Enfrontarse á libraría cunha lista en branco

Last updated on 8 / Xullo/ 2007

fnac_acoruna.jpg
Andeis da Fnac A Coruña

Día para visitar a Fnac A Coruña e aprovisionarse de libros para o verán. Aínda que xa visitara a tenda a noite da súa inauguración, non lle puidera prestar atención axeitada ao fondo editorial. A área de libros da Fnac A Coruña non ten, por suposto, as dimensións da Fnac Callao, en Madrid, ou a de Praza Catalunya, en Barcelona, pero sen dúbida debe ser unha das librarías máis grandes de Galicia, senón a máis grande, nestes momentos.

Cousas positivas e negativas, como todo. Negativas: non parece estar especialmente aprovisionada de novidades, nas dimensións editoriais deste concepto: libros que figuran nos suplementos editoriais de hai quince días ou tres semanas. Positivas: entre outras, algo que sempre defendín. O libro en galego non ocupa o ghetto dunha solitaria sección separada, senón que está incorporado ao fondo xeral por temáticas e autores, aínda que nalgúns sitios ocupa mostradores especiais para visibilizalo como “nicho de mercado”, que en realidade tamén é de seu. Isto, que é positivo, tamén ten consecuencias pavorosas, ao comprobarmos -por comparación cos seus veciños de andel- a precariedade da diversidade temática do ensaio na nosa lingua, escaseza que aínda se acentúa ao comprobarmos que o 90% da non-ficción en galego incorpora de xeito ritual e mecánico a palabra “galego” no título, nunha sorte de esquizofrenia autoafirmativa identitaria que contrasta coa riqueza temática dos estantes na que está.

Aínda así, chegar cunha lista case en branco de libros para mercar nunha grande superficie é un potente exercicio terapéutico. Un vai repasando, cabeza ladeada, os miles de títulos. Obviamente, a técnica consiste en descartar a oferta libresca, porque como todo o mundo sabe, pasear por unha libraría é, sobre todo, escoller que libros non ler. E, por suposto, nesta piscoanálise, un, que se cre moi aberto e curioso, descubre prexuízos, confesos interiormente ou non, e un certo filtro na busca de literatura para o verán, sexa o que queira dicir iso. Están os libros que hai que ler pero que agora mesmo non (por que non?), tamén están os libros que se deberan ler (son os peores, porque provocan remordemento moral), e, por suposto, un reatópase cos autores sobre os que fas skip, pasas por riba dos lombos dos libros sen animarte a abrilos e sen saber moi ben por que. O peor momento, por suposto, son os descartes. Unha libraría deste tamaño activa en min, automaticamente, unha memoria de pez momentánea, que provoca que me esquenza dos libros interesantes que vin un minuto e tres metros de andel detrás. Así que vas cargando cunha pequena montañiña coa que despois tes que barallar escollidos e devoltos e descartar se non queres deixar o soldo alí. Por suposto, sempre colles máis libros dos que en realidade lerás.

Algunhas ideas polas que me deixei seducir: Abril rojo, de Santiago Roncagliolo; Tokio Blues, de Haruki Murakami; Ébano, de Kapuscinski; Roma Eterna, de Robert Silverberg; Esta historia, de Baricco; El último deseo, de Andrezj Sapkowski. Algúns irán aparecendo por Capítulo 0.

¿E ti, que libros tes para o verán?

One Comment

  1. 10 / Xullo/ 2007

    Sin ánimo de entrar en polémica y gracias a los astros no es la librería mas grande de Galicia, por lo menos en numero de volúmenes…Todavía quedan librerías autóctonas más grandes (véase Follas Novas en Santiago)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará