Tokio Blues, de Haruki Murakami: un manual de perdas vitais

norwe.jpg
O escritor xaponés Haruki Murakami

Aínda que Norwegian Wood, a primeira obra de Haruki Murakami, foi publicada en 1987, no noso país coñeceuse primordialmente a partir da recente edición de Tusquets, quen lle engadiu ao título un comercial e absurdo Tokio Blues. Murakami ten a virtude de exercer de ponte cultural entre a literatura nipona e a forma occidental de comprender a narración. Resulta máis comprensíbel e agradábel que Kenzaburo Oé, por exemplo. A novela narra, desde a figura dun executivo trintaneiro, os recordos melancólicos da formación universitaria do protagonista. Watanabe, que así se chama o principal protagonista, inicia os seus estudos sobre teatro en Tokio, pero é un ausente de todas partes. Emancipado da familia, solitario absoluto, o rapaz vive unha existencia anodina, agás polo progresivo enamoramento de Naoko, a moza do seu único amigo, suicidado anos antes. Pero tamén aparece en escea Midori, unha compañeira de universidade. Se Naoko se afunde progresivamente no seu propio caos emocional, Midori, que tamén arrastra un duro pasado e presente de perdas familiares, mira continuamente para o futuro. Watanabe emprenderá a súa propia cadea de decisións e escollas.

En Norwegian Wood, as personaxes están no momento previo a facerse, igual que o propio mundo moderno. Ambientada nos convulsos anos 60 e 70, os protagonistas consumen música inglesa, como esa madeira noruega dos Beatles, e viven as revoltas universitarias como un escenario que non vai con eles. Algunhas das personaxes están envoltas nun fatalismo nipón, e a súa crónica é a da desintegración vital. Outras emprenden un camiño novo a partir das renuncias, aprendendo que vivir é, sobre todo, deixar de facer.

6 Comments

  1. 24 / Agosto/ 2007

    Hai que ver que imaxinación teñen os japos. Este libro regaleillo hai case dous anos a miña nai. Cando o acabou preguntoume se tiña algún problema… (porque hai partes do prota que me pasaron realmente). Mi vida en un libro ou algo así. que coincidencias

  2. 25 / Agosto/ 2007

    Pois eu non dubido da capacidade narrativa de Haruki, sen embargo teño as miñas discrepancias… Non podo opinar de “Tokio Blues ” , pero si de “Kafka na orela”, novela á que acodín precisamente guiado polas boas críticas lidas acerca da anteriormente citada obra, e… pois síntome un pouco defraudado a verdade… paréceme unha escritura (no caso de “Kafka..”.) máis enfocada ó adolescente que ó lector un pouco máis maduro, e adopta certos tics best-sellerianos que non me agradan… no seu descargo direi que fai gala dunha inventiva notable e dunha erudición que, se en momentos delata certa autocompracencia, noutros (sobre todo nas referencias de tipo filosófico e histórico) dota de gran profundidade reflexiva ó texto.
    Un saúdo.

  3. 25 / Agosto/ 2007

    A min pásame ao contrario. Non lin Kafka, pero se cadra te atopes co mesmo estilo narrativo en Tokio Blues: diálogos entre adolescentes, moitos diálogos. No caso de Tokio Blues, aínda que a novela está moi construída, hai algo que lle sobra, e que non expliquei no post por non estenderme.

    A novela comeza coa evocación que fai da súa mocidade un executivo, durante a aterraxe do seu avión en Alemaña. Na musiquiña do avión soa Norwegian Wood, dos Beatles, e coma no conto da madalena de Proust, a súa memoria desátase pero…(e non quero anticipar nada decisivo da novela), non sabemos nada máis dese home que fai retrospectiva da súa vida.

    É dicir, sobra. Fallo de principiante.

    Para min, a novela, con todo, ten dous grandes valores: 1) Fai comprensíbel Tokio e Xapón: un ten a percepción de que lle traducen a realidade xaponesa dos 60 e 70, o propio Murakami é tradutor do inglés ao xaponés e gran lector da novela americana de mediados do XX, controla o rexistro; 2) É unha novela de educación sentimental, centrada na tese de que estamos condenados a que na vida queden cousas atrás, pero desde unha perspectiva do fatalismo xaponés, que lle aporta frescura a ese tema tan universal.

  4. 18 / Decembro/ 2007

    Canta razón ten voçé: “É unha novela de educación sentimental, centrada na tese de que estamos condenados a que na vida queden cousas atrás.”

    Acabo de rematalo agora mesmo e, buscando pola rede, ninguén dixo nada máis verdadeiro.

    Sinceramente, ó principio era como ler unha copia barata de “El guardián entre el centeno”. Só cando empezaron a aparecer as persoaxes femeninas (Reiko e Midori) comecei eu tamén a sentir interese. Será que aínda estou no repouso do final, pero gustoume.

  5. 4 / Xaneiro/ 2008

    Más sobre Murakami -¿es Murakami un tramposo?- en el blog de…

    “el_clavadista_solitario”

  6. nano
    19 / Xuño/ 2008

    Eu non vexo que sobre nada. Volva a ler o último párrafo e pense ben quen está a facer a chamada. Especialmente pense na súa idade. E se despóis non sente cómo se abre unha brecha é que non entendeu de qué va a novela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará