Os dominios de Gólgur: por unha literatura fantástica en galego

Con moito divertimento lin estes días Os dominios de Gólgur, o último de Rinoceronte Editora. Esta novela, escrita por John Alonso, inaugura Morgante, a serie B de Rinoceronte, unha colección que se desmarca da tradicional liña de traducións da editorial para buscar novos formatos. Os dominios de Gólgur é literatura fantástica, pero da canónica. Non me refiro a fantasía estilo Cunqueiro ou Darío Xohán Cabana, senón máis ben no estilo do polaco Andrzej Sapkowski: maxia, desmitificación, medievalismo, moito humor. Literatura de consumo rápido, de entremento doado e destinada a un público de amantes dos xogos de rol ou similar. Xenial o atrevemento.

Xa que logo imos a falar un pouco de argumento, que vén cargado. É unha ucronía fantástica. Na Idade Media, Galicia chámase Miranda, e é un ducado dependente do reino de Asturias; aquí nunca se chegou a imprantar o cristianismo e non se sabe moi ben en que cren os habitantes do país, se é que cren en algo. Ben, cren en algo. Nun demo chamado Gólgur. Pero pouco máis. Neste escenario, Dinís, o duque de Miranda decide encargar unha misión a tres aventureiros de fortuna: Guilllem de Bretaña, especialmente famoso pola súa capacidade de atracción feminina, Agnesa, unha delsia -unha sorte de ser das augas, que vive na cidade máxica da Illa de Ánarem, fronte a Fisterra-, de enorme beleza e perigosos poderes hipnóticos e Perifel, un anano especialista nas artes do roubo. Ambos os tres deberán roubar un colar a unha de tres damas, e para iso deberán deixar atrás a súa moral e engaiolar a maridos e esposas ata conseguilo. A cuadrilla aventureira percorre, con identidades falsas, os condados de Muros e o marquesado de Ribeira. Os seus destinos vanse enguedellar coa irrupción dun misioneiro cristián bastante talibán, que tentará a conversión de aristócratas e plebeos mirandeses con maior ou menor fortuna co obxectivo de recadar fondos para construír unha catedral e Compostela. As accións do misioneiro porán en perigo as estruturas sociais de Miranda.

Alonso reescribe a historia e a cultura galegas, a costa do Barbanza, de Muros e da Costa da Morte, como se fose un reino de maxia e bruxería, o cal é ben divertido. Para facelo, emula en certo xeito a estrutura dos roman medievais. A historia transcurre en salóns, diváns e alcobas, de condado en condado, e baseada en diálogos máis ou menos logrados. A escolla do humor como vehículo narrativo faina relativamente amena e compensa outros defectos da narración, e o que é máis divertido: está chea de chiscadelas á cultura dos xogos de rol. Os mesmos nobres chegan a interpretar un teatro de roles, combatendo a través de dados e, se os humanos e a xeografía teñen nomes galegos, os seres míticos contan con onomásticas de sonoridade tolkiniana. Non é moi habitual na nosa literatura esta clase de exercicios, e son como un auténtico soplo de aire fresco dentro da suprema gravidade pesada, da corrección que ás veces impera. Parabéns, John, e a seguir.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará