Redeseñar ou reconcibir?

Last updated on 26 / Xullo/ 2007

redesenohodavoz.jpg

La Voz de Galicia presentou hoxe o redeseño do seu sitio web, que se mantivera máis ou menos similar desde o lanzamento da edición dixital do medio. Contén todos os elementos clónicos dos redeseños dos cibermedios españois dos últimos dous anos (degradados no cabeceiro, tipografías máis grandes, aclarados, 1024 de ancho, menú horizontal de dous niveis, no interior, noticias con caixas de texto máis longas, imaxes colocadas na zona dereita) sen que haxa ningunha innovación notábel; ao mesmo tempo, o principal acerto técnico, ao meu ver, é conciliar a identidade corporativa tradicional da cabeceira en Internet con cambio radical da portada. Segue parecendo á Voz, e iso é moi importante, e non é doado de conseguir.

En xeral, os redeseños adoitan ser procesos moi sensíbeis, nos que hai que ter a cabeza bastante fría. Por unha banda, a cultura interna da redacción ten unha visión da páxina de inicio que adoita diferir moito da visión externa que se ten desa mesma páxina de inicio, máis rutinizada e utilitarista, e non hai que deixarse levar (demasiado) polo estado de ánimo corporativo. Así que a reubicación de elementos adoita derivar nunha inoportuna sensación de perda nos usuarios. Lembro que, tralo redeseño de 2002, en culturagalega.org eliminamos un listado de noticias anteriores ubicado na zona inferior da páxina de inicio. Aínda que as mellorar para recuperar noticias pasadas co redeseño foran considerábeis, aínda hoxe en día hai usuarios que me recriminan que quitaramos ese bloque.

Así que se un observa as reaccións dos usuarios ao cambio gráfico de La Voz (polo menos, dos usuarios que postean comentarios no cibermedio) apréciase que a principal reacción contraria ao redeseño foi en relación ás edicións locais. Ortodoxamente, a redacción outorgoulles moita importancia no novo deseño: están nun bloque no cuadrante superior dereito, nunha caixa que imita os destacados de elpais.com e no que as noticias se poden consultar dunha e dunha. Ademais, están ben ubicados no submenú da sección Galicia. Pero moitos usuarios non as ven polo de agora. Hai que dicir que, nun redeseño, poucos usuarios se consideran plenamente satisfeitos co cambio. É normal. A ninguén lle gusta que lle cambien as cousas de sitio. Outra cousa é saber en qué medida é unha reacción conservadora momentánea ou pode xerar unha insatisfacción máis prolongada.

Parte do problema están en que moitos usuarios de La Voz quererían comezar o xornal polas súas noticias locais, pero vense abocados a facer unha navegación, antes lateral e agora doutros xeitos, na busca desas seccións. Non sei cantos serán, pero deben ser bastantes a xulgar por como funciona o consumo en papel do medio. E aquí entramos nunha pregunta significativa. Os redeseños son procesos lentos e custosos. Pero eu creo que, especialmente se son radicais e implican mesmo un cambio tecnolóxico, como é este caso, deberan ser tamén reconcepcións, é dicir, novas formas de pensar o medio. Reaxustes nas formas narrativas adaptadas á comunidade de lectores. Neste caso, algo así como deixar que o sistema lembrara cal é a edición local do usuario -un usuario que se rexistrase na edición dixital- e lla sacara en portada, ao carón da edición xeral, dándolle a relevancia real que na produción e consumo de La Voz ten a información local.

4 Comments

  1. 26 / Xullo/ 2007

    No caso das edicións hai un problema que pode levar a erro: pódese chegar a través do menú superior (Galicia > Lemos, por exemplo), pero da a sensación de que o bloque destacado da dereita TAMÉN vai servir para iso. Nembargantes, cando seleccionas a edición que queres ver somentes aparece a noticia principal da edición dentro dese bloque deixando a portada tal cual era cando entraches e sen posibilidade (alomenos que eu vise) de consultar outras noticias da zona seleccionada.

  2. 26 / Xullo/ 2007

    Outra cousa que tamén boto en falta que non se correxise no redeseño, aínda que ben podería ser un problema de concepto é que, dentro de edicións que engloben varias poblacións (Lemos, A Mariña…) as noticias non leven un epígrafe visible pra distinguir as referentes a unha población e a outra. En Lemos, por exemplo, podes atopar mezcladas sen orden nin criterio aparente as noticias de Monforte, Sárria e Chantada, sen que en moitos casos poidas saber, ata que entras, a que pobo se refire a nova.

  3. 27 / Xullo/ 2007

    Totalmente de acordo, Manuel. O motivo é que creo que non se tocou o banco de datos, e o que comentas implicaría facer algo de programación estendida. Pero é o que comentaba enriba: non se produciu unha reconcepción do medio para adaptalo aos novos medios.

  4. 29 / Xullo/ 2007

    Eu acabo de descubrila hai unhas horas esta nova imaxe. Paréceme moi boa. Pero sabedes? O primeiro que pensei é que estaba vendo El Pais en versión galega. Pareceume tamén máis similar a La Vanguardia (polas tipoloxía máis grande e a distribución). Non sei. É unha apreciación. Non é que me puxese a comparar. Simplemente foi o primeiro que me veu á mente.

    Os cambios son necesarios. E La Voz necesitábaos. Estamos na era dixital. E non nos podemos quedar atrás…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará