afeccionado e xubilado: anglosaxón e/ou nórdico que se retira na Toscana, restaura unha casa, fai viños para vencer o aburrimento e, con catro ou cinco anos de traballo, entran nas listas americanas de viños recomendados. O clima suave e a boa comida atrae angloparlantes a paladas, ata o punto de que os italianos, de coña, chámanlle á rexión Chiantishire.

En xeral, os Chianti Classico son viños fáciles e divertidos de tomar. Golosos, abertos en boca, ricos, maridan á perfección coa explosión verde e láctea da cociña italiana. Desde os básicos, coma o Villa Antinori, un viño sen crianza no que se pode apreciar o pracer deste varietal, ata versións máis elaboradas. Destacaría dous que probei que me pareceron fantásticos e de axeitada relación calidade-prezo: Castello d’Albola L’Ellere 2004, ou un Tenuta di Capraia 2004. Grandiosos. Viños que son frescos e lixeiros para disfrutar con pastas, ensaladas, deixarse falar. E iso que a orografía non é nada agradecida. De feito, Chianti foi terra de fronteira entre as repúblicas florentina e sienesa, e o territorio accidentado, atravesado por ríos e bosques, é unha paisaxe militar que hoxe ten encanto pero que na Idade Media debía dar medo. Alí sucédense propiedades e castelos reconvertidos en pazos, ao longo da Strada dei Castelli e Vini (claro) de Chianti.

A Strada vale máis para coñecer castelos e que che vendan cousas que para, realmente, coñecer os viños. Fortalezas medievais e pacegas con viñedos que se poden visitar, pero nas que non te fan moito caso ou vives experiencias surrealistas que desvalorizan o viño. Turismo masivo tratado con desprezo. Por exemplo, no Castelo de Meleto:

-¿Pódese visitar o castelo? -preguntamos.
-Si, son dez euros e regalamos unha botella de viño.

Con todo, aproximarse á zona, probar a gastronomía local, parar en adegas de viticultores que non teñan un castelo asociado facilita as cousas, e permite facerse unha idea máis cabal da zona, deste corazón privilexiado da Toscana.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará