As Catedrais do silencio: estrea dun documental sobre as minas abandonadas do Barbanza

Last updated on 30 / Marzo/ 2009

lampon_1.jpg

lampon_2.jpg

Pois temos a sorte de estrear aquí, en Capítulo 0, o documental As Catedrais do silencio. É unha pasada. Está producido pola Asociación Xuvenil para o Estudio da Natureza (AXENA) é pódese entender como unha continuación de En marcha por un desafío, a súa primeira produción audiovisual. Se en En marcha por un desafío, os rapaces de AXENA investigaban as posibilidade de gravación infravermella do nacemento e o primeiro voo dos cárabos, que son rapaces noturnas que viven nas fragas galegas, en As Catedrais do Silencio afrontan un proxecto moito máis complicado.

A partir dos anos 40, a comarca do Barbanza foi obxecto dunha intensa explotación mineira na procura de valiosos materiais, coma o mítico wolframio empregado para o armamento bélico da II Guerra Mundial, estaño, etc. Estas minas seguen aí, aínda que non hoxe teñen valor por outros motivos, entre eles, o feito de estar habitadas por unha fauna estraña e única, que só resiste e habita en lugares especialmente protexidos como as profundidades destas galerías abandonadas. José Juan Fernández, Xurxo Gago, Maga Martínez e Rubén Paz exploraron unha ducia de minas abandonadas do Barbanza. Internáronse nas galerías, descenderon por chemineas facendo rappel e internáronse en ríos subterráneos á busca destas especies. E atopáronas.

lampon_3.jpg

lampon_4.jpg

lampon_5.jpg

O principal escenario do documental son as Minas de Lampón (Boiro). Un complexo labiríntico con varios niveis de galerías e enormes espazos interiores, como salas de pedra. Alí está a saramaganta da que falabamos o outro día, protexida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O documental denuncia a difícil situación da mina, á que lle están a afectar as obras de ampliación da Vía Rápida do Barbanza provocando o derrube de pozos e soterrando en vida especies en perigo de extinción. As Minas de Lampón son, ademais, un duro recordo da nosa historia recente. Os presos republicanos do Pozo, o campo de concentración da Pobra do Caramiñal, excavaron as primeiras galerías desta explotación. No web de AXENA podes protestar por este destroce. Seica hoxe xa se produciu algunha denuncia de persoal especializado contra a empresa adxudicataria das obras.

O documental foi feito case con recursos mínimos, pero é unha mostra do nivel de calidade que poden acadar producións audiovisuais non profesionais. Unha cámara miniDV de 300 euros, unha cámara de infravermellos de 30 euros, un foco alimentado pola batería dun coche a modo de alimentación eléctrica portátil, música opensource ou composta para a ocasión por un amigo, linternas LEDs…

Así que, contigo, As Catedrais do Silencio. Se dispós de quince minutos, mírao. Paga moito a pena.

Versións noutros idiomas (con subtítulos):

3 Comments

  1. Tino
    20 / Xullo/ 2007

    Moi interesante, para cando un catálogo e posta en valor destes lugares?
    Consellaria de Industria e a de Turismo, espabilade!

  2. REFLEXF4
    20 / Xullo/ 2007

    Noraboa, supoño que a ledicia de topar o que buscabades, superou con creces todos os traballos, e tempo que lle adicastedes.
    Os medios son tan simples….? Porque o audiovisual quedoubos caralludo. Unha aperta. :-)

  3. 20 / Xullo/ 2007

    Si, son exactamente o que publiquei. Un portátil para ver in situ algunas das tomas, a batería vella dun coche, cabos, a cámara miniDV…

    Iso demostra que, no audiovisual, non fan falta grandes diñeiros para facer cousas moi boas. O que fai falta son ideas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará