Restaurante dos Abades, cociña resolta no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil

restaurante_dos_abades.jpg
A sala do Restaurante dos Abades do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Non teño eu moi boa experiencia de xantar nos Paradores. Dáme a impresión de que o marco impresionante, moitas veces, ten algún tipo de efecto inhibidor da calidade culinaria, que se plasma nuns prezos bastante máis elevados do que a resolución dos pratos -tan só correcta- merece. Algúns detalles do servizo parecen ser preservados, ademais, en alcanfor: esas camareiras vestidas con traxe rexional son como un recordatorio dese concepto de turismo español dos 80: asador castelán, mesa pesada e labrada, rioja reserva, pseudohistoricismo. En xeral, a cociña dos Paradores seguía e segue un pouco aínda ese ritmo. Prudente (conservadora), nun equilibro difícil entre recoller as esencias locais do lugar no que está o establecemento -pratos sinxelos, labregos ou mariñeiros- e revestilas de toques de alta cociña que xustifiquen a mesa dentro dun establecemento de catro ou cinco estrelas.

Tiña un pouco ese temor (prexuízo) cando fumos cear ao Restaurante dos Abades, do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil. O restaurante está ubicado na zona máis baixa do desnivel do mosteiro, na espectacular arquería coa que os monxes salvaron a caída da montaña e puideron levantar o lenzo norte do Claustro dos Cabaleiros no século XVII. Descéndese nun ascensor acristalado cara esta sala longa que ves na foto. Nós pedimos non estar aí: da última visita quedárame prendado con outro lugar. Abrindo portas de cristal, de súpeto entramos no souto de castiñeiros e carballos. Unha pasarela de madeira voaba desde as rexas pedras do mosteiro. Estabamos no medio do solpor, e aí queriamos estar. A esas horas, o bosque do mosteiro de Santo Estevo é unha enorme sinfonía de paxaros que despiden o día. A calor espesa, os merlos, o silencio das outras mesiñas, a calidez das velas. Cear no medio do bosque.

A carta do Restaurante, efectivamente, parecía unha recomendación política expresa da Secretaría de Estado de Turismo e Comercio, pero era francamente orixinal: a Cociña das Denominacións de Orixe. Deste xeito, o chef José Ramón Rodríguez del Río e o seu equipo dedícanse a explorar casamentos entre produtos das diferentes denominacións de orixe españolas. Deste xeito, un rissoto de arroz de Calasparra con chipiróns e mexilóns das Rías Baixas, ou fabas asturianas con ameixas de Carril. Con máis contudencia, as manciñas de porco recheas de confit de pato con crema de garavanzos (excelentes) ou un bonito cun fondo de pil-pil con aceite dos montes de Toledo, no que o punto de cocción e o pil-pil suavizaban o rexo do peixe.

Cociña moi solvente, aínda que cun punto pesado no uso de preves que aínda é herdanza da vella concepción burguesa e, se cadra, da alta cociña de hotel dos 80 e 90, pero comercialmente moi axustada a ese público clásico dos Paradores: señores e señoras dunha certa idade, por unha banda, público nórdico e do norte de Europa polo outra. Os viaxeiros europeos acuden a Santo Estevo de xeito masivo e a cociña tenta exercer cáseque de embaixadora da gastronomía peninsular. Tamén hai indicios de modernidade, por suposto: a carta de viños era divertida, arriscada diversa e bastante innovadora, aínda que non tiña tantos caldos da Ribeira Sacra como a zona se merece. Ante a diversidade de platos que nós escollemos (e a suposición de que podería ser unha comida algo pesada) non era doado atopar un viño que maridase ben, pero alí estaba: un espectacular verdello de Rueda, un Palacio de Bornos Fermentado en Barrica que se defendeu á perfección con todos os pratos, coa súa potencia directa do varietal e o corpo outorgado pola madeira. O Palacio de Bornos eternizou e dulcificou esta cea no medio do bosque, agora xa silencioso, de sombras bailantes, baixo a fraga. O servizo, absolutamente impecábel.

Un lugar para deixar pasar as horas, durmir e descansar, manter eternas conversas.

4 Comments

  1. 25 / Xuño/ 2007

    Comparto a diagnose… un sitio impresionante… só bóto en falta algo qeu sempre das… o prezo!! ¿Q custa cear nese lugar?

  2. 25 / Xuño/ 2007

    Pois é verdade, esquecéraseme. Bastante razoábel. 29 + IVE por entrante da casa + primeiro + segundo + postre.

  3. REFLEXF4
    25 / Xuño/ 2007

    Vaia sorpresa co precio , ademais do ben que sona eso de xantar no bosque

  4. 25 / Xuño/ 2007

    Pois si, nestes sitios normalmente meten unha cravada de campionato… esta gárdoma para unha celebración!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará