Abadía da Cova Crianza 2005: un viño para festas da noite

Igual que hai viños para comidas e comidas para viños, tamén hai viños para momentos e mesmo para persoas. Hai viños para beber nunha festa, de pé e picoteando, viños para acompañarte nunha comida lixeira; outros para dixerir boi…e por suposto tamén están os ácidos viños para baixar churrasco sobre longas mesas forradas de papel. Tampouco deberiamos esquencer os viños para beber en soedade -si, tamén hai deses. O descubrimento da semana encaixa na categoría viño de festa noturna. É o Abadía da Cova Crianza 2005. Un mencía da Ribeira Sacra con nove meses temperados en barrica, medidos ata enriquecer o floral mencía cos toques da vainilla sen que esta devore a peculiaridade. É un viño de froita vermella madura, que lle pode gustar a todo o mundo, e especialmente aos que non teñen un gusto formado con tintos pesados de Castela, ou queren probar cousas diferentes do viño clásico. Parécese a ese Casal do Cabildo barrica do que teño falado aquí. Este sería un viño para unha festa deste verán borralleiro que temos, capaz de maridar con picoteo das festas: cruzando froitos secos con brochetas de polo e langostinos con guacamole, e non necesariamente nesta orde. Está a un prezo asequíbel, 10 euros. Ultrarecomendábel.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará