A beta de ADN: unha interesante nova vía

adnbeta.jpg

Pois hoxe estamos que non paramos con novos deseños e produtos web. O amigo Juan Varela liberou a beta do agardado novo ADN na web. O deseño diferénciase claramente dos modelos máis clásicos da versión dixital dos xornais en papel e aproxímase ao seu veciño directo, o 20 minutos. Moitos elementos inciden nesta cuestión: o uso de manchas de cor sólidas, as numerosas estruturas en bloques e a opción por moitos tickers de información que se amplían de xeito horizontal, valéndose das novas posibilidades da combinación de CSS e AJAX. Aínda que a estrutura interna das noticias é bastante convencional, resulta moi chamativa a implicación directa dos usuarios, que vai formalmente algún paso máis alá que as experiencias de xornalismo cidadán doutros medios. Especialmente chamativo é, por exemplo, a inclusión no segundo pantallazo das iconas dos usuarios máis activos da comunidade, ao estilo dos medios sociais, ou o traslado a portada dun badge estilo Flickr coas fotos dos usuarios. O movemento de usuarios en tempo real pódese apreciar no deseño de Vuestro ADN, a central de xestión de contido dos lectores. Iso non quita que, ás veces, a publicación dos comentarios “fóra de contexto” xenere algunha confusión.

Tamén é relevante, aínda que xa é unha experiencia máis coñecida, certa “mashupización”. Na zona inferior, ADN incorpora un mash-up de Google Maps no que posiciona información de carácter xeográfico (franquicias da NBA, por exemplo), pero o resultado non está ben resolto, ao meu ver: excesivamente horizontal e tan só aporta os nomes das cousas (non sería moito mellor un listado?). ADN parece centrarse nun concepto moi activo da información, destinada a rotar e consumirse moi rapidamente. O número de seccións é moito máis reducido que nun xornal convencional, pero non parece que o almacenamento e recuperación posterior sexa demasiado importante (non atopei un buscador en portada). Información rotando con rapidez, destinada á conversa e á distribución, con licenzas abertas de contido. As tipografías grandes, as entradiñas pequenas parecen fomentar ese concepto de portada como “base da pirámide”.

O novo ADN consolida unha (segunda? terceira?) vía no deseño de cibermedios. Novos formatos que xa se desprenderon de prexuízos anteriores e buscan un camiño de converxencia novo cos produtos informativos xurdidos por fóra do sistema.

One Comment

  1. 18 / Xullo/ 2007

    seu traballinho deu!!! Pero quedou ben fermoso!! A ver por onde tira agora Escolar :D

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará